Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 03 de decembro de 1996 Páx. 10.916

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de outubro de 1996 pola que se aproba o plan de traballo anual da Inspección Educativa na Comunidade Autónoma de Galicia, para o curso 1996/1997.

O Decreto 135/1993, do 24 de xuño, polo que se regulan as funcións e organización da Inspección educativa na Comunidade Autónoma de Galicia, determina como unha das funcións do subdirector Xeral da Inspección elabora-lo plan de traballo anual da Inspección educativa, de acordo coas prioridades e directrices emanadas das correspondentes direccións xerais da consellería.

O presente plan aspira a manter unha liña de continuidade nos obxectivos e nas actuacións fixadas no plan de traballo do curso 1995/96 que contribuíron á homologación de tarefas de tódolos servicios provinciais de Inspección e, por outra banda, aspira a afondar en certos obxectivos ós que a implantación do novo sistema educativo require outorgar unha maior dimensión.

O presente plan inscríbese dentro do modelo organizativo da Inspección educativa deseñado no Decreto 135/1993, do 24 de xuño: unha inspección coordinada internamente pola Inspección central, a xefatura de servicio provincial da Inspección e os coordinadores de cada un dos equipos dos sectores educativos; e un traballo en equipo dos inspectores integrantes de cada un dos sectores, que supón un elemento de intervención colectiva na actuación, na análise e na toma de decisións comúns no sector correspondente.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera como obxectivo prioritario a aplicación das novas ensinanzas derivadas da LOXSE e, concretamente, no curso 1996/97, o seguimento e avaliación da implantación do primeiro curso do ensino secundario obrigatorio e a preparación do segundo curso.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, considera que a mellora na calidade do ensino esixe amplia-los límites da avaliación para que poida ser aplicada de modo efectivo ó conxunto do sistema educativo, nas súas ensinanzas, centros e profesores, e determina que os plans de avaliación dos centros docentes serán elaborados pola Administración educativa, e serán levados a cabo principalmente pola Inspección educativa.

Esta mesma lei, dentro do obxectivo marcado nela, o da consecución máis eficaz dun ensino de calidade, atribúelle á Inspección educativa un papel determinante na detección acertada tanto do estado real dos distintos elementos do sistema educativo como das causas determinantes dos resultados das avaliacións, e considera o exercicio seu como un medio primordial para regula-lo cumprimento das leis e a garantía dos docentes e observancia dos deberes de cantos participan nos procesos de ensinanzas e de mellora do sistema educativo.

De acordo co anteriormente exposto, por proposta do subdirector xeral de Inspección educativa, de conformidade co artigo 12 do Decreto 135/1993, do 24 de xuño, establécese o seguinte plan de traballo anual da Inspección para o curso 1996/97:

2.-Supervisión da organización e funcionamento dos centros e dos recursos materiais e humanos existentes para a súa optimización.

3.-Avaliación dos centros educativos de acordo co disposto na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, seguindo e ampliando as actuacións iniciadas no curso 1995/96 co plan de avaliación de centros educativos (plan ACE).

4.-Supervisión do final do curso académico 1996/97, análise da memoria anual e dos datos sobre avaliación dos alumnos e organización do curso académico 1997/98.

1.-Supervisión do proceso de aplicación das novas ensinanzas derivadas da Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, especialmente a implantación xeneralizada do primeiro curso do ensino secundario obrigatorio.

Actividades.

1.1 Análise e diagnóstico dos centros educativos que imparten este curso.

1.2 Seguimento dos seguintes aspectos:

-Proceso de escolarización: previsión e desenvolvemento así como o control de grupos de alumnos e unidades resultantes.

-A adscrición do profesorado e necesidade deste.

-Elementos de organización interna: horario, xornadas, etc.

1.3 Asesoramento e seguimento do proceso de elaboración dos documentos institucionais dos centros:

-O proxecto educativo do centro.

-O proxecto curricular da etapa.

-As programacións didácticas dos departamentos.

-O plan xeral para o uso do idioma.

-A programación xeral anual.

-O regulamento de réxime interior.

-Os programas de diversificación curricular.

1.4 Seguimento do plan de coordinación entre o profesorado dos institutos e o profesorado que imparte o primeiro curso da ESO nos centros adscritos: calendario de reunións, elaboración, aprobación e avaliación das programacións didácticas.

1.5. Seguimento e aplicación da avaliación do alumnado, da avaliación do proceso educativo e dos libros de escolaridade. Supervisión das actas de avaliación dos alumnos e dos libros de escolaridade.

Responsables.

Baixo a coordinación do inspector coordinador do sector, cada inspector levará a cabo a supervisión e a verificación dos aspectos enumerados nos seus centros.

Temporalización.

Mes de outubro e novembro: 1.1

Primeiro trimestre: 1.2

Todo o curso: 1.3 - 1.4 - 1.5

Mes de xuño: 1.5

Avaliación.

O resumo das realizacións levadas a cabo, as conclusións e as propostas de mellora sobre elas serán recollidas nun informe trimestral elaborado polo equipo de sector baixo a dirección do inspector coordinador.

Obxectivo II:

2.-Supervisión da organización e funcionamento dos centros, dos recursos materiais e humanos existentes para a súa optimización.

Actividades.

2.1 Comprobación das instalacións do centro (aulas, talleres, laboratorios, despachos, salas de reunións, despachos de departamentos, sala de usos múltiples, salón de actos, espacios ó aire libre, instalacións deportivas).

2.2 Supervisión dos servicios complementarios dos centros (comedores, transportes).

2.3 Comprobación do mobiliario escolar.

2.4 Comprobación do material didáctico.

2.5 Detección de necesidades de recursos didácticos e equipamento.

2.6 Detección de necesidades de obras.

2.7 Comprobación do horario (lectivo e complementario) do profesorado e verificación do cumprimento da normativa vixente neste aspecto.

2.8 Verifica-lo horario xeral do centro e o cumprimento por parte deste da normativa en tódolos aspectos (especialmente nas optativas, opcionais, EATPs, etc).

2.9 Corrixi-las posibles desviacións dos cadros de persoal e, en función dos axustes levados a cabo, propoñe-lo cadro adecuado (nos centros de E. secundaria).

Responsable.

Baixo a coordinación do inspector coordinador do sector, cada inspector levará a cabo a supervisión e a verificación dos aspectos enumerados no seu centro.

Temporalización.

Primeiro trimestre do curso.

A proposta de cadros de persoal realizarase nas datas marcadas pola Dirección Xeral de Persoal.

Obxectivo III:

3.-Avaliación dos centros educativos de acordo co disposto na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, seguindo e ampliando as actuacións iniciadas no curso 1995/96 co plan de avaliación de centros educativos (plan ACE).

Actividades.

3.1 Determinación dos centros docentes que serán obxecto de avaliación no curso 1996/97.

3.2 Reunión informativa sobre o proceso de avaliación de centros.

3.3 Aplicación dos instrumentos da avaliación nos centros.

3.4 Análise dos resultados.

3.5 Redacción do informe con proposta de intervención.

3.6 Reunión final para a análise da avaliación e para estudio e debate das propostas recollidas no informe.

Responsable.

Equipo do sector.

Temporalización.

Primeiro trimestre: 3.1 e 3.2

Segundo e terceiro trimestre: 3.3 - 3.4 - 3.5

Obxectivo IV:

4.-Supervisión do final do curso académico 1996/97, análise da memoria anual e dos datos sobre avaliación dos alumnos e organización do curso académico 1997/98.

Actividades.

4.1 Verifica-la aplicación da normativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sobre o calendario das actividades do final de curso elaborado polos consellos escolares.

4.2 Velar polo proceso de elección dos directores dos centros e, se é o caso, proposta do nomeamento.

4.3 Elaborar un estudio das necesidades de profesorado en cada un dos centros de cara ó curso 1997/98.

4.4 Recollida, análise da memoria anual da programación xeral anual do centro e informe sobre as conclusións máis relevantes.

4.5 Recollida e análise dos datos estatísticos sobre a avaliación de alumnos en cada unha das materias ou áreas.

4.6 Supervisión da documentación académica da avaliación dos alumnos: libros de escolaridade, actas, informes e proposta de títulos.

Responsable.

Baixo a coordinación do inspector-coordinador do sector, quen elaborará o informe final sobre cada un dos aspectos citados, os inspectores do sector realizarán as tarefas de verificacións, control e análise nos seus centros de referencia.

Temporalizacións.

Mes de maio: 4.1 4.3

Mes de xuño: 4.2 4.3

Mes de xuño-xullo: 4.4 4.5

Avaliación.

No informe elaborado polo equipo do sector, baixo a dirección do inspector coordinador, realizarase a avaliación das distintas actividades, coas conclusións e medidas, se é o caso, propostas.

Tarefas habituais.

O plan de traballo anual, curso 1996/97, fai fincapé nunha serie de obxectivos que deben figurar como actuacións prioritarias e ocupar un lugar preferente no traballo da Inspección educativa.

Non poden, loxicamente, obviarse todas aquelas actuacións consideradas habituais e que constitúen un centro normal de atención e de adicación dos inspectores

A) Avaliación, supervisión e asesoramento.

-Valoración dos profesores solicitantes da acreditación para o exercicio da dirección.

-Valoración dos profesores solicitantes das licencias de estudios.

-Colaboración nos procesos de provisión de prazas.

-Colaboración nos concursos para o acceso á condición de catedráticos.

-Recoñecemento das novas habilitacións do profesorado.

-Supervisión do proceso de elección de membros dos consellos escolares.

-Asesoramento e información ós equipos directivos sobre a normativa de organización e funcionamento dos centros.

-Asesoramento e colaboración cos equipos de normalización lingüística dos centros.

B) Documentos de organización do centro.

-Supervisión, verificación e control dos datos contidos neles.

-Aprobación definitiva dos horarios dos centros docentes e dos servicios educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Seguimento e control do cumprimento da xornada do profesorado.

-Supervisión do cumprimento e aplicación da normativa sobre a normalización lingüística.

C) Planificacións.

-Revisión e actualización do mapa escolar.

-Planificación, execución e supervisión dos procesos de escolarización de alumnos.

-Proposta dos cadros de funcionamentos dos centros.

-Revisión e informe sobre autorización e renovación dos concertos escolares.

D) Emisión de informes sobre desafectación, adianto en idade, actividades e servicios complementarios en centros concertados, proxectos de formación en centros, reclamacións de alumnos, impartición de EATPs, materias optativas, horarios experimentais, traballos dos equipos de normalización lingüística e de potenciación do uso do galego.

E) Organización e execución dos premios extraordinarios de bacharelato.

III) PLAN PROVINCIAL DE INSPECCIÓN

1. Elaboración do plan provincial.

Correspóndelle ó inspector xefe do Servicio Provincial de Inspección a elaboración do plan provincial de inspección e a realización do seguimento deste.

O plan provincial da Inspección, co visto e prace do delegado provincial, será remitido á Subdirección Xeral de Inspección antes do día 25 de novembro de 1996.

O dito plan terá como referencia o plan xeral de traballo da Inspección concretado nos catro obxectivos prioritarios para o curso 1996/97.

Os plans provinciais estructuraranse arredor dos seguintes puntos:

1.-Obxectivos fixados no plan de traballo.

-Actuacións levadas a cabo.

-Temporalización dos obxectivos.

-Responsables das actuacións.

-Informes elaborados.

2.-Outros puntos que se incluirán no plan.

-Sectores de inspección (equipos, reunións.)

-Grupos de traballo provinciais (compoñentes, reunións, documentos).

-Reunión dos equipos de inspección.

-Documentos elaborados polo servicio provincial.

2. Seguimento e avaliación do plan de inspección.

O proceso de seguimento e avaliación do plan realizarase a dous niveis:

a) Seguimento desde os servicios provinciais.

-O inspector-coordinador de sector convocará o equipo do sector, polo menos unha vez ó mes, e avaliará o grao de cumprimento das actividades programadas.

-O inspector-xefe convocará os coordinadores de sector, polo menos unha vez ó mes, para analiza-las actuacións programadas e o seu cumprimento.

-O inspector-xefe convocará unha xuntanza trimestral con tódolos inspectores do servicio para avalia-lo desenvolvemento do plan provincial.

-Ó final do curso académico o inspector xefe elaborará, xuntamente cos inspectores-coordinadores, unha memoria anual na que recollerá a síntese das actividades da Inspección respecto ós obxectivos do plan de traballo anual.

b) Seguimento desde a Inspección Central.

-Análise dos plans provinciais de inspección e emisión dos correspondentes informes.

-Reunións periódicas con inspectores xefes, baixo a presidencia do Subdirector Xeral da Inspección.

-Participación en reunións de traballo cos inspectores dos servicios provinciais e especialmente cos inspectores xefes.

-Solicitude de informes puntuais referidos ó cumprimento das actuacións do plan de traballo.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

8806