Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 03 de abril de 1997 Páx. 3.034

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 6 de febreiro de 1997 pola que se convoca o XIII Certame Galego de Fotografía Xuventude 97.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da actividade xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura e Comunicación Social, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, as artes líricas e a imaxe, así como a promoción das artes plásticas e populares, de acordo co Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, e o Decreto 256/1996, do 20 de xuño, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura e Comunicación Social, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 97.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude convoca o XIII Certame Galego de Fotografía Xuventude 97, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artígo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da

Consellería de Familia, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Artígo 3º

As actividades que leven consigo o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

XIII Certame Galego de Fotografía Xuventude 97

I. Participantes.

Mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia con idades entre 16 e 30 anos, cumpridos durante o ano 1997.

II. Condicións xerais.

1. A modalidade é única, admitíndose branco e negro e cor en tódalas súas técnicas.

2. A temática fará referencia á xuventude en tódalas facetas da súa actividade.

3. Cada autor poderá presentar tódalas fotografías que desexe co mesmo lema e distinto título.

4. As fotografías deberán ser orixinais, non podendo estar publicadas nin ter recibido ningún premio.

5. Xunto coa obra presentada, o autor entregará un sobre pechado co lema escrito no seu exterior e no seu interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III, xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras.

6. Cada fotografía deberá ir montada en soporte consistente, recomendándose as medidas 40 x 50 cms. Na súa parte posterior deben leva-lo lema e o título correspondente.

7. As fotografías, tanto en cor como en branco e negro, terán as medidas seguintes:

-Máximas: 30 x 40 cm.

-Mínimas: 18 x 24 cm.

8. A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras. A Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que asegure as obras, de ata un máximo de 100.000 ptas. por obra.

9. A organización realizará un catálogo das obras seleccionadas, que llelo enviará ós participantes.

10. As obras que reciban os premios establecidos quedarán en poder da Xunta de Galicia.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II.

As fotografías xunto coa solicitude e o sobre pechado entregaranse no Servicio de Xuventude da Delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude correspondente á provincia na que os interesados teñan fixada a súa residencia habitual, que pode ser en:

r/ Ronda de Fingoi, s/n-27002 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales 20-entresollado, 36203 Vigo.

ou ben mandaranse por correo certificado, ata o día 2 de setembro de 1997.

IV. Desenvolvemento.

-Fase provincial.

O xurado seleccionará de entre as fotografías presentadas en cada provincia aquelas que ó seu xuízo e pola súa calidade e orixinalidade estimen merecentes de acada-la seguinte fase.

-Fase autonómica.

No mes de novembro de 1997 e na Casa da Xuventude de Ourense, realizarase unha exposición coas obras previamente seleccionadas na fase anterior, entre as que o xurado elixirá e premiará, se así o coidase conveniente, as tres mellores fotografías e a mellor colección.

V. Premios.

Establécense os premios seguintes:

-Á mellor fotografía.

1º 100.000 ptas.

2º 75.000 ptas.

3º 50.000 ptas.

-Á mellor colección.

Un premio de 125.000 ptas.

Con motivo da celebración do ano internacional contra o racismo, créase un premio especial de 50.000 ptas.

Establécense así mesmo seis accesits de 20.000 ptas.

A xuízo do xurado, e segundo a calidade das obras, poderanse deixar desertos algúns premios.

Os premios serán únicos e indivisibles.

Cada autor non poderá recibir más ca un premio.

Así mesmo farase entrega a cada un dos participantes seleccionados na fase autonómica, dun diploma que acredite a súa participación neste Certame Galego da Fotografía.

A organización poderá montar unha exposición itinerante coas fotografías.

VI. Xurado.

Os xurados das fases provinciais serán nomeados polos delegados provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

O xurado da fase autonómica será nomeado polo director xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural, e estará formado por persoas cualificadas no campo da fotografía e da imaxe, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial de Familia, Muller e Xuventude de Ourense.

A decisión do xurado será irrecorrible.

2365