Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Venres, 27 de decembro de 1996 Páx. 11.878

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 1996, da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, pola que se declara a veda dos terreos incluídos na zona de influencia de explotación de áridos da comarca da Limia, concello de Sandiás (Ourense).

Vista a acta da sesión do Comité Provincial de Caza de Ourense, do 2 de xullo de 1996, e o informe con data 18 de outubro de 1996, do Servicio de Medio Ambiente Natural de Ourense, no que se recolle que o obxectivo básico do proxecto de recuperación das areeiras da Limia é o de crear unha zona especial de acollida e alimentación para a avifauna acuática nas charcas orixinadas pola extracción de áridos, así como a súa protección, e que na actualidade está presente un grande número de especies, moitas delas protexidas pola lexislación vixente. Tamén se recolle no devandito informe, que unha grande parte da zona de extracción de áridos son masas de auga, pistas e camiños das propias explotacións e marxes do canle principal da lagoa de Antela e do río Limia na súa marxe dereita, e por isto areas onde non se pode desenvolve-lo exercicio da caza. Como remate deste, no devandito informe proponse a veda para efectos de caza de tódalas especies na zona que se detalla no plano que se xunta e

que se atopa incluída no couto privado de caza de Sandiás na súa parte suroccidental entre a pista norte que bordea as explotacións de áridos e o río Limia.

En cumprimento da disposición derradeira da Orde, do 31 de xullo de 1996, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a tempada 1996-1997, na que se faculta o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e aplicación da devandita orde,

Esta Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural,

RESOLVE:

Declara-la veda dos terreos incluídos na zona de influencia de explotación de áridos da comarca da Limia (Concello de Sandiás), de acordo co plano existente no Plan de recuperación das areeiras da Limia, entre a pista norte que bordea as explotacións de áridos e o río Limia.

A veda abarcará a tódalas especies e suporá a prohibición do exercicio de calquera actividade cinexética en tódalas modalidades, incluídos o adestramento de cans, a celebración de xornadas de caza intensiva, competicións, soltas de animais ou calquera outra relacionada coa caza.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 1996.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural

8122