Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 1997 Páx. 338

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 30 de decembro de 1996 pola que se desenvolven accións no ámbito da economía social, dirixidas á promoción e divulgación de cooperativas, sociedades anónimas laborais e as súas asociacións.

As distintas axudas e subvencións en materia de economía social establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento na materia, no que respecta á creación, difusión e promoción do cooperativismo e das distintas formas de economía social mediante o apoio á creación e difusión, que redunde en beneficio e mellora do eido económico e sociolaboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para logra-lo mencionado fin, o Decreto 106/1994, do 21 de abril, establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e a mellora das condicións de traballo, que serán concedidas pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, establecendo no seu artigo 7 as axudas destinadas á creación e constitución de entidades de economía social, de cooperativas e sociedades anónimas laborais, así como para a realización de estudios, traballos de investigación, apoio técnico, e promoción e divulgación do cooperativismo e demais formas empresariais de economía social no ámbito autonómico.

Conforme o disposto establécense na presente orde os seguintes tipos de axudas:

Programa I: apoio á promoción das entidades e empresas de economía social mediante a concesión de axudas a cooperativas de traballo asociado e sociedades anónimas laborais.

Programa II: axudas de financiamento dos gastos derivados da creación, constitución ou modificacións estatutarias das sociedades anónimas laborais, sociedades cooperativas e as súas asociacións.

Programa III: axudas ó fomento e consolidación do asociacionismo, dirixidas ás asociacións de cooperativas e de sociedades anónimas laborais.

A presente orde tramítase ó abeiro do disposto na Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola do 18 de outubro de 1991, da Consellería de Economía e Facenda, sobre a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Por todo o exposto, oído o Consello de Relacións Laborais e de conformidade coas atribucións que teño conferidas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para os fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Programa I: apoio á promoción das empresas de economía social mediante a concesión de axudas a cooperativas de traballo asociado e sociedades anónimas laborais.

Artigo 1º.-Finalidade.

Este programa ten como finalidade esencial apoia-la promoción do cooperativismo dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, concedéndolles ás cooperativas de traballo asociado e sociedades anónimas laborais, existentes ou de nova creación, axudas económicas de pagamento único pola incorporación de socios traballadores desempregados como consecuencia:

a) Da afectación dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52b) e c) do Estatuto dos traballadores, ou que procedan de empresas inmersas nalgún outro proceso de reestructuración ou reconversión.

b) Do peche da empresa de procedencia polas causas previstas no art. 49.1.g) do Estatuto dos traballadores, excepto no caso de que na empresa á que se incorporen participe o empresario ou persoas que participasen no capital social da extinta empresa, directa ou indirectamente, ou os seus familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas no artigo 1º desta orde as referidas entidades que, a partir do 1 de outubro de 1996, ocupen durante un tempo mínimo dun ano os socios traballadores desempregados polos motivos indicados no citado artigo.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

A contía das axudas será de ata 700.000 ptas. por socio traballador ocupado, e libraráselle a dita cantidade por unha soa vez directamente á entidade solicitante ata un tope máximo subvencionable de 10 traballadores.

Non obstante, a comisión de valoración, tendo en conta a importancia e magnitude de proxecto ou as circunstancias que nel concorran, poderá propoñer un límite subvencionable superior ó establecido no parágrafo anterior.

En todo caso, a contía máxima subvencionable non superará o 70% do investimento efectuado pola entidade no proxecto de creación ou ampliación da empresa.

Programa II: axudas ó financiamento dos gastos derivados da creación, constitución ou modifica

cións estatutarias das sociedades anónimas laborais, sociedades cooperativas e as súas asociacións.

Artigo 4º.-Finalidade.

Este programa ten como finalidade o apoio á creación e desenvolvemento das sociedades anónimas laborais, sociedades cooperativas e as súas asociacións, mediante:

a) Axudas ó financiamento dos gastos derivados da súa constitución.

b) Axudas ó financiamento dos gastos orixinados por modificacións estatutarias para a súa viabilidade ou adaptación legal.

Para estes efectos poderán considerarse gastos, entre outros, os seguintes: elaboración ou modificación de estatutos, formalización de escritura pública, elaboración de proxectos técnicos, asistencias técnicas, estudios, auditorías e informes económicos e outros de análoga natureza.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas no artigo 4º desta orde as referidas entidades que realicen ou realizasen os trámites de inscrición da súa constitución ou modificación estatutaria, a partir do 1 de outubro de 1996 ata o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

1.-A contía das axudas será fixada pola comisión de valoración, logo do exame da documentación achegada e da correspondente xustificación, e poderá ser de ata o 70% dos gastos orixinados, tendo en conta os límites máximos que se sinalan de seguido, e efectuarase o seu libramento mediante pagamento único.

-Pola elaboración de estatutos, ou da súa modificación e demais trámites derivados do proceso de constitución ou modificación estatutaria: axuda ata un máximo de 200.000 ptas.

-Pola formalización e inscrición da escritura pública correspondente: axuda ata un máximo de 100.000 ptas.

-Pola elaboración de proxectos técnicos, asistencias técnicas, estudios, auditorías e informes económicos e outros de análoga natureza: axuda ata un máximo de 500.000 ptas.

Non obstante, a comisión de valoración, tendo en conta a importancia e magnitude do proxecto ou as circunstancias que nel concorran, poderá propoñer uns límites subvencionables superiores ós aquí establecidos.

Programa III: axudas ó fomento e consolidación do asociacionismo, dirixidas ás asociacións de cooperativas e de sociedades anónimas laborais.

Artigo 7º.-Finalidade.

Este programa ten como finalidade apoia-lo fomento e consolidación das estructuras representativas da economía social, subvencionando gastos de funcionamento e actividades que realicen as asociacións de cooperativas e de sociedades anónimas laborais, durante o ano 1997 no exercicio das súas funcións representativas.

Artigo 8º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas e de sociedades anónimas laborais legalmente constituídas, e inscritas na sección central do rexistro de cooperativas no caso das súas unións e federacións, ou no rexistro de asociacións profesionais no caso das que agrupen as sociedades anónimas laborais, ambos dependentes da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 9º.-Contía.

A concesión e contía destas axudas serán propostas pola comisión de valoración en función da representatividade que posúan as asociacións solicitantes, do programa de actividades que desenvolvan e valorando o cumprimento do convenio subscrito para o ano 1996, se é o caso, e materializaranse aquelas a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Normas de procedemento.

Artigo 10º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes, que deberán formalizarse por separado para cada un dos programas, presentaranse segundo os modelos que figuran nos anexos desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

Documentación xenérica para calquera dos programas:

-Fotocopia compulsada da escritura de constitución ou modificación, á que se lle xuntarán os estatutos da entidade solicitante.

-Certificación da cualificación e inscrición, ou de ter iniciados os trámites perante o rexistro público correspondente.

-Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal.

-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do representante legal do solicitante da subvención.

-Ficha de solicitude de transferencia bancaria no modelo que figura como anexo da presente orde.

-Certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta que indica.

-Declaración das subvencións ou axudas para a mesma finalidade obtidas de calquera outra Administración ou ente público nacional ou estranxeiro, segundo o modelo que figura como anexo a esta orde.

Documentación específica para o programa I:

-Certificación de demanda de emprego do INEM de cada traballador desempregado que se incorpore como socio traballador.

-Documentación acreditativa de que os socios traballadores están desempregados como consecuencia da afectación dalgunha das causas previstas nos apartados a) ou b) do artigo 1º.

-Memoria, asinada polo órgano competente, na que conste o investimento efectuado pola entidade no proxecto de creación ou ampliación da empresa, segundo o modelo que figura como anexo a esta orde.

Documentación específica para o programa II:

-No caso de modificacións estatutarias, memoria explicativa da súa necesidade.

-Documentos orixinais ou copias autenticadas, acreditativos dos gastos que poidan ser obxecto da referida subvención.

-Para os supostos de axudas á asistencia técnica, estudios, proxectos, auditorías e informes económicos, debe achegarse factura individualizada correspondente a cada concepto subvencionable, e cuantificada economicamente en tódolos seus apartados, acompañada da documentación que acredite a habilitación legal da empresa ou persoa física que preste o servicio, para a realización desa actividade.

Documentación específica para o programa III:

-Memoria, asinada polo órgano competente, segundo modelo que figura como anexo a esta orde.

-Certificación do número de entidades asociadas, emitida polo rexistro competente.

-Proposta das actividades para as que se solicita a subvención e orzamento detallado cuantificado economicamente en tódolos seus apartados.

Artigo 11º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 1997 para as relativas ós programas I e II e o 15 de maio de 1997 para as do programa III. Poderanse resolver nos quince primeiros días de cada mes natural as solicitudes pre

sentadas no mes inmediatamente anterior, ata o límite do crédito existente para os ditos programas.

Artigo 12º.-Instrucción.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais para que o servicio competente comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos esixidos na presente orde, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

Artigo 13º.-Avaliación das solicitudes.

1. Realizado o trámite anterior, pasarán para o seu exame á comisión de valoración, que, unha vez estudiada cada solicitude e logo da consulta previa de existencia de crédito, efectuará proposta de resolución que lle elevará ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, como órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: o director xeral de Relacións Laborais, que actuará como presidente, a subdirectora xeral de Traballo, a xefa do Servicio de Economía Social e Eleccións Sindicais, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo director xeral, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela o presidente, ou persoa na que delegue, un vocal e o secretario.

3. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. Para o suposto das axudas previstas nos programas I e II, a comisión de valoración terá en conta como criterios de valoración das solicitudes, o número de traballadores afectados pola iniciativa obxecto da axuda, a viabilidade do proxecto, tanto no campo sociolaboral como no económico, a súa influencia no ámbito territorial e funcional no que se vai desenvolver, así como aqueloutros aspectos que segundo as circunstancias particulares do caso, a comisión de valoración considere oportuno ter

en conta pola importancia do proxecto. No caso das axudas do programa III, observarase o disposto no artigo 9º desta orde.

Artigo 14º.-Resolución.

1. O presidente da comisión de valoración remitirá proposta de resolución, para a súa fiscalización, á Intervención Delegada da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais que, unha vez fiscalizada, se elevará para a súa resolución ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá dentro dos prazos que con carácter xeral se establecen no artigo 42.2º da antedita Lei 30/1992, do 26 de novembro, notificaralle-la dita resolución ós interesados. Transcorrido o prazo para resolve-lo procedemento sen que se dictase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda.

2. A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou institucións públicas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda, coa posible revogación total ou parcial dela, segundo proceda.

En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por calquera Administración ou institución pública, supere os límites previstos na presente orde.

Artigo 15º.-Forma de pagamento e xustificación.

1. O pagamento das axudas ou subvencións previstas nos programas I e II desta orde efectuarase de forma nominativa e pagamento único pola súa totalidade, a favor das entidades adxudicatarias. No suposto das axudas previstas no programa I desta orde, deberán presentar, previamente ó seu pagamento, documentación xustificativa do vínculo xurídico co socio traballador, mediante certificación do secretario da entidade cooperativa co visto e prace do presidente onde consta este extremo, ou mediante copia autenticada do contrato no que conste a relación xurídico-laboral, se é o caso, así como a situación da alta da Seguridade Social.

No caso das axudas á asistencia técnica, estudios, proxectos, auditorías e informes económicos deberase presentar unha copia deles, previamente ó seu pagamento.

2. O pagamento das axudas previstas no programa III, materializarase a través do convenio de colaboración subscrito coa entidade beneficiaria.

3. Será requisito para a súa percepción a aceptación expresa do beneficiario e a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, se é o caso. Deberá estar ó día, ademais, das obrigas de carácter fiscal e social

esixidas polo artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, é dicir, non ter débeda pendente de pagamento, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 16º.-Obrigas.

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de conformidade co previsto no artigo 14.2º do Decreto 106/1994, do 21 de abril, poderá efectuar inspeccións e control sobre o destino das axudas e subvencións ás finalidades para as que se concederon, para o cal poderá efectuar visitas ós centros nos que se desenvolvan as actividades.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.471.00, ata un límite máximo de 80.000.000 de pesetas para o conxunto dos programas I, II e III. Condiciónase o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento de exercicio do ano 1997, neste momento en trámite parlamentario.

Segunda.-Se unha vez adxudicadas as axudas e subvencións resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de incrementa-la contía das axudas previstas nesta orde, ou efectuar convocatorias complementarias, de conformidade co disposto na disposición adicional segunda do Decreto 106/1994, do 21 de abril.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Relacións Laborais.

Cuarta.-De conformidade co preceptuado no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, procederase ó reintegro das cantidades percibidas e á esixencia dos xuros de demora, logo de audiencia dos interesados, nos seguintes casos:

a)Incumprimento da obriga de xustificación.

b)Obte-la subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c)Incumprimento da finalidade para a que se concede a subvención.

d)Cando, por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda dos topes previstos para os distintos programas desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido.

As cantidades que teñan que reintegra-los adxudicatarios terán a consideración de ingresos de dereito público.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Relacións Laborais para que dicte, no ámbito das súas competencias, as instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1996.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

33