Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 1997 Páx. 821

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 1996, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a instalación dunha pranta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Industrias Losán, S.A., no concello de Curtis (A Coruña), e se inclúe no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994. (Expediente 384/1996).

Visto o escrito presentado pola empresa Industrias Losán, S.A., con domicilio a efectos de notificacións na r/ Dr. Martínez Pardo, s/n; Seixo de Arriba-Lourdes; 15379 Curtis (A Coruña), e tendo en conta os seguintes feitos.

Primeiro.-No citado escrito, que tivo entrada o día 8 de maio de 1996 na delegación provincial desta consellería na Coruña, a referida empresa, dedicada á fabricación e impregnación en papel de resinas melamínicas e rechapado e revestimento do taboleiro aglomerado, solicituou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, para a planta de coxeración que ten previsto instalar na súa factoría do concello de Curtis (A Coruña).

As carácteristicas técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Tres motores de combustión interna alternativos alimentados por fuelóleo/gasóleo, de 5.000 kW cada un; tres xeradores síncronos trifásicos de 4.950 kVA c/u, tensión de xeración 6kV; un centro de transformación r/t 20/6, con tres transformadores de 4,95 MVA c/u, montado en interior; instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando sinalización e medida.

Segundo.-Acompaña á devandita solicitude o preceptivo anteproxecto da instalación, o estudio dos rendementos enerxéticos acadables e do aforro de enerxía que se conseguirá coa posta en servicio das instalacións proxectadas, e o resto da documentación a que fai referencia o artigo 5.4º do citado Real decreto 2366/1994.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación o presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, de 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución do 29 de maio de 1996 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 26-6-1996 e no BOP da Coruña do 18-6-1996, non presentándose no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola dita delegación provincial.

Quinto.-Na tramitación do presente expediente observáronse as formalidades legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos Decretos 140/1991, do 2 de maio e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-A planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o tipo de combustible se establecen no anexo do citado Real decreto 2366/1994, sendo realizado o expediente con cumprimento da tramitación regulamentaria.

Terceiro.-Examinada a documentación que consta no expediente, queda de manifesto que debe accederse ó solicitado pola empresa Industrias Losán, S.A. e, por conseguinte, proceder á autorización administrativa da planta e ó recoñecemento á mesma da condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Industrias Losán, S.A., a situar

nas instalacións da factoría que dita empresa ten Seixo de Arriba-Lourdes; Curtis (A Coruña).

Segundo.-Recoñecer á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do real decreto 2366/1994, e inclui-la mesma no grupo d) do artigo 2 do dito Real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita instalación, a citada empresa deberá inscribir aquela no Rexistro de instalacións de producción de enerxía eléctrica en réxime especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do Real decreto 2366/1994, presentando a documentación que figura nas instruccións dictadas por esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

O promotor presentará perante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, a cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da data da súa publicación.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 1996.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

7996