Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 18 de marzo de 1997 Páx. 2.421

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de marzo de 1997 pola que se regula a Comisión Asesora de Publicacións da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O Decreto 316/1990, do 8 de xuño, que regula as publicacións da Xunta de Galicia, constitúe o Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia adscrito á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que entre outras funcións ten a de aproba-las programacións semestrais de cada unha das consellerías, e ten adscrita a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia.

O contorno sanitario está sometido a unha continua evolución, debida ós avances das ciencias biomédicas, ó desenvolvemento das tecnoloxías e ó perfeccionamento das fórmulas organizativas, para unha mellora continua da calidade da asistencia.

As publicacións especializadas son un elemento fundamental de comunicación e posta ó día de coñecementos dos profesionais sanitarios. Así mesmo, cómpre informa-lo cidadán dos hábitos de vida saudables e dos xeitos de evita-los principais riscos para a saúde, mediante a elaboración de libros e folletos específicos.

Por estes motivos, a actividade editorial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, do Sergas e das súas entidades dependentes é moi intensa e precisa unha estreita coordinación, engarzada dentro da política de publicacións da Xunta de Galicia.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO

Artigo 1º

Constitúese a Comisión Asesora de Publicacións da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 2º

A Comisión Asesora de Publicacións terá as seguintes funcións:

a) Coñecer con carácter previo á súa remisión ó Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia o programa editorial semestral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Coñece-las propostas de edición que se formulen con posterioridade á aprobación semestral do programa editorial , por razóns de necesidade, debidamente expostas nunha memoria xustificativa.

c) Coñecer e propoñe-los criterios comúns ós que se axustarán as publicacións da consellería e do Sergas, en canto ó seu contido, características técnicas, financiamento, edición, distribución e comercialización.

d) Coñece-las actividades editoriais e difusoras dos distintos centros directivos e entidades da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e Sergas.

e) Coñecer ou propoñe-los proxectos de normas en materia de publicacións oficiais, relativas á consellería e Sergas.

f) Emitir informe sobre a memoria anual de publicacións.

Artigo 3º

A composición será a seguinte:

O secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que actuará de presidente, o subdirector xeral de Información Sanitaria que actuará de vicepresidente, un representante con nivel orgánico igual ou superior a xefe de servicio de cada unha das direccións xerais dos servicios centrais da consellería e Sergas, mailas delegacións provinciais da consellería e direccións provinciais do Sergas, que actuarán como vocais; o secretario será o representante da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais na Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia.

Tamén poderán ser convocados ás reunións da Comisión Asesora de Publicacións, por decisión do presidente, ou dos responsables dos centros directivos, en calidade de asesores, aquelas persoas, cando a súa presencia se considere necesaria.

Artigo 4º

A Comisión Asesora de Publicacións reunirase, logo de convocatoria do seu presidente, sempre que sexa necesario para o exercicio das competencias previstas no artigo 2º da presente orde. Celebraranse como mínimo catro sesións ó ano.

Artigo 5º

As funcións da Secretaría da Comisión Asesora de Publicacións serán as seguintes:

a) Prestar asistencia técnica á Comisión e executa-los acordos dela.

b) Tramita-la solicitude da aprobación das publicacións ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia, adscrita á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

c) Emiti-las certificacións acreditativas de aprobación das publicacións por parte da Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia, adscrita á Consellería da Presidencia e Administración Pública, para efectos do previsto no artigo 9 do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

d) Elabora-la memoria anual de publicacións, a que se refire o artigo 1º f) da presente orde.

e) Mante-la comunicación necesaria cos centros directivos e entidades, tanto a nivel central como periférico, da consellería e do Sergas, nas materias relacionadas coas competencias da comisión.

f) Actuar como secretario das actas do pleno e das comisións especializadas.

g) Elevar ó Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia as programacións semestrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e Sergas.

Artigo 6º

A elaboración do programa editorial integrado da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e Sergas correspóndelle á Secretaría Xeral da consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no ámbito competencial correspondente, igual que as propostas que se formulen con posterioridade por razóns de necesidade.

Artigo 7º

Os centros directivos e entidades da consellería e do Sergas, tanto dos servicios centrais como periféricos, remitirán á Secretaría Xeral da Consellería, no prazo sinalado por esta e para efectos da elaboración do programa editorial por semestres, as propostas correspondentes ás publicacións unitarias, periódicas, as de carácter audiovisual e informático, e outras publicacións que por razón da difusión da actividade e dos obxectivos do departamento se considere conveniente editar.

As propostas irán acompañadas dunha memoria explicativa da súa finalidade e contido, con expresa referencia ás previsións de custo, á estimación de tiradas, destinatarios e ó calendario previsto de publicación, para efectos de facelo constar na información que debe conte-lo programa editorial semestral.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan total ou parcialmente ó disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

1821