Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 15 de xaneiro de 1997 Páx. 439

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 20 de decembro de 1996 pola que se establecen axudas individuais para o tratamento de drogodependencias en comunidades terapéuticas.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, establece os servicios sociais de atención especializada na área de drogodependencias, incluídas as alcohólicas, orientándoos especificamente ó desenvolvemento de programas de prevención e inserción social das persoas afectadas por calquera forma de toxicomanía; os seus artigos 50 e 51 recollen a posibilidade de lles conceder prestacións e axudas económicas periódicas ás persoas que se atopen en situacións de necesidade material e marxinación social.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos termos do Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos seus servicios centrais, é o órgano responsable da superior dirección e do control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servicios sociais, sen prexuízo das atribucións doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gastos imputables ó capítulo IV, no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se materialice a contraprestación. Doutra banda na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e no proxecto de Lei de presupostos da comunidade galega para 1997, establécense os requisitos aplicables ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa en consecuencia, á que se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

O Plan Autonómico sobre Drogodependencias establece, como directrices xerais, a descentralización das accións e a centralización da planificación operativa, así como a distribución equitativa de recursos en cinco áreas diferentes: prevención, asistencia, reinserción, formación e investigación.

Tendo en conta a demanda de axudas en materia de tratamento de drogodependencias, a conveniencia en determinados casos de levala a cabo en comunidades terapéuticas e o alto custo da estadía neste tipo de centros non dependentes do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, faise necesaria a existencia de axudas orientadas a sufraga-lo seu importe durante o período de vixencia da presente orde.

Por todo o anteriormente exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

1.1.-A presente orde ten por obxecto o establecemento de axudas individuais para o tratamento de drogodependencias, incluídas as alcohólicas, en comunidades terapéuticas situadas tanto na Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do territorio nacional.

As ditas comunidades terapéuticas, en todo caso, deberán contar coa autorización de funcionamento outorgada pola Administración autonómica respectiva.

1.2.-A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto da presente orde axustarase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, á orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991 e ó que estableza a Lei de presupostos da Comunidade Autonóma galega para 1997.

1.3.-A concesión das axudas pola contía global destinada para tal fin imputaráselle á partida orzamentaria 11.02.212A.488.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas afectadas por algún tipo de toxicomanía que residan

na Comunidade Autónoma de Galicia e reúnan os seguintes requisitos:

2.1.-Existencia dunha necesidade real e obxectiva do tratamento neste tipo de recurso.

2.2.-Non percibir prestación económica de análoga natureza e finalidade a cargo de institucións ou organismos públicos e/ou privados.

Artigo 3º.-Contía.

A contía das axudas poderá chegar á totalidade dos gastos derivados da estadía e do tratamento na comunidade terapéutica.

Artigo 4º.-Solicitude e documentación.

4.1.-As solicitudes formalizaranse mediante instancia segundo o modelo oficial que se xunta como anexo á presente orde, debidamente cubertas polo beneficiario ou polo seu representante legal, se é o caso.

4.2.-Documentación que se presentará coa solicitude:

4.2.1.-Fotocopia do DNI do beneficiario ou do seu representante legal, dado o caso.

4.2.2.-Informe da Unidade Asistencial de Drogodependencias da rede do Plan Autonómico sobre Drogodependencias correspondente ó seu ámbito territorial, conforme a que o ingreso na comunidade terapéutica é ou non necesario para o tratamento de quen solicita a axuda.

4.2.3.-Informe social expedido polos servicios sociais de base.

4.2.4.-Xustificante dos ingresos económicos da unidade familiar, última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou certificación negativa da correspondente delegación de Facenda en caso de non a presentar.

4.2.5.-No caso de que estea ou estivese a tratamento por causa da mesma natureza, informes de que dispoña.

4.2.6.-Certificación expedida polo representante da comunidade terapéutica na que se acredite que o solicitante está ingresado ou ten demandado o seu ingreso nela así como o custo real do tratamento.

4.2.7.-Declaración de non percibir outras axudas públicas para igual concepto ou, en caso contrario, o seu importe total.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes deberán ser presentadas nun prazo de dous meses, contados desde a entrada en vigor da presente orde.

Artigo 6º.-Tramitación.

6.1.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes formalizaranse perante as delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, centros de servicios sociais, servicios sociais municipais e/ou de conformidade co previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.2.-Se a solicitude tivese algún defecto ou non se presentase algún dos documentos, requirirase ó interesado para que, no prazo de dez días, emende os defectos ou faltas observadas ou xunte a documentación preceptiva, coa indicación de que, se así non o fixera, se arquivará a súa solicitude sen máis trámite.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

7.1.-Unha vez completados os expedientes, pasarán á comisión de valoración a cal, unha vez estudiada cada solicitude, efectuará proposta de resolución que lle remitirá ó delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

7.2.-Para tal efecto, en cada delegación provincial constituirase unha comisión de valoración composta polos seguintes membros:

-Presidente: xefe da área de Servicios Sociais.

-Vocais: 2 funcionarios da área de Servicios Sociais, designados polo delegado provincial, un dos cales deberá se-lo xefe de servicio, actuando calquera deles como secretario.

7.3.-Ás reunións da comisión poderán asistir un representante da oficina do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, con voz e voto, así como un representante da intervención territorial que actuará con voz pero sen voto.

7.4.-Se, por calquera causa, algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que sexa posible, noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Artigo 8º.-Orde de prelación na concesión de axudas.

Dado o carácter limitativo dos créditos destinados a estas axudas, a comisión de valoración establecerá unha orde de prelación para as propostas de resolución, de acordo coas circunstancias persoais, sociais, económicas e cargas familiares dos solicitantes, valoradas conxuntamente.

Artigo 9º.-Resolución.

9.1.-A resolución das axudas, unha vez formulada proposta de resolución polas comisións de valoración e fiscalizadas polas respectivas intervencións territoriais, corresponderalles, por delegación expresa do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, ós delegados provinciais da consellería, especificando, en cada caso, a comunidade terapéutica na que o beneficiario recibirá o tratamento, así como o importe da axuda que se lle concede.

9.2.-De igual xeito poderán modificarse as devanditas resolucións pola alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento.

A resolución notificaráselle ó interesado ou ó representante legal, se é o caso, no enderezo que figure na solicitude e á comunidade terapéutica correspondente.

En todo caso as resolucións desestimatorias da petición deberán ser motivadas.

Artigo 10º.-Seguimento.

Trimestralmente presentarase un informe, expedido pola comunidade terapéutica na que estea o beneficiario, no que se faga consta-la súa evolución.

Artigo 11º.-Pagamento.

O pagamento efectuarase, en prazos trimestrais, directamente á comunidade terapéutica á que acuda o beneficiario, segundo o acordo con aquela en cada caso, unha vez recibida a certificación do responsable do centro sobre a permanencia neste do beneficiario, segundo o establecido no artigo anterior.

Artigo 12º.-Comprobación.

Os perceptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposicións adicionais

Primeira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, especialmente o abandono do tratamento por parte do beneficiario, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta, xunto cos xuros de demora, por parte do beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Segunda.-A concesión destas axudas terá como límite global o do crédito consignado nos orzamentos para estes fins.

Terceira.-As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderán requirir, en todo momento, a documentación orixinal que consideren necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para, no exercicio das súas competencias, dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9629