Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 1997 Páx. 3.965

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 17 de febreiro de 1997 pola que se lle outorga a Gas Galicia, SDG, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais, no termo municipal de Redondela.

Visto o escrito presentado pola empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo social en r/ A Rosa, 16-3º B, 15701 Santiago de Compostela, e tendo en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 8 de agosto de 1996, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. dedicada á producción, conducción, distribución e subministración de combustibles gasosos, solicitou ó abeiro da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de normas básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións no sector de combustibles, e do Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, a concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural no termo municipal de Redondela (Pontevedra); para estes efectos presentou o preceptivo proxecto das instalacións obxecto da concesión á que fai referencia o artigo 10 do Decreto 2913/1973.

As características principais das instalacións son as seguintes:

1. A rede básica de distribución terá a súa orixe no gasoducto que vai realizar Enagás, S.A. neste termo municipal, a través dos correspondentes puntos de entrega de gas natural. (No PEGN realizarase a medición do gas, e tamén se reducirá a súa presión desde o rango AP-72 (72 bar) ata o rango MPB (4 bar)). Desta rede básica partirán as redes secundarias e ramificacións precisas para atende-los diferentes puntos de consumo. Para alimenta-la rede de distribución secundaria, a explotación da cal se realiza no rango MPA, instalaranse estacións de regulación, MPB/MPA, ó longo do trazado da rede primaria.

2. A rede primaria operará a unha presión máxima de 4 bar efectivos; a rede secundaria operará en parte á presión máxima de 4 bar, e en parte á presión máxima de 0,4 bar en función, especialmente, dos consumos demandados, das características urbanísticas dos núcleos poboacionais e dos condicionantes das vías públicas e edificación.

3. O caudal máximo que se vai conducir será o necesario para atende-la demanda máxima prevista para os diferentes mercados do termo municipal obxecto da concesión. De acordo cos cálculos previstos, estímase en 2.200 m(n)/h o caudal máximo de gas natural que se vai canalizar.

4. A lonxitude aproximada dos encanamentos que comporán a rede será:

-Rede primaria: 10.000 m.

-Rede secundaria: 22.033 m.

5. Consideraranse como temperaturas límites as seguintes:

-Máxima: 55º C.

-Mínima: -10º C.

Non obstante, para efectos de cálculo, tomarase como base unha temperatura de 15º C.

O orzamento total estimado ascende a catrocentos trinta e sete millóns seiscentas sesenta e nove mil cincocentas pesetas (437.669.500 ptas.).

Segundo.-De conformidade co establecido no citado Decreto 2913/1973, a Dirección Xeral de Industria dictou Resolución, con data 24 de xullo de 1996, pola que se someteu a información pública a concesión administrativa de referencia, que se publicou no DOG do 10-9-1996, no BOP de Pontevedra do 13-9-1996 e no xornal La Voz de Galicia do 9-9-1996, non presentándose ningunha oposición no proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia; o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continúa en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvemento dela.

Segunda.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Industria,

DISPÓN:

-Outorgarlle á empresa Gas Galicia, SDG, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais no termo municipal de Redondela.

A presente concesión administrativa axustarase a cantas prescricións se establecen na Lei 10/1987, do 15 de xuño, no Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e a cantas disposicións fosen ou sexan dictadas sobre o servicio público de subministración de combustibles, así como ás seguintes condicións:

Primeira.-Gas Galicia, SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados a partir do momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 8.753.390 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o artigo 7, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-Dentro do prazo de tres meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia a autorización para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas, e debendo cumprirse, en todo caso, os prazos previstos no proxecto de concesión, podendo os ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude xunto da xustificación técnica ou da exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberá cumprirse o establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía, do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, e deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, apartado c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpri-las normas básicas de instalacións de gas en edificios habitados ou, se é o caso, aquelas que as modifiquen ou substitúan.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha adecuada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da conservación e bo funcionamento deles.

O concesionario queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado Regulamento xeral, así como no modelo de póliza anexo a este, e a cantas outras disposicións fosen ou sexan dictadas polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de venda de gas rexerase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Gas Galicia SDG, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmisor derivados da concesión.

Oitava.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor teñan que realizarse nas instalacións obxecto da concesión deberán serlle comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Novena.-Nos casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantemento do servicio ós usuarios del, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-la subministración.

Décima.-Poderán ser causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b, do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de

Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na resolución e na autorización para a súa montaxe.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose adecuado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente orde, Gas Galicia, SDG, S.A., poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1. Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión que as instalacións substituídas, ou ben

2. O outorgamento da correspondente concesión, para as novas instalacións, se pola importancia dos investimentos que estas supoñan, non puidese obter unha compensación económica adecuada durante o prazo que quedase para a caducidade da concesión antes mencionada, aínda que tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter.

Décimo primeira.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros, deixando a salvo os dereitos particulares e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, logo da comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, coa nova redacción dada pola disposición adicional décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

2442