Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 1997 Páx. 1.607

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 1997 pola que se convocan seis cursos de perfeccionamento de xefes de sección da Xunta de Galicia.

En execución do Plan de Formación da EGAP para o ano 1997, anúnciase a convocatoria de seis cursos de perfeccionamento de xefes de sección da Xunta de Galicia, que se desenvolverán conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Contribuír a unha maior capacitación dos funcionarios da Xunta de Galicia que estean ocupando ou poidan ocupar postos de xefes de sección na Administración autonómica, co fin de optimiza-las súas aptitudes e actitudes profesionais para a mellora da xestión e da prestación dos servicios públicos.

Segunda.-Destinatarios.

Van dirixidos a funcionarios de carreira da Xunta de Galicia dos grupos A, B e C, que estean ocupando

actualmente ou poidan ocupar xefaturas de sección. Terán preferencia os que as ocupen con carácter definitivo, circunstancia que deberá ser certificada segundo modelo oficial contido no anexo II da presente resolución polo responsable do servicio de persoal do que depende o solicitante.

No caso de que nalgún dos cursos proxectados non se cubra o número de prazas previsto, poderán ser seleccionados para a realización dos cursos aqueles funcionarios que, por motivo de pertencer ós grupos funcionariais descritos, poidan no seu día desempeñar xefaturas de sección na Xunta de Galicia.

Só poderá presentarse unha instancia e para unha única localidade, tendo preferencia, na selección efectuada para cada unha das previstas na convocatoria, aqueles funcionarios que desempeñen o seu posto de traballo na localidade elixida.

Absteranse de solicita-lo curso os participantes en edicións anteriores.

A selección efectuarase tendo en conta os méritos e a súa valoración ata un máximo de 3,75 puntos, da forma que a continuación se indica.

a) Experiencia en xefaturas:

De xefe de sección: 0,15 puntos por ano completo; de xefe de negociado: 0,05 puntos por ano completo. A puntuación máxima polo concepto de experiencia será de 2 puntos. A experiencia deberá ser certificada polos servicios de persoal, segundo modelo anexo II. Non se poderá computar máis de dous anos a ocupación de postos en comisión de servicios.

b) Formación: valoraranse só aqueles cursos relativos a técnicas de organización, planificación e control e formación de mandos intermedios: por cursos de 15 a 40 horas: 0,25 puntos; por cursos de máis de 40 horas: 0,50 puntos. A puntuación máxima será de 1 punto.

c) Idiomas: coñecemento do galego: pola posesión do certificado de aptitude ou convalidación de iniciación: 0,25 puntos; polo certificado de aptitude ou convalidación de perfeccionamento: 0,75 puntos. A puntuación máxima será de 0,75 puntos.

A EGAP publicará a lista dos participantes coas puntuacións alcanzadas nos taboleiros de anuncios da escola, do Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán e, se é o caso, nas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

No caso de igualdade de puntos terán preferencia os funcionarios cunha antigüidade acreditada maior na Administración pública. A dita antigüidade na Administración deberá ser certificada segundo modelo oficial contido no anexo II da presente resolución polo responsable do servicio de persoal do que depende o solicitante.

Tódolos méritos alegados deberán acreditarse documentalmente.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Duración: 120 horas.

2. Lugares: Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

3. Datas: marzo-xuño de 1997.

4. Horarios: con carácter xeral, xoves e venres, en horario de mañá e tarde.

5. Prazas: 30 por curso.

Cuarta.-Contido básico.

Funcións e roles dos mandos intermedios e dirección de reunións. Xestión de persoal. Procedemento administrativo. Xestión orzamentaria. Aplicacións

da informática na Administración pública. A contratación administrativa.

Quinta.-Probas e certificados.

Valorarase a participación dos alumnos ó longo do curso. A EGAP fixará as probas que estime pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos entre os que, en todo caso, se incluirá a realización dun traballo. Ós asistentes que superen as avaliacións outorgaráselles unha certificación de aproveitamento coa cualificación de «apto».

Sexta.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades (clases ordinarias, conferencias, etc.) que se organicen dentro do curso. A ausencia xustificada poderá ser valorada e recoñecida pola organización do curso. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de «non apto» no curso.

Sétima.-Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes de admisión ó curso axustaranse ó modelo recollido no anexo I desta resolución e dirixiranse á Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, 2-4, 15703 Santiago de Compostela. As instancias serán presentadas, xunto coa documentación xustificativa dos méritos alegados, no rexistro da EGAP, podéndose utilizar, así mesmo, os sistemas previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG.

Oitava.-Modificacións.

O desenvolvemento do curso e o contido poderán ser modificados pola EGAP para adaptalos ás necesidades da Administración e as continxencias que poidan xurdir.

No suposto de que o número de instancias recibidas sexa inferior ó 50% das prazas convocadas, a EGAP resérvase o dereito a suspende-la realización do curso, utilizando os medios de notificación ós interesados previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 1997.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

1126