Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 1997 Páx. 568

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 12/1996, do 27 de decembro, de creación do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.

A Asociación Galega de Podoloxía, que ten como fins esenciais a ordenación do exercicio da profesión de podólogo, a defensa dos seus intereses profesionais e a representación destes, por decisión unánime da súa Asemblea Xeral, acordou solicita-la creación dun Colexio Profesional de Podólogos con ámbito na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo Decreto 727/1962, do 29 de marzo, recoñécese e regulaméntase a especialidade de podoloxía para os axudantes técnicos sanitarios, constituíndo a dita especialidade, dentro das profesións sanitarias, unha rama en crecente progresión, independizada das disciplinas afíns.

O Real decreto 649/1988, do 24 de xuño, estructura as ensinanzas de podoloxía como estudios de primeiro ciclo universitario, sinala as directrices xerais dos seus plans de estudio e crea o título de diplomado en podoloxía, alcanzando esta profesión un nivel de independencia académica do que antes non gozaba.

De acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, ó abeiro do disposto no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia e de acordo co disposto no artigo 4.1 e demais concordantes da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, modificada pola Lei 74/1978, do 26 de decembro, considérase oportuna a creación do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, no que se integrarán os profesionais que, dispoñendo dos coñecementos e da titulación necesarios e suficiente, exerzan esta profesión.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de creación do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.

Artigo 1º

Créase o Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, como corporación de dereito público, con personalidade xurídica e capacidade de obrar plena para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións.

Artigo 2º

O ámbito de actuación do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia será o territorio desta Comunidade Autónoma.

Artigo 3º

Poderán integrarse no Colexio Oficial de Podólogos de Galicia os que posúan o título de diplomado en podoloxía de conformidade co Real decreto 649/1988 e coas súas normas de desenvolvemento e aqueles que, en virtude do recoñecemento de dereitos profesionais efectuados pola dita normativa, posúan o diploma de podólogo, regulamentado polo Decreto 727/1962, do 29 de marzo.

Disposición transitoria primeira

A Asociación Galega de Podoloxía designará unha Comisión Xestora que, no prazo de seis meses a partir

da entrada en vigor desta lei, aprobe uns estatutos provisionais do Colexio Oficial de Podólogos, nos que se regulará a Asemblea Colexial Constituínte, tendo en conta o censo de profesionais que se aprobe para o efecto, coa previsión da forma de convocatoria e do procedemento de desenvolvemento dela.

Disposición transitoria segunda

A Asemblea Constituínte deberá:

a) Elaborar e aproba-los estatutos definitivos do Colexio.

b) Elixi-los membros dos seus órganos colexiais de goberno.

Disposición transitoria terceira

A acta da Asemblea Constituínte, que integrará os estatutos do Colexio, remitiráselle á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para a cualificación da súa legalidade e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria cuarta

Os que exerzan a actividade de podólogos con titulacións anteriores á fixada no Decreto 727/1962 e cumpran os requisitos establecidos na disposición transitoria segunda do Real decreto 649/1988 poderán ser membros do Colexio se demostran que exerceron continuadamente esta actividade durante un período de tempo non inferior ós cinco anos anteriores á entrada en vigor desta lei, e deberán integrarse nel no prazo de tres anos desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición derradeira

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de decembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

97-255