Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 16 de decembro de 1996 Páx. 11.452

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 5 de decembro de 1996 pola que se establecen bolsas de prácticas para estudiantes e titulados en especialidades agrarias.

Coa finalidade de que os estudiantes e os recentemente titulados en especialidades agrarias adquiran maiores coñecementos prácticos nas materias propias dos seus estudios, que lles permitan unha mellor preparación para o seu futuro profesional, convén establecer unha liña de axudas económicas en forma de bolsas para prácticas.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establécense axudas económicas, que no sucesivo denominaremos bolsas, para realizar prácticas en temas agrarios conforme as bases contidas na presente orde.

Artigo 2º.-Finalidade.

Desenvolvemento de estudios e prácticas formativas en materia agraria. As prácticas levaranse a cabo en unidades desta consellería, preferentemente en Axencias de Extensión Agraria, Servicios de Sanidade e Producción Animal, Montes, Incendios e Medio Ambiente.

Artigo 3º.-Carácter das bolsas.

As bolsas terán carácter formativo e non implican relación laboral nin administrativa entre os beneficiarios e a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, aínda que si a necesaria dependencia administrativa en relación co horario, normas de réxime interno e disciplinas da unidade administrativa onde se realicen as prácticas.

As bolsas tampouco darán lugar á súa inclusión na Seguridade Social. Nembargantes, subscribiráselles unha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período de prácticas.

Artigo 4º.-Destinatarios e número de bolsas.

Establécense dous tipos de bolsas:

Tipo A) Vinte bolsas destinadas ós recentemente titulados de escolas técnicas superiores de enxeñeiros agrónomos e de montes, facultades de veterinaria e escolas técnicas de grao medio agrícolas ou forestais.

Tipo B) Vinte bolsas destinadas a estudiantes das escolas ou facultades descritas no tipo A).

Artigo 5º.-Duración e contía económica.

As bolsas tipo A) terán unha duración de tres meses, entre o 15 de xullo e o 14 de outubro, e a súa contía será de 300.000 ptas.

As bolsas tipo B) terán unha duración de tres meses, entre o 15 de xullo e o 14 de outubro, e a súa contía será de 250.000 ptas.

Artigo 6º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas bolsas aquelas persoas que acrediten, polo menos, dous anos de residencia en Galicia e reúnan os seguintes requisitos:

Bolsas tipo A): titulados nalgún dos centros ós que se fai referencia no artigo 4º, sempre que obtivesen o título a partir do 1 de xaneiro de 1996.

Bolsas tipo B): estudiantes dos mesmos centros, que estean matriculados no curso 1996-97 en materias do derradeiro ano de carreira.

Non poderán optar a un mesmo tipo de bolsa os estudiantes que a disfrutasen en anos anteriores.

En calquera caso, estas bolsas son incompatibles co traballo remunerado de carácter fixo ou temporal durante o período das prácticas.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, e serán presentadas no rexistro xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, nas súas delegacións provinciais, ou do xeito previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Documentación.

A solicitude presentarase, segundo modelo E que se xunta debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

-Tipo de bolsa á que aspira.

-Fotocopia do DNI do interesado.

-Declaración do interesado na que faga constar que cumpre cos requisitos sinalados no artigo 6º da convocatoria, e de que non incorre na incompatibilidade sinalada nela.

-Centro no que acadou o título ou no que está matriculado.

-Certificación das cualificacións da totalidade do expediente académico.

-Acreditar debidamente o coñecemento en materia informática e de idiomas.

Artigo 9º-Selección dos beneficiarios.

1. A selección faraa unha comisión de valoración presidida polo secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e na que se integrarán: como secretario, o xefe do Servicio de Contratación e Xestión Orzamentaria, e como vocais, o subdirector xeral de Xestión Orzamentaria e a subdirectora xeral de Persoal e Coordinación Adtva.

2. A selección realizarase tendo en conta o expediente académico completo de cada solicitante,

segundo os tipos de bolsas e os méritos alegados, realizada segundo o seguinte baremo:

a) Valoración das cualificacións académicas:

-Matrícula de honor: 4 puntos.

-Sobresaíente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

-Suspenso ou non presentado: 0 puntos.

Deberase ter en conta para efectos de aplicación do baremo que a nota acadada nunha disciplina no caso de non superarse na primeira convocatoria, dividirase entre o número delas, sempre que non sexa superior a tres, pois con posterioridade á terceira convocatoria valorarase con 0 puntos.

b) Reducción ó mesmo número de materias:

(Suma de notas x 30)/(Número de materias)=Suma expediente académico.

c) Outras valoracións:

Poderanse valorar tamén, sempre que veñan perfectamente acreditados documentalmente:

-Coñecementos informáticos: ata 3 puntos.

-Coñecementos de idiomas: ata 3 puntos.

É requisito imprescindible que, no caso de estudiantes, estean matriculados da totalidade de disciplinas do derradeiro ano.

3. A relación de seleccionados será exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais respectivas.

Artigo 10º.-Adxudicación e pagamento.

1. As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, por proposta da comisión de valoración.

2. O pagamento farase por contías iguais mensuais, unha vez recibido o informe do xefe da unidade correspondente sobre o bo desenvolvemento das prácticas.

3. No caso de que o bolseiro deixe de levar a cabo a asistencia á unidade onde realice as prácticas, deixará de percibi-la cantidade correspondente.

Artigo 11º

No caso de quedar deserta algunha bolsa dun tipo, poderase acumular ás do outro tipo.

Artigo 12º

O importe destas bolsas sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.611A.481.0 «Axudas a estudios e traballos en temas agrarios», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, por un importe máximo de 11.100.000 ptas.

O importe de 100.000 ptas. destinarase a contratar unha póliza de seguro de accidentes para 40 bolseiros.

Disposición adicional

A adxudicación definitiva das bolsas queda condicionada á aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, e á consignación neles de crédito dabondo na aplicación 09.01.611A.481.0

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para dicta-las resolucións necesarias para o mellor cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

9015