Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 1997 Páx. 1.652

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 1997 pola que se convocan seis cursos de segundo nivel de protección civil sobre accidentes na estrada.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade en colaboración coa Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente ten previsto realizar no ano 1997, conforme as funcións que ten encomendadas pola Orde do 22 de abril de 1994, pola que se regula a formación do persoal voluntario de protección civil, anúnciase a celebración de 6 cursos de protección civil de 2º nivel sobre accidentes na estrada, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lles permita realizar satisfactoriamente as tarefas que teñen encomendadas.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 14 de marzo de 1997, ás 14 horas.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 Polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O contido dos cursos de 2º nivel sobre salvamento e socorrismo acuático divídese en tres partes:

a) Conceptos xerais.

b) Accidentes en vehículos pesados.

c) Primeiros auxilios.

Duración e datas.

Os cursos celebraranse durante o ano 1997 e terán unha duración de 30 horas lectivas.

As datas destes serán en función das solicitudes feitas para cada curso.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 31 de marzo de 1997 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade e no da Secretaría Xeral para Proteción Civil, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos (981) 56 34 00 ou ben (981) 54 60 00.

Lugar.

Determinarase en función das solicitudes recibidas.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas

que acrediten a súa asistencia continuada a estes, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1997.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

1141