Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 1997 Páx. 1.037

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 20 de xaneiro de 1997 pola que se establecen o símbolo e o logotipo do Servicio Galego de Saúde.

Realizado o pertinente estudio por iniciativa do Servicio Galego de Saúde, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais considera oportuno modifica-los elementos base de identidade corporativa do Sergas, establecendo un símbolo ou logotipo que resulte ineludiblemente vinculado a este organismo e que facilite a identificación nas súas diversas actuacións.

En consecuencia, en uso da facultade que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Apróbase o símbolo, logotipo e as cores corporativas do Servicio Galego de Saúde, de acordo coas medidas e demais características que figuran no anexo I desta orde.

Artigo 2º.

Correspóndelle ó Servicio Galego da Saúde a utilización deste logotipo e símbolo en emblemas, rótulos ou calquera outro soporte que supoña unha función de identificación do organismo, así como os dereitos de reproducción, distribución, comunicación pública por calquera medio, autorización de uso, dereito de transformación dos debuxos por animación ou programa informático e a edición gráfica e reprodución en todo tipo de material: papel, tea, metal, material constructivo ou similares.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.

O Servicio Galego de Saúde desenvolverá a implantación progresiva do logotipo e imaxe corporativa en tódolos seus ámbitos de actuación.

Segunda.

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

261