Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 15 de xaneiro de 1997 Páx. 443

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Real Aero Club de Vigo.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Real Aero Club de Vigo, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-11-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, con data 31-10-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Adminis

tración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósitono Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 20 de novembro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para a empresa

Real Aero Club de Vigo

Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará a partir da data da súa entrada en vigor, as relacións laborais entre a empresa Real Aero Club de Vigo e os seus productores.

Artigo 2º.-Vixencia.

Sen prexuízo da entrada en vigor por aprobación da autoridade laboral e publicación no BOP, os seus efectos económicos comezarán a rexer a partir do 1º de xaneiro de 1996.

Artigo 3º.-Duración e prórrogas.

A duración deste convenio será dun ano, contado a partir da data da súa entrada en vigor, ata o 31 de decembro de 1996. Este convenio entenderase denunciado para tódolos efectos desde o 1 de outubro de 1996, data na que as partes se comprometen a inicia-las negociacións dun novo convenio. Se no transcurso deste ano 1996 se asinase un convenio de ámbito provincial no sector de espectáculos e deportes, a partir desa data sería necesaria unha nova negociación.

Condicións laborais

Artigo 4º.-Vacacións.

O persoal comprendido no presente convenio desfrutará dun período anual de vacacións de trinta días naturais.

Artigo 5º.-Bolsas.

A empresa establece para axuda dos estudios dos fillos dos productores dúas bolsas anuais por un importe de 25.000 ptas. cada unha. Para tal efecto, durante o mes de agosto de cada ano, os productores interesados presentarán documentación de méritos escolares do beneficiario para quen se solicita e, indefectiblemente, as notas obtidas no curso anterior. Para poder beneficiarse delas, as notas terán que alcanzar un nivel mínimo de aprobado.

Artigo 6º.-Premio de xubilación.

Chegada a idade de xubilación e no momento en que o traballador cese na empresa, percibirá un premio equivalente ó importe de dúas mensualidades do seu último salario en activo, no caso de que levase ó servicio efectivo dela máis de 5 anos e menos de 10. Este premio elevarase á cifra de tres mensualidades no suposto de que os anos ó servicio efectivo desta fosen 10.

Se o traballador falecese antes da súa xubilación cumprindo calquera dos dous prazos de servicio efectivo na empresa que sinala o parágrafo anterior, a indemnización será percibida polo seu cónxuxe ou, no seu defecto, polos fillos ou os ascendentes maiores de 70 anos. Nestes casos, os importes de indemnización serán de tres mensualidades, se o servicio efectivo do traballador na empresa estivese comprendido entre os 5 e os 10 anos; de 6 mensualidades, entre os 10 e os 15 anos; de 9 mensualidades, entre os 15 e os 20 anos, e de 12 mensualidades, de 20 en diante.

Artigo 7º.-Horario laboral.

O horario de traballo nas distintas seccións do club estenderase, con carácter xeral, desde as 8.30 da mañá ata as 12 da noite de luns a venres, e 1.30 horas da madrugada os sábados. Dentro destas horas desenvolverase a xornada legal de 40 horas semanais por traballador. Para tal efecto, e con referencia a cada unha das actividades que o club desenvolve, establécese o cadro horario específico para cada unha daquelas, que se xunta ó presente convenio.

Artigo 8º.-Días non recuperables.

Os días non recuperables considéranse como horas extraordinarias e deben ser aboadas, nos meses que corresponda, ó 175%. Terán esta mesma consideración os días 24 e 31 de decembro.

Artigo 9º

Os traballadores que presten os seus servicios en domingos terán dereito a desfrutar un domingo cada tres.

Condicións económicas

Artigo 10º.-Retribucións.

Na táboa salarial sinálanse as retribucións correspondentes a cada categoría do persoal. As ditas retribucións serán consideradas como base de cálculo para tódolos efectos.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio consistirán en trienios do 10% para o primerio e o 6% para o segundo, ata un máximo do 60%. O tanto por cento calcúlase sobre o salario base, sempre dentro dos límites que marca a lei.

Artigo 12º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio recibirá anualmente tres pagas extraordinarias, polo importe dunha mensualidade, que serán efectivas nos días 31 de marzo, 17 de xullo e 15 de decembro.

Artigo 13º.-Incapacidade temporal.

Nos casos de enfermidade ou accidente que produza internamento en centro aisitencial, a empresa aboaralles ós traballadores afectados unha cantidade que, engadida ás prestacións que aboa a Seguridade Social, completa o 100% do seu salario real, por incapacidade temporal. Tamén se aboará o dito 100% nos casos de incapacidade laboral en que a xunta directiva e os representantes laborais, logo dos oportunos asesoramentos, así o determinen.

Artigo 14º.-Nocturnidade.

Establécese un plus de nocturnidade polos traballos realizados despois das 22 horas, con exclusión dos correspondentes ós serenos, nunha cantidade de 6.391/7.547 ptas. mensuais, que se fará constar en nómina dos traballadores afectados por aquela circunstancia. Este plus incrementarase cada ano co tanto por cento acordado na táboa salarial.

Artigo 15º.-Uniformes.

A empresa dotará o persoal dunha chaqueta cada dous anos e un pantalón cada ano e temporada.

Artigo 16º.-Manutención.

A empresa aboará por este concepto 25.000 ptas. mensuais.

Artigo 17º.-Vestiario e aseos.

A empresa porá ó servicio do persoal vestiarios e aseos, dotados de armarios, ducha e demais accesorios propios destes servicios, nas instalacións de Peinador, así como no local da r/ Reconquista.

Artigo 18º.-Excedencias.

O persoal afectado polo presente convenio que leve dous anos ó servicio efectivo na empresa, terá dereito a solicitar excedencia voluntaria por un prazo non inferior a un mes nin superior a cinco anos, estando obrigada a empresa ó reingreso do excedente que o solicite, polo menos, cun mes de anticipación ó remate do tempo da excedencia, e non poderá volver á situación de excedencia voluntaria ata transcorridos dous anos do remate da anterior, e continuará no momento do reingreso ou reincorporación coa mesma antigüidade que tiña no momento de pasar á situación de excedencia. Enténdese que a obrigatoriedade a cargo da empresa de reincorpora-lo excedente é inexcusable, contratándose para estes supostos unha persoa que substitúa o excedente cun contrato da mesma duración da excedencia.

Disposicións derradeiras

Artigo 19º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non previsto no presente convenio, aplicarase que dispón a Regulamentación de traballo para os locais de espectáculos e deportes, e demais de xeral aplicación.

Artigo 20º

Con idéntico termo de vixencia do convenio, queda constituída unha comisión paritaria co cometido específico de coñecer e pronunciarse sobre cantas cuestións de interpretación sobre o estipulado neste lle

sexan formalmente sometidas. A comisión estará composta por dous membros, dos cales cada unha das partes designará un. Os ditos membros designados por cada parte deberán ter pertencido á comisión negociadora do convenio.

Os pronunciamentos da comisión non privarán do dereito ó uso das vías administrativas ou xurisdiccionais.

Artigo 21º

O presente convenio está asinado polo delegado de persoal e polo secretario.

Polo delegado de persoalPola empresa

TÁBOA SALARIAL 1996

Incremento 3,85%

Instructor de voo 115.652

Oficial de 3ª 87.015

Persoal administrativo

Xerente 111.552

Oficial 1º administrativo 95.644

Persoal campo

Xardineiro xefe 89.120

Xardineiro 83.696

Peón 83.696

Persoal subalterno

Conserxe 87.015

Sereno 83.696

Persoal limpeza 83.696

Master Caddy 83.696

Persoal bar

Cociñeiro 83.696

Camareiro 83.696

CADRO HORARIO

Sección camareiros Reconquista

Primeira quenda: de 3 a 10.

Segunda quenda: de 4 a 11.

Os descansos son alternos.

Sección conserxería

De 4 da tarde a 11 da noite.

Sección limpeza

Local Reconquista: de 8 a 12 e de 5 a 8 da tarde.

Peinador: de 9 a 12.30 e de 3 a 6.30.

Sección xardinería

De 8.30 a 12.30 e de 2 a 6 a tarde.

Sección Hangar

Verán: de 9.30 a 1.30 e de 16 a 20 da tarde.

Inverno: de 9.30 a 1.30 e de 15 a 19 da tarde.

Sección oficina

De 9 da mañá a 5 da tarde.

Sereno

De 10 da noite a 7 da mañá.

Master Caddy

De 10 a 12.30 e de 2 a 7.30 da tarde.

Persoal bar Peinador

De 9 da mañá a 7 da tarde.

9703