Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 1997 Páx. 652

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 2 de setembro de 1996 pola que se lle outorga a Repsol Butano, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Sada.

A empresa Repsol Butano, S.A., con domicilio social en Madrid, r/ Arcipreste de Hita, 10, solicitou concesión administrativa para o servicio público de

subministración de gas propano comercial no termo municipal de Sada.

As características principais das instalacións son as seguintes:

-A estación de G.L.P., composta por 2 depósitos, terá unha capacidade total de almacenamento de 118,8 tm, estará situada en terreos municipais cedidos para este fin durante o periodo para o que se outorga a concesión, e estará dotada de equipo de gasificación, regulación e trasvase adecuados ás necesidades de consumo.

-A rede básica de distribución, cunha lonxitude de 4.340 m e enterrada na súa totalidade, estará deseñada para a súa intercambiabilidade con gas natural e construída con tubería de polietileno de densidade media, de diversos diámetros segundo as necesidades de consumo.

O orzamento total ascende a trinta millóns de pesetas (30.000.000 de ptas.).

Cumpridos os trámites regulamentarios no expediente instruído para o efecto, de conformidade co previsto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continúa en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento continuado de actuacións en materia de combustibles gasosos, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvemento da lei.

Considerando que a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa conforme Estatuto de autonomía de Galicia; o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e por proposta da Dirección Xeral de Industria,

RESOLVO:

Outorgarlle á empresa Repsol Butano, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de gas propano comercial no termo municipal de Sada.

A presente concesión outórgase conforme as seguintes condicións:

Primeira.-Repsol Butano, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 600.000 pesetas, importe do 2% de orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o artigo 7º, apartado b),

da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez formalizada a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-De acordo co disposto no artigo 21 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, dentro do prazo dun año, contado a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Repsol Butano, S.A. deberá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia a autorización para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas, e cumprindo, en todo caso, os prazos previstos no proxecto de concesión; poderán os ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou a exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberase cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro do 1983 e 6 de xullo de 1984.

Estas instalacións deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, apartado c, do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da conexión, tanto as comúns coma as individuais, deberán cumpri-las normas básicas de instalacións de gas en edificios habitados, ou aquelas que as modifiquen ou substitúan.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha adecuada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da súa conservación e bo funcionamiento.

O concesionario queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado regulamento xeral, así como no modelo de póliza anexo a este, e a cantas outras disposicións fosen ou sexan dictadas polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de venda de gas rexerase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, apartado c, da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Repsol Butano, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Oitava.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde.

Os recoñecementos, ensaios e probas de carácter xeral ou parcial que, segundo as disposicións en vigor, se realicen nas instalacións obxecto da concesión, deberán ser comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Novena.-En casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantemento do servicio ós usuarios, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décima.-Serán causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e, do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a)O incumprimento do apartado b, do artigo 7 da Lei 10/1987.

b)A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c)Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na resolución e na autorización para a súa montaxe.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose adecuado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente orde, Repsol Butano, S.A. poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1.-Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión cás instalacións substituídas, ou ben

2.-O outorgamento da correspondente concesión para as novas instalacións se, pola importancia dos investimentos que supoñan, non puidese obter unha

compensación económica adecuada durante o prazo que restase para a caducidade da concesión antes mencionada, aínda que tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter.

Undécima.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos particulares e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa publicación, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, coa nova redacción dada pola disposición adicional undécima da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

97-7488