Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 03 de decembro de 1996 Páx. 10.915

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 421/1996, do 21 de novembro, polo que se acorda a cesión do uso, a título gratuíto, dun inmoble coñecido como estación de inspección técnica de vehículos, sito na parroquia de San Salvador de Muxa (Lugo), á Asociación de Talleres de Reparación de Vehículos Automóbiles de Lugo.

A Asociación de Talleres de Reparación de Vehículos Automóbiles de Lugo solicitou da Consellería de Economía e Facenda a cesión do uso do inmoble coñecido como estación de inspección técnica de vehículos, sita na parroquia de San Salvador de Muxa (Lugo), para destinalo a impartir cursos de capacitación profesional.

Mediante Decreto 130/1996, do 29 de marzo (DOG nº 75, do 17 de abril), desafectouse o inmoble sito na parroquia de San Salvador de Muxa, da cidade de Lugo, denominado estación de inspección técnica de vehículos.

Por orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de maio de 1996 (DOG nº 201, do 14 de outubro), declarouse a alleabilidade do inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteún de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-

Acórdase a cesión a título gratuíto a favor da Asociación de Talleres de Reparación de Vehículos Automóbiles de Lugo, do dereito do uso do inmoble coñecido como estación de inspección técnica de

vehículos, sito na parroquia de San Salvador de Muxa, de Lugo.

Artigo 2º.-

A cesión de uso queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble como centro no que se impartirán cursos de capacitación profesional.

b) A cesión do uso outorgarase por un período de cinco anos, contados desde o outorgamento da correspondente escritura pública, prorrogables por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior, excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo dun ano contado desde a sinatura da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, considerarase resolta a cesión e o uso dos bens reverterá na Administración da Comunidade Autónoma, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) As obras de reforma, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da antedita cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, os investimentos realizados quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsados pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

e) A Asociación de Talleres de Reparación de Vehículos Automóbiles de Lugo subscribirá unha póliza, da que será beneficiaria a Comunidade Autónoma de Galicia, que cubra os danos do inmoble do que se cede o uso, así como a responsabilidade civil por posibles danos a terceiros.

Artigo 3º.-

A cesión do uso formalizarase mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteún de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

96-8875