Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 11 de abril de 1997 Páx. 3.444

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE OUTEIRO DE REI

BASES que teñen que rexe-la convocatoria de oposición libre para cubrir, en propiedade, unha praza de administrativo de Administración xeral.

Primeira.-O obxecto da convocatoria é a provisión en propiedade, por oposición libre, dunha praza de administrativo de Administración xeral, encadrada na escala de administración xeral, subescala administrativa. Esta praza está dotada cos haberes básicos correspondentes e as retribucións outorgadas pola corporación a nivel xeral.

Segunda.-Serán requisitos dos aspirantes:

a) Ser español, sen prexuízo, se é o caso, da admisión de cidadáns da Unión Europea, de acordo coa Lei 17/1995.

b) Ter cumpridos os 18 anos e non exceder de 55.

c) Estar en posesión do título de bacharel, formación profesional de segundo grao ou equivalente, ou estar en condicións de obtelo na data en que termine o prazo de presentación de instancias.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño normal das correspondentes funcións.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio do Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

f) Non estar incurso en ningunha das circunstancias recollidas na Lei 53/1984, do 12 de decembro, de incompatibilidades.

Tódolos requisitos anteriormente relacionados deberanse posuír no momento de finaliza-lo prazo de presentación de instancias, debendo continuar en posesión deles durante todo o proceso selectivo.

Terceira.-Solicitudes.

1. As instancias polas que se solicita tomar parte na oposición, nas que os aspirantes deberán manifestar que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas, dirixiranse ó alcalde-presidente da corporación e presentaranse no rexistro xeral do concello, acompañadas do xustificante de ter feito o ingreso na súa tesourería da cantidade de 2.000 pesetas, en concepto de dereitos de exame.

2. O prazo de presentación será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da convocatoria no BOE. As instancias tamén se poderán presentar na forma que determina o artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Unha vez expirado o prazo de presentación de instancias, o alcalde dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se declara aprobada a lista de admitidos e excluídos. Na citada resolución, que se publicará no BOP e no taboleiro de anuncios do concello, indicarase o nome, apelidos e DNI dos admitidos e excluídos, indicando as causas de exclusión e concedendo un prazo de dez días para emenda de defectos. No suposto de que non formulasen reclamacións á lista provisional entenderase elevada a definitiva, sen necesidade de nova publicación. No caso contrario, a alcaldía resolverá as reclamacións presentadas e acordará a publicación da lista definitiva no BOP.

Na mesma resolución determinarase o lugar e data de comezo dos exercicios e a composición do tribunal cualificador. O extracto desta resolución será publicado no BOP, xunto coa lista definitiva de aspirantes e servirá de emprazamento ós opositores para o comezo das probas selectivas.

Quinta.-O tribunal cualificador estará integrado polos membros seguintes:

Presidente: o da corporación ou membro dela en quen delegue.

Vocais: un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública. Un representante sindical. Un funcionario do concello nomeado pola alcaldía. O secretario do concello.

Secretario: o secretario do concello.

Por cada un dos membros do tribunal designarase un suplente.

Os membros do tribunal deberán absterse cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen asistencia de tres, alomenos, dos seus membros, titulares ou suplentes.

O tribunal queda facultado para resolve-las dúbidas que se presenten e toma-los acordos necesarios para a boa orde da oposición no non previsto nestas bases.

Sexta.-Os exercicios da oposición serán os seguintes:

1º. Consistirá na contestación a un test de preguntas, relacionadas co temario unido ás presentes bases, facilitado polo tribunal no momento do exame, durante un período máximo dunha hora e trinta minutos.

2º. Consistirá nunha traducción para o galego dun texto en castelán, que proporá o tribunal; haberá que desenvolvelo por escrito durante un período máximo dunha hora.

3º. Consistirá en contestar por escrito, nun período máximo de dúas horas, a un tema extraído ó azar entre os que figuran no programa anexo á convocatoria.

4º. Consistirá en resolver un caso práctico, que proporá o tribunal no momento do exame, sobre materia relacionada cos cometidos da praza obxecto da oposición, no prazo de dúas horas.

Tódolos exercicios serán obrigatorios e eliminatorios e cualificados ata un máximo de 10 puntos; quedarán eliminados os opositores que non alcancen un mínimo de 5 puntos en cada un deles. A cualificación dos exercicios será a media aritmética da puntuación outorgada por cada membro do tribunal, excluíndose a máxima e a mínima se entre elas hai unha diferencia igual ou superior a 3 puntos.

Sétima.-A puntuación final de cada opositor estará formada pola suma das puntuacións obtidas en cada exercicio da oposición; resultará aprobado unicamente o aspirante que obteña maior puntuación.

Rematada a cualificación, o tribunal publicará a relación de opositores, coas súas notas, no lugar do último exame e elevará á alcaldía a proposta do opositor que obtivese maior puntuación, para os efectos do seu nomeamento.

Oitava.-O aspirante proposto para o nomeamento aportará ante Administración, no prazo de 20 días naturais desde que se faga público o resultado da oposición, os documentos acreditativos das condicións esixidas para tomar parte no proceso selectivo:

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Fotocopia compulsada do título esixido.

-Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o normal exercicio da función que ten que desenvolver.

-Declaración xurada de non estar separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para

o exercicio das funcións públicas e de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade recollidas na Lei 53/1984, de incompatibilidades.

-No suposto de que o aspirante teña a condición de funcionario público estará exento de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa demostrados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación da Administración onde prestase os seus servicios que acredite a súa condición e cantas circunstancias figuren no seu expediente persoal.

Quen dentro do prazo, e salvo caso de forza maior, non presentase a documentación, non poderá ser nomeado, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade na que puidese incorrer por falsidade da súa instancia.

Novena.-Concluído o proceso selectivo e aportados os documentos á que fai referencia a base anterior, o alcalde, de acordo coa proposta do tribunal cualificador, procederá nomear funcionario de carreira ó opositor designado polo tribunal, que deberá tomar posesión no prazo de 30 días, contados a partir do seguinte a aquel en que lle sexa notificado o nomeamento.

O funcionario deberá, previamente, prestar xuramento ou promesa de conformidade co establecido no Real decreto 707/1979.

No caso de non tomar posesión sen causa xustificada, quedará na situación de cesante, coa perda de tódolos dereitos derivados da convocatoria e do nomeamento concedido.

ANEXO

Programa do terceiro exercicio

Tema 1.-Os principios constitucionais e os valores superiores na Constitución española.

Tema 2.-Os dereitos fundamentais e as liberdades públicas na Constitución española.

Tema 3.-A protección e suspensión dos dereitos fundamentais.

Tema 4.-Os principios de organización administrativa.

Tema 5.-A distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas.

Tema 6.-Elaboración e aprobación dos estatutos de autonomía.

Tema 7.-Os conceptos de Administración pública e dereito administrativo.

Tema 8.-A submisión da Administración ó dereito. O principio de legalidade.

Tema 9.-O acto administrativo. Concepto. Clases.

Tema 10.-Elementos do acto administrativo. Requisitos. Motivación e forma.

Tema 11.-Invalidez do acto administrativo e das disposicións cidadás. Supostos de nulidade de pleno dereito e anulabilidade.

Tema 12.-O principio de conservación do acto administrativo: transmisibilidade, conversión, conservación e validación.

Tema 13.-Iniciación do procedemento: clases, emenda e mellora de solicitudes.

Tema 14.-Instrucción: intervención dos interesados, proba e informes.

Tema 15.-Finalización do procedemento. Contido da resolución expresa. O desistimento e a renuncia. A caducidade.

Tema 16.-Obriga da Administración de resolver. Actos presuntos, positivos e negativos, e certificación para a súa eficacia.

Tema 17.-Os procedementos de execución: título e medios.

Tema 18.-Os procedementos de revisión. Revisión de oficio de actos nulos e anulables. Revogación de actos non declarativos de dereitos e de gravame. Rectificación de erros materiais e de feito.

Tema 19.-Recursos administrativos: principios xerais. Actos susceptibles de recursos administrativos.

Tema 20.-A xurisdicción contencioso-administrativa. A súa natureza, extensión e límites.

Tema 21.-A potestade regulamentaria das entidades locais.

Tema 22.-Regulamento orgánico e ordenanzas. Distinción, procedemento de elaboración e aprobación.

Tema 23.-O municipio. Concepto.

Tema 24.-O territorio municipal. Creación e supresión do municipio. Alteración de termos municipais.

Tema 25.-Estruturas supramunicipais.

Tema 26.-A poboación municipal. Clasificación. O empadroamento. Dereitos dos veciños.

Tema 27.-A organización municipal: principios fundamentais. Órganos básicos e complementarios.

Tema 28.-As competencias dos municipios e provincias.

Tema 29.-As competencias delegadas: réxime de delegación. A xestión ordinaria provincial das competencias autonómicas.

Tema 30.-Réxime de sesións das corporacións locais: as súas clases.

Tema 31.-Os acordos das corporacións locais: clases e formas de acordos.

Tema 32.-Sistemas de votación e cómputo de maiorías. Informes do secretario e do interventor.

Tema 33.-Clases de bens locais. Os bens de dominio público. Peculiaridades do seu réxime xurídico.

Tema 34.-Medios de protección do dominio público local. Os bens comunais.

Tema 35.-Modos de xestión dos servicios públicos locais.

Tema 36.-A función pública local. A súa organización.

Tema 37.-Os funcionarios propios das corporacións locais.

Tema 38.-Imposición e ordenación de tributos locais.

Tema 39.-As ordenanzas fiscais: contido e procedemento de elaboración.

Tema 40.-Os orzamentos das entidades locais: principios e documentos de que constan.

Outeiro de Rei, 9 de marzo de 1997.

Antonio Varela Rodríguez

Alcalde

2457