Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Xoves, 02 de xaneiro de 1997 Páx. 4

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 444/1996, do 13 de decembro, polo que se regulan as actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servicios complementarios dos centros privados en réxime de concerto.

A Disposición derradeira primeira da Lei orgánica 9/1995, de 20 de novembro da participación, avaliación e goberno dos centros docentes, modifica a Lei orgánica 8/1985, de 3 de xullo, reguladora do dereito a educación, nos seus artigos 51 e 61 que fan referencia ás actividades escolares complementarias, actividades extraescolares e ós servicios complementarios dos centros privados en réxime de concerto.

Sobre a base de autorización expresa prevista no punto 2 da devandita disposición derradeira primeira da Lei orgánica 9/1995 procede a modificación do Decreto 61/1987, do 17 de marzo, polo que se regulan as actividades e servicios complementarios dos centros privados en réxime de concerto, para adaptalo ó establecido na citada Lei orgánica 9/1995.

Por isto, de conformidade coas competencias que en materia de educación ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do establecido no artigo 31 do Estatuto de autonomía, por proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O presente decreto regula as actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servicios complementarios que se realicen nos centros privados concertados do ámbito da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Galicia, segundo o disposto no artigo 51.4º da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, modificada pola disposición adicional primeira da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro da participación, avaliación e goberno dos centros docentes.

Artigo 2º

As actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servicios complementarios terán carácter voluntario para os alumnos, non poderán supoñer discriminación para ningún membro da comunidade educativa e non terán carácter lucrativo.

Artigo 3º

Os centros privados concertados gozarán de autonomía para establecer actividades escolares comple

mentarias, actividades extraescolares e servicios complementarios dentro dos fins fixados nas leis e neste decreto.

Artigo 4º

1. Terán carácter de actividades escolares complementarias aquelas que se realizan co alumnado en horario lectivo e que, formando parte da programación, teñen carácter diferenciado polo momento, espacio ou recursos que utilizan.

2. As actividades complementarias que non supoñan a percepción de cantidades como contraprestación destas, non precisarán autorización por parte do delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. As actividades complementarias que supoñan a percepción de cantidades como contraprestación destas, mesmo no caso de que as ditas actividades sexan promovidas por persoas ou entidades distintas á titularidade do centro, deberán ser aprobadas polo consello escolar como parte da programación xeral do centro e, autorizadas polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo da proposta do Consello Escolar do centro.

4. As actividades complementarias impartidas por profesores do cadro de persoal do centro non poderán imputar custos de persoal.

Artigo 5º

Teñen carácter de actividades extraescolares aquelas que, sendo organizadas polo centro e figurando na programación xeral anual, aprobada polo consello escolar, se realizan fóra de horario lectivo.

Artigo 6º

Terán carácter de servicios complementarios os comedores escolares, o transporte escolar, os gabinetes médicos ou psicopedagóxicos ou calquera outro de natureza análoga, directamente relacionados coa actividade do centro docente.

Artigo 7º

As cotas para a realización das actividades extraescolares e uso de servicios complementarios que deban aporta-los usuarios deberán ser aprobadas, logo de proposta do titular, polo consello escolar do centro e comunicadas ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 8º

Para efectos das actividades escolares complementarias e das actividades extraescolares enténdese por horario lectivo o que comprende toda a xornada escolar, incluídos os períodos de lecer, que poidan establecerse entre clases consecutivas.

Artigo 9º

As actividades escolares complementarias e as actividades extraescolares nas que non participe a totalidade dos alumnos non repercutirán nin serán esixibles para efectos de avaliación.

Artigo 10º

Non poderá autorizarse a percepción de cantidades como contraprestación por actividades de recuperación, apoio ou reforzo durante o curso escolar para a superación de dificultades de aprendizaxe, nin por titoría vixiada, utilización de biblioteca, actividades de estudio ou semellantes.

Artigo 11º

1. Ó inicio do curso escolar deberá facilitárselle ós pais ou titores dos alumnos información detallada sobre as actividades escolares complementarias, actividades extraescolares e servicios complementarios que ofrezan os centros, na que se fará constar expresamente o carácter voluntario e non lucrativo destas actividades e servicios; de se-lo caso, faranse consta-las percepcións autorizadas pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as aprobadas polo Consello Escolar do centro.

2.Co fin de que ningún membro da comunidade educativa resulte discriminado como consecuencia da realización destas actividades e de facer efectivo o principio de voluntariedade, os centros privados concertados que realicen actividades extraescolares ou presten servicios complementarios, sempre fóra do horario lectivo, deberán garanti-lo transporte dos alumnos que non desexen participar nas ditas actividades e servicios complementarios, unha vez concluída a xornada escolar destes.

3. Se, como consecuencia da organización do servicio de transporte escolar para os alumnos que participen nas actividades e servicios complementarios a que se refire o parágrafo anterior, se producise un incremento no custo do servicio, este deberá ser sufragado exclusivamente polos alumnos que participen nas ditas actividades e, polo tanto, ser obxecto de proposta separada.

Artigo 12º

1. Percibir cantidades por actividades escolares complementarias, actividades extraescolares ou por servicios escolares que non fosen debidamente aprobadas e autorizados de acordo co establecido neste decreto, será causa de incumprimento do concerto por parte do titular do centro.

2. Considerarase causa grave cando do expediente administrativo instruído para o efecto e, se é o, de sentencia da xurisdicción competente, resulte que o incumprimento se produciu por ánimo de lucro, con intencionalidade evidente, con perturbación manifesta na prestación do servicio do ensino ou de forma reiterada ou reincidente.

Artigo 13º

O incumprimento grave do concerto educativo dará lugar ás seguintes sancións:

a) Imposición de multa, que estará comprendida entre un tercio e o dobre do importe do concepto outros gastos do módulo económico do concerto edu

cativo vixente no período no que se determine a imposición da multa.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará o importe da multa, dentro dos límites establecidos no parágrafo anterior e poderá proceder ó cobro da multa por vía da compensación contra as cantidades que deba aboar ó titular do centro en aplicación do concerto educativo.

b) A reiteración ou reincidencia de incumprimentos graves dará lugar á rescisión do concerto. Neste caso, co fin de non prexudica-los alumnos xa escolarizados no centro, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá impoñe-la rescisión progresiva do concerto.

Artigo 14º

A reiteración de incumprimentos graves a que se refire o artigo anterior será constatada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de acordo cos seguintes criterios:

a) Cando se trate da reiteración de faltas cometidas con anterioridade, bastará con que esta situación se poña de manifesto na comisión de conciliación que se constitúa por esta causa.

b) Cando se trate dunha nova falta de tipificación distinta á cometida con anterioridade, será necesaria a instrucción do correspondente expediente administrativo, unha vez rematados os trámites da oportuna comisión de conciliación.

Artigo 15º

O incumprimento non grave dará lugar a apercibimento por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Se o titular non reparase este incumprimento, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria apercibirao de novo, advertíndolle que, de persistir na dita actitude, dará lugar a un incumprimento grave.

Artigo 16º

A inspección educativa supervisará o programa anual de actividades escolares complementarias, actividades extraescolares e servicios complementarios, comprobando a súa adecuación ó establecido neste decreto.

Disposición adicional

De conformidade co disposto no artigo 50 da LODE, os centros concertados consideraranse asimilados ás fundacións benéfico docentes para efectos da aplicación a eles dos beneficios fiscais e non fiscais que estean recoñecidos ás citadas entidades, con independencia de cantos outros puidesen corresponderlles en consideración ás actividades educativas que desenvolven.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas as seguintes normas:

a) Decreto 61/1987, do 17 de marzo, polo que se regulan as actividades e servicios complementarios dos centros privados en réxime de concerto.

b) Orde de 3 de setembro de 1993 pola que se dictan instruccións para o procedemento de autorización das cantidades que se percibirán como contraprestación por actividades complementarias e de servicios nos centros privados en réxime de concerto.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dictar tódalas disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9599