Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 1997 Páx. 532

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 1997 pola que se convocan dúas bolsas de linguaxe administrativa inglesa.

O artigo 3.1º.g. da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade coa referida disposición, convócanse dúas bolsas de linguaxe administrativa inglesa.

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca dúas bolsas de linguaxe administrativa inglesa para a realización na Escola Galega de Administración Pública de estudios e prácticas sobre linguaxe administrativa inglesa.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As bolsas rematarán o día 31 de decembro de 1997, e poderán prorrogarse por un ano en función do aproveitamento do adxudicatario e das dispoñibilidades orzamentarias da escola.

A dotación económica de cada bolsa será de 140.000 pesetas mensuais.

Existe crédito suficiente e adecuado na aplicación orzamentaria 04.50.122 A.480.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser licenciado en filoloxía inglesa.

b) Acreditar formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria.

c) Acreditar formación e/ou coñecementos da lingua galega.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos vinte días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Curriculum vitae e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia esixida no punto 4.b

d) Documentos que acrediten a formación e/ou coñecementos esixidos no punto 4.c.

e) Memoria descritiva das tarefas de colaboración en materia de linguaxe administrativa inglesa nun centro de formación de funcionarios.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública.

Vocais: un profesor colaborador da EGAP.

Secretario: o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da EGAP.

Sétima.-Criterios par a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata tres puntos.

b) Curriculum vitae: ata tres puntos.

c) Formación ou experiencia en temas relacionados coa Administración pública: ata dous puntos.

d) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

e) Memoria: ata cinco puntos.

Realizarase unha preselección que se considerará superada polos aspirantes que obteñan unha puntuación de sete ou máis puntos segundo o anterior baremo.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes preseleccionados, por tempo máximo de quince minutos sobre os seus méritos curriculares e a memoria.

En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25 por cento da que lle correspondese por aplicación do baremo.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de dez días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións do xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres na Escola Galega da Administración Pública. Os traballos realizados quedarán en propiedade da escola.

Os bolseiros presentarán ó remate das bolsas un informe sobre os traballos realizados.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do xefe de estudios e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1997.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

191