Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Luns, 23 de decembro de 1996 Páx. 11.745

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 9 de decembro de 1996 pola que se modifica a do 23 de outubro de 1995, de desenvolvemento do Decreto 199/1995, do 10 de maio, pola que se crea o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

Como consecuencia da entrada en vigor do Real decreto 390/1996, do 1 de marzo, de desenvolvemento parcial da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, faise preciso adaptar a el a normativa reguladora do rexistro xeral de contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na súa consecuencia, publicouse no DOG do 22 de novembro de 1996 o Decreto 408/1996, do 31 de outubro, polo que se modifica o Decreto 199/1995, do 10 de maio, modificado polo Decreto 258/1995, do 5 de outubro, polo que se crea o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

Polo exposto faise, así mesmo, necesario adaptar á normativa vixente a Orde do 23 de outubro de 1995, que desenvolve o citado Decreto 199/1995.

Os aspectos máis importantes regulados son:

a) A acreditación da capacidade polas empresas estranxeiras.

b) A incorporación ó rexistro das certificacións de atoparse ó día nas obrigacións de natureza tributaria coas facendas estatal e autonómica así como as da seguridade social.

c) A expedición de certificacións acreditativas da representación das empresas inscritas para os efectos de cancelación de garantías ou doutros actos que o requiran en materia de contratación.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.

Modifícase a orde do 23 de outubro de 1995, de desenvolvemento do Decreto 199/1995, do 10 de maio, polo que se crea o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, nos seguintes puntos:

1. O punto 1 do artigo 2 quedará redactado da seguinte maneira:

1.-Presentarase a solicitude de inscrición no modelo normalizado que figura como anexo I á presente orde, xunto cos documentos seguintes:

A. Para as solicitudes formuladas por españois:

a) Fotocopia do NIF ou CIF compulsadas.

b) Escritura de constitución ou modificación da empresa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, de non ser sociedade mercantil.

c) Para os empresarios individuais copia compulsada do documento nacional de identidade ou o que, se é o caso, o substitúa regulamentariamente.

d) Poder declarado bastante por letrado da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, así como copia compulsada do DNI ou documento que regulamentariamente o substitúa, do apoderado ou dos apoderados.

e) Declaración responsable outorgada ante autoridade administrativa ou notario público de non estar incurso o licitador en ningún dos supostos de prohibición para contratar previstos na normativa vixente en materia de contratación.

f) Presentación da alta e, se é o caso, do último recibo do imposto de actividades económicas.

g) Certificación acreditativa de atoparse ó día no cumprimento das obrigacións tributarias coa facenda estatal nos termos establecidos nos artigos 7 ó 10 do Real decreto 390/1996.

h) Certificación acreditativa de non ter débedas de natureza tributaria coa Comunidade Autónoma de Galicia, expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

i) Certificación acreditativa de atoparse ó día no cumprimento das obrigas de Seguridade Social nos termos establecidos nos artigos 7 ó 10 do Real decreto 390/1996.

j) De serlo caso, certificado de clasificación do contratista expedido polo órgano competente.

b. Para as solicitudes formuladas por estranxeiros:

Requirirase a mesma documentación esixida no apartado anterior deste artigo e ademais:

a) Os contratistas non españois de estados membros da Unión Europea ou asinantes do acordo sobre o espacio económico europeo acreditarán a súa capacidade de obrar mediante a inscrición nos rexistros ou presentación das certificacións que se indican no anexo I do Real decreto 390/1996, do 1 de marzo, de desenvolvemento parcial da Lei 13/1996, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.

b) Os contratistas de estados non membros da Unión Europea e dos non asinantes do acordo sobre o espacio económico europeo acreditarán a súa capacidade de obrar mediante a presentación dos seguintes documentos:

-Certificación expedida pola respectiva representación diplomática española na que se faga constar que figuran inscritas no rexistro local, profesional, comercial ou análogo ou, no seu defecto, que actúan con habitualidade no tráfico local.

-Informe da representación diplomática española sobre a condición de estado signatario do acordo sobre contratación pública da organización mundial do comercio ou, no caso contrario, o informe de reciprocidade a que se refire o artígo 23.1º da Lei 13/1995.

-Tratándose de empresas contratistas de obras será necesario, ademais, que acrediten ter aberta sucursal en España, con designación de apoderados ou representantes e inscritas no Rexistro Mercantil.

c) Declaración solemne de sometemento á xurisdicción dos xulgados e tribunais españois de calquera orde para a resolución de calquera incidencia que puidera xurdir na formalización e execución dos contratos.

Os contratistas estranxeiros presentarán os documentos que deban aportar traducidos de forma oficial para os idiomas galego ou castelán.

Tódolos documentos ós que se refire este artigo presentaranse en orixinal ou mediante copias que teñan o carácter de auténticas, a excepción da declaración de poder bastante, que sempre se aportará en orixinal.

2. O artigo 5 quedará redactado como segue:

1. Producida e notificada ó interesado a inscrición, o contratista quedará exonerado de aportar, nas diferentes licitacións nas que concorra, a documentación acreditativa dos seguintes extremos:

a) Capacidade.

b) Cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

c) Clasificación do contratista.

2. Os certificados de encontrarse ó día das obrigas tributarias das facendas estatal e autonómica así como o de Seguridade Social terán unha vixencia de seis meses desde a data da súa expedición; por todo isto, os contratistas inscritos deberán renovalos ó vencemento do prazo. De non facelo, o rexistro non acreditará tales puntos.

3. O anteriormente previsto será de aplicación ós documentos xustificativos do pagamento do imposto de actividades económicas, a excepción do prazo de vixencia, que será dun ano.

2. Inclúese un novo artigo á redacción da Orde de 23 de outubro de 1995.

Artigo 9º

Por instancia das empresas inscritas, o Rexistro de Contratistas, a través do sistema xeral de procedementos administrativos da Xunta de Galicia, expedirá certificacións acreditativas da representación destas para efectos da cancelación de garantías ou outros actos que así o requiran en materia de contratación administrativa.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9373