Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Xoves, 20 de marzo de 1997 Páx. 2.552

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE BUEU

BASES para a provisión en propiedade dunha praza de cabo para a policía local.

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

1.1. Convócanse probas selectivas para a provisión en propiedade dunha praza de cabo da escala executiva do corpo da policía local de Bueu, segundo o previsto na disposición transitoria segunda da Lei 3/1992, de coordinación das policías locais, que se corresponde coa categoría de cabo da escala de Administración especial do Real decreto lexislativo 781/1986.

1.2. A selección efectuarase por oposición libre.

1.3. A praza obxecto desta convocatoria está dotada coas retribucións previstas no cadro orzamentario municipal e está incluída na oferta de emprego público de 1996.

1.4. As bases específicas das probas selectivas, así como as correspondentes convocatorias, publicaranse no BOP, Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos da Casa do Concello, debendo efectuarse anuncios das convocatorias no Boletín Oficial del Estado computándose o prazo para a presentación de solicitudes a partir da publicación neste último.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

Para seren admitidos nas probas selectivas, os aspirantes por oposición libre deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español, segundo a lexislación vixente.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder daquela na que falten menos de dez anos para a xubilación forzosa por estar determinada pola lexislación básica en materia de función pública (segundo o artigo 135 TRRL).

c) Estar en posesión ou en condicións de obtelo antes da data de remate do prazo de presentación de instancias do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

d) Acredita-la aptitude física mediante a presentación de certificado médico no que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización dos exercicios físicos que figuran especificados na correspondente proba de oposición e que non padece enfermidade ou defecto físico que impida o exercicio das funcións correspondentes.

e) Non estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas nin apartado do servicio das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme.

f) Alcanzar unha estatura mínima de 1,70 metros para os homes e 1,65 metros para as mulleres.

g) Estar en posesión dos permisos de conducir clases A-2 e B-2.

h) Compromiso de portar armas e, se é o caso, chegar a utilizalas, que se prestará mediante declaración xurada e por escrito.

Tódolos requisitos anteriormente enumerados deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de admisión de solicitudes.

Terceira.-Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte na presente oposición deberá presentar instancia conforme o modelo que se lle facilitará nas dependencias municipais na que manifeste que reúne todos e cada un dos requisitos esixidos na base segunda e comprometéndose en caso de obte-la praza a prestar xuramento ou promesa conforme o Real decreto 701/1979, de 5 de abril e a non poñer obxección ningunha a portar armas.

3.2. As solicitudes dirixiranse o alcalde-presidente da corporación e presentaranse no rexistro xeral da Casa do Concello no prazo de 20 días naturais contados desde o seguinte ó da publicación do extracto da convocatoria no BOE.

3.3. As instancias tamén poderán presentarse na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. Os dereitos de participación no proceso selectivo serán de cinco mil pesetas, que deberán ingresarse na Tesourería municipal directamente ou mediante xiro postal, ingreso en conta bancaria etc. O xustificante de ingreso deberase unir á instancia presentada.

Cuarta.-Admisión de solicitudes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía-Presidencia dictará resolución no prazo

máximo de quince días na que aprobará a lista provisional dos aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión e concederá un prazo de dez días conforme o artigo 71 da Lei 30/1992, para a presentación de reclamacións, contados desde a publicación no BOP.

Transcorrido o prazo de presentación de reclamacións, a Alcaldía-Presidencia dictará resolución na que se aprobará a lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos e na que se nomearán membros do tribunal cualificador determinando así mesmo o lugar, data e hora de comezo do proceso selectivo.

A resolución publicarase no BOP e os sucesivos anuncios no taboleiro de edictos do concello.

Quinta.-Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador estará constituído do seguinte xeito:

Presidente: o da corporación ou membro desta en quen delegue.

Vocais:

-A concelleira delegada de persoal ou concelleiro en quen delegue.

-Un representante da Xunta de Galicia, por proposta da Academia Galega de Seguridade

-Un representante da Xefatura Provincial de Tráfico.

-Un funcionario de carreira que designará o alcalde-presidente.

Secretario: o da corporación ou funcionario en quen delegue.

Así mesmo será convocado un representante-delegado de persoal do concello con vos, pero sen voto.

5.2. Por cada membro do tribunal nomearase un suplente.

5.3. O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente.

5.4. O nomeamento dos membros do tribunal farase por resolución da Alcaldía, por proposta dos órganos correspondentes.

5.5. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorra algunha das causas previstas no artigo 28 de Lei 30/1992 ou no suposto previsto no artigo 13.2º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e poderán ser recusados polos aspirantes e tales supostos.

5.6. Poderanse nomear asesores do tribunal con voz e sen voto se se consideran necesarios para la adecuada cualificación dalgunha proba.

Sexta.-Sistema de selección.

6.1. A selección dos aspirantes polo sistema de oposición libre constará de dúas fases:

Primeira fase: probas selectivas.

Segunda fase: curso de formación na Academia Galega de Seguridade polo período de tempo que determine con carácter xeral dita academia.

Con carácter previo ó comezo das probas realizarase un control de estatura e un recoñecemento médico dos aspirantes.

Probas selectivas.

Primeiro exercicio: de carácter obrigatorio, consistirá nunha proba psicotécnica que estará dirixida a determina-la aptitude psicolóxica e adecuación á función policial que se vai desempeñar.

Segundo exercicio: de carácter obrigatorio, consistirá nas seguinte probas físicas:

a) Salto de altura con listón de 1,40 m para os homes e 1,30 m para as mulleres.

b) Salto de lonxitude con carreira, cun mínimo de 4 m para os homes e 3,5 m para as mulleres.

c) Subir unha corda de 7 me de alto.

d) Carreira de cen metros no tempo máximo de 12 segundos os homes e 14 segundos as mulleres.

e) Carreira de tres mil metros nun tempo máximo de 14 para os homes, e 17 minutos para as mulleres.

f) Facer trinta flexións de brazos en posición de cúbito por un tempo de 60 segundos os homes e vinte flexións as aspirantes femininas no mesmo tempo.

Para as probas dos apartados a), b), c) e d) disporán os aspirantes de dous intentos.

Para a realización das ditas probas, que serán realizadas na orde que dispoña o tribunal, os aspirantes deberán vir provistos de roupa deportiva adecuada.

Terceiro exercicio: de carácter obrigatorio e escrito consistente na contestación a un cuestionario de cen preguntas con respostas alternativas referentes ó contido do programa que figura no anexo I, no tempo máximo de dúas horas e media.

Cuarto exercicio: de carácter obrigatorio e escrito, consistirá na realización dun atestado de tráfico co grao de dificultade esixible para a praza no tempo que o tribunal determine.

Quinto exercicio: de carácter obrigatorio e escrito, consistente na traducción do castelán para o galego dun texto que sinale o tribunal no tempo máximo de media hora.

O primeiro e o segundo exercicio serán eliminatorios e cualificaranse de apto ou non apto. No segundo exercicio serán declarados non aptos os aspirantes que non superen calquera das probas que o compoñen.

O terceiro exercicio será avaliado de 0 a 100 puntos segundo o número de respostas obtidas ó cuestionario, cualificando cada resposta acertada con 1 punto, en branco 0 puntos e cada contestación incorrecta penalizarase con -0,5 puntos sendo preciso acadar un mínimo de 75 respostas acertadas para aproba-lo exercicio. A puntuación final no terceiro exercicio será o resultado de dividi-lo número de puntos obtido por 10.

O cuarto exercicio será cualificado de 0 a 10 puntos sendo preciso acadar un mínimo de 5 puntos para superalo.

O quinto exercicio cualificarase cun máximo de 2 puntos. Non terá carácter eliminatorio pero a puntuación sumarase á obtida nas bases xerais da convocatoria.

A actuación dos aspirantes farase por orde alfabética, comezando coa letra resultante no sorteo que se celebrará previamente.

Entre o remate dun exercicio e o comezo do seguinte deberán transcorrer polo menos 48 horas e non máis de 20 días.

Curso de formación.

O aspirante que supere as probas selectivas realizará un curso selectivo de formación na Academia Galega de Seguridade coa duración que fixe a academia con carácter xeral e deberán superalo. A puntuación obtida sumarase ás cualificacións das probas selectivas.

Sétima.-Cualificación final.

As cualificacións de cada exercicio faranse públicas no mesmo día en que se acorde e serán expostas no taboleiro de edictos da corporación.

A puntuación final obtida polos aspirantes será a media das puntuacións das probas en curso.

Finalizada a cualificación dos aspirantes, o tribunal publicará a relación de propostos por orde de puntuación, non podendo exceder estes o número de prazas convocadas e elevarao á presidencia da corporación para que dicte a resolución de nomeamento pertinente.

Oitava.-Presentación de documentos.

O aspirante proposto para ocupa-la praza convocada presentará ante a secretaría xeral do concello dentro do prazo de vinte días naturais, contados a partir da publicación da lista de aprobados, documentación acreditativa de cumpri-los requisitos esixidos na convocatoria.

Se no prazo indicado, e agás casos de forza maior, non presentase a documentación citada, non poderá ser nomeado e quedarán anuladas tódalas súas actuacións sen prexuízo da responsabilidade na que puidese incorrer por falsidade na súa instancia.

Novena.-Nomeamento de funcionario de carreira.

Unha vez presentada a documentación, de ser conforme esta coa base segunda da convocatoria, o aspirante proposto será nomeado funcionario en prácticas e percibirá as retribucións que legalmente lle correspondan á dita situación, debendo superar un curso teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade antes do seu nomeamento definitivo como funcionario de carreira. Os que non superen este curso en dúas convocatorias consecutivas como máximo perderán tódolos dereitos a esta praza.

Décima.-Incidencias.

A convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven desta e da actuación do tribunal poderán ser impugnados polos interesados, nos casos, termos e formas previstos pola Lei 30/1992.

O tribunal queda facultado para resolve-las dúbidas que se presenten e para toma-los acordos necesarios para a boa orde desta oposición. En todo o non previsto nestas bases, rexerán como supletorias a Lei 7/1985, a Lei de coordinación das policías locais de Galicia 3/1992, do 3 de marzo, o Decreto 12/1995, do 20 de abril, polo que se aproban os criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policías locais e demais normas concordantes.

ANEXO

Tema 1. A Constitución española de 1978. Principios xerais e estructura.

Tema 2. Dereitos e deberes fundamentais da persoa na Constitución de 1978.

Tema 3. A Coroa. O poder lexislativo.

Tema 4. O Goberno e a Administración pública. Organización territorial do Estado.

Tema 5. O Poder Xudicial. O Tribunal Constitucional. Reforma da Constitución.

Tema 6. O Estatuto de autonomía de Galicia. Principios xerais e estructura. Institucións autonómicas.

Tema 7. A administración local. Competencias municipais. Órganos municipais: atribucións, estatuto dos seus membros.

Tema 8. O municipio. Termo municipal. A poboación. O empadroamento.

Tema 9. A función pública local. Dereitos e deberes. Faltas e sancións. O procedemento sancionador.

Tema 10. A función pública local: a súa organización. Grupos que a compoñen. Adquisición e perda da condición de funcionario.

Tema 11. A policía local. Concepto. Regulamentación xurídica. Organización. Funcións. Dereitos e deberes. Incompatibilidades. Réxime disciplinario.

Tema 12. A Lei orgánica das forzas e corpos de seguridade. Disposicións xerais. Principios básicos. Disposicións estatutarias comúns. Especial consideración do título V das policías locais.

Tema 13. Principios básicos do dereito penal. Delictos e faltas: persoas responsables criminalmente.

Tema 14. O Código penal. Os delictos e faltas: grao de participación e de execución.

Tema 15. Delictos contra as persoas. Delictos contra a propiedade.

Tema 16. A detención. Delictos contra a liberdade e a seguridade.

Tema 17. A Lei 3/1992, de coordinación da policías locais de Galicia. Ingreso, promoción e mobilidade. Réxime estatutario. Normas básicas de estructura, organización e actuación das policías locais.

Tema 18. O atestado policial. A detención. O depósito de detidos. A asistencia letrada ó detido. O habeas corpus.

Tema 19. A Lei de seguridade vial. Obxecto e ámbito de aplicación. Circulación urbana.

Tema 20. Infraccións en materia de tráfico e seguridade da circulación vial. Procedemento sancionador.

Tema 21. Organismos oficiais que interveñen en materia de circulación. Facultades municipais en materia de circulación.

Tema 22. Normas xerais de circulación. Sinalización. Parada e estacionamento. Carga e descarga.

Tema 23. As ordenanzas municipais. Bandos da Alcaldía.

Tema 24. Documentación de vehículos. Permisos de circulación. Tarxeta de inspección técnica. Autorización de circulación de vehículos destinados a transporte escolar. Tarxetas de transporte. Seguro obrigatorio.

Tema 25.-Tráfico e policía local. Organización e misións. Servicios que se realizan. Regulación de tráfico. Denuncias, infraccións e investigacións de accidentes.

Tema 26. Función da policía local en materia de orde pública, seguridade cidadá, policía xudicial e policía de espectáculos.

Tema 27. A policía local e o urbanismo. Funcións de sanidade e abastecemento. Referencia ás licencias de apertura de establecementos. A policía local e os ben mailas instalacións.

Tema 28. A protección civil. Dereitos e obrigas en materia de protección civil. As funcións dos concellos e da policía local.

Tema 29. Breve descrición do termo municipal de Bueu. Principais lugares de poboación, interese cultural, artístico, deportivo e turístico.

Tema 30. O exercicio do mando. Sistemas de organización.

Tema 31. Ordenanzas municipais de retirada de vehículos. Ordenanza complementaria de tráfico. Ordenanza sobre ruídos e vibracións.

Bueu, 10 de febreiro de 1997.

Xosé Novas Piñeiro

Alcalde

1795