Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Xoves, 02 de xaneiro de 1997 Páx. 6

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de novembro de 1996 pola que se aproban as bases que rexerán no concurso público de trece bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están desenvolvendo no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1º do Decreto 346/1996, do 13 de setembro, en harmonía co artigo 27 de Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1997 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística e literatura galegas, no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

A teor do sinalado no Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 1997 en trámite parlamentario.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes:

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de trece bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se desenvolverán no Centro de Investigacións Ramón Piñeiro, e que se incluúen como anexos á presente orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 122.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353F.480.3, por unha contía máxima total de 20.000.000 ptas., correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997, e condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1997, neste momento en trámite parlamentario.

Terceira.-Duración

O período de desfrute das bolsas será ata o 31 de decembro de 1997.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de retraso apreciada polo coordinador científico de Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.

Por resolución da Dirección Xeral de Política Lingüística, as bolsas poderanse prorrogar anualmente, ata un máximo de tres anos, incluído o ano da con

cesión, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos de consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos xerais:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e entregaranse na sede deste (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3 -A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Acreditación de coñecemento da lingua galega, nivel perfeccionamento.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Sexta.-Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro de Investigacións Ramón Piñeiro e composta por tres vocais propostos por aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o xefe do servicio de administración do centro.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean

acreditados documentalmente. O presidente da comisión proporá ó director xeral de Política Lingüística a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento.

Sétima.-Obrigas.

Os bolseiros permanecerán no Centro de Investigacións Ramón Piñeiro, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Oitava.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Unha bolsa para colaborar no proxecto de lírica medieval galego-portuguesa.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de lírica medieval galego-portuguesa que se está desenvolvendo no Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.

1.-Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Coñecemento de informática, en calidade de usuario.

-Ter experiencia investigadora en lírica románica medieval, preferentemente no ámbito galego-portugués.

ANEXO II

Unha bolsa para colaborar no proxecto de informes anuais de literatura.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar nos informes anuais de literatura que se están realizando no Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter coñecementos de literatura galega.

-Coñecementos de informática, en calidade de usuario.

ANEXO III

Unha bolsa para colaborar no proxecto de prosa medieval galego-portuguesa.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de prosa medieval galego-portuguesa que se vai realizar no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1.Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Coñecemento de informática, en calidade de usuario.

-Ter experiencia investigadora no ámbito da literatura románica medieval, de maneira particular en prosa literaria e historiográfica, e preferentemente no ámbito galego-portugués.

ANEXO IV

Unha bolsa para colaborar no proxecto Corpus Documentale Latinium Gallaeciae.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no Corpus Documentale Latinium Gallaeciae que se está levando a cabo no Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía ou historia.

-Coñecemento de informática, en calidade de usuario.

-Ter coñecementos de paleografía e latín.

ANEXO V

Tres bolsas para colaborar no proxecto dimensións da identidade colectiva en Galicia.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto dimensións da identidade colectiva en Galicia que se está desenvolvendo no Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes.

Para solicitar unha das bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Acreditar formación en ciencia política.

-Ter experiencia en traballos de análise institucional e parlamentaria.

Para optar á outra bolsa de colaboración neste proxecto requírese:

-Ser licenciados en ciencias económicas.

-Ter experiencia en traballos de análise económica rexional e áreas de estatística e informática.

Para optar á terceira bolsa para colaborar neste proxecto, requírese:

-Acreditar formación en ciencia política.

-Ter experiencia en traballos de análise de discurso político.

ANEXO VI

Unha bolsa para colaborar na catalogación informática dos fondos bibliográficos do centro.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na catalogación informática dos fondos bibliográficos existentes no Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Acreditar coñecementos de idiomas, preferentemente inglés.

-Coñecemento de informática, como usuario, de biblioteconomía.

-Ter experiencia en traballos de catalogación bibliográfica.

ANEXO VII

Tres bolsas para colaborar no proxecto de construcción, etiquetación e lematización do corpus de referencia do galego actual.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de construcción, etiquetación e lematización do corpus de referencia do galego actual que se está desenvolvendo no Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar dúas das bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciados en filoloxía.

-Ter experiencia na introducción de textos en ordenador, e no manexo de textos en formato electrónico.

-Ter experiencia en gramáticas formais e construcción de etiquetadores morfosintácticos e lematizadores.

Para optar á outra bolsa de colaboración neste proxecto, requírese:

-Ser licenciado en informática.

-Ter experiencia en programación lóxica e na construcción de analizadores para linguas naturais.

ANEXO VIII

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-voz en galego.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-voz en galego que se está levando a cabo no Centro de Investigacións Ramón Piñeiro.

1.-Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia en traballo de fonética acústica.

9376