Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 28 de novembro de 1996 Páx. 10.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 415/1996, do 21 de novembro, polo que se aproba a segregación de parte do termo municipal de Vilanova de Arousa (provincia de Pontevedra), para a posterior constitución dun concello novo e independente, chamado A Illa de Arousa.

Pola maioría dos veciños residentes na parroquia de San Xulián de Arousa, pertencente ó municipio de Vilanova de Arousa, iniciouse expediente relativo á alteración do seu termo municipal, consistente na segregación de parte do seu territorio para constituír un concello novo e independente, que se chamaría A Illa de Arousa, na provincia de Pontevedra.

Para o efecto de xustifica-la súa petición de segregación, aducíronse razóns históricas, sociolóxicas e económicas, alegándose, ademais, que contan con poboación e recursos suficientes para constituír un concello independente, non quedando minguada a solvencia do concello matriz.

O expediente foi tramitado conforme os principios contidos no artigo 13 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; 2 ó 9 do R.d.l. 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; e 2 ó 17 do R.d. 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais.

Así, no que respecta ó procedemento, constituíuse a correspondente comisión promotora que levou a cabo o seu cometido de integrar debidamente o expediente, xuntando nel toda a documentación requirida, e elevándoo, posteriormente, ó Concello de Vilanova de Arousa que o someteu a información pública polo prazo de trinta días. O Pleno do devandito concello adoptou acordo favorable á segregación en sesión plenaria celebrada o 25 de xaneiro de 1995, no sentido de remiti-lo expediente á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais por se-la competente en materia de réxime local, conforme o Decreto 13/1994, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da citada consellería.

A Deputación Provincial de Pontevedra emitiu, por acordo maioritario, informe favorable á segregación, e o Consello de Estado a deu o seu dictame favorable.

Polo que se refire ó fondo do asunto o expediente cumpre os requisitos que a Lei 7/1985 e demais disposicións concordantes esixen para a creación de novos municipios, así:

a) A alteración do termo municipal non afecta os límites da provincia de Pontevedra.

b) A segregación realízase sobre a base de núcleos de poboación territorialmente diferenciados, dado que a parroquia que se vai segregar é unha illa,

que una o núcleo de poboación que se pretende segregar do municipio matriz.

c) Os novos municipios contarán con recursos suficientes para o cumprimento dos seus fins.

d) A calidade dos servicios que se veñen prestando no territorio que pretende a súa constitución en concello independente non se verá afectada por isto e ademais o municipio orixinario non quedará privado desa mesma calidade.

O artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de alteracións dos termos comprendidos dentro do seu territorio. Tales facultades correspóndenlle ó Consello da Xunta de Galicia, como órgano colexiado de goberno da Comunidade Autónoma, de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais disposicións de aplicación.

Na súa virtude, á vista do dictame do Consello de Estado e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Apróbase a segregación de parte do termo municipal de Vilanova de Arousa, comprendida pola actual parroquia de San Xulián de Arousa, para a ulterior constitución dun concello novo e independente, que se chamará A Illa de Arousa e terá a capitalidade neste núcleo de poboación.

Artigo 2º.

O territorio do novo municipio que se constitúe é o que corresponde, na actualidade , á parroquia de San Xulián de Arousa, que coincide coa superficie da Illa de Arousa.

Artigo 3º.

A poboación do novo municipio que se constitúe será a determinada polos habitantes na parroquia de San Xulián de Arousa, e segundo certificacións expedidas polo secretario xeral do Concello de Vilanova de Arousa con data 3 de outubro de 1996, a dita parroquia conta con catro mil setecentos noventa e nove (4.799) habitantes, e tres mil setecentos (3.700) electores.

Artigo 4º.

O novo concello será rexido e administrado, ata as vindeiras eleccións municipais por unha comisión xestora que designará a Deputación Provincial de Pontevedra consonte os resultados das eleccións municipais, na mesa ou mesas correspondentes ó territorio segregado; a Corporación Municipal de Vilanova de Arousa permanecerá formada polo mesmo número de concelleiros que tiña.

Artigo 5º.

Apróbanse as estipulacións xurídicas e económicas que figuran no expediente e que se recollen no anexo deste decreto, onde se establece a fórmula de distribución de cargas e dereitos entrre ámbolos dous municipios.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Facúltase expresamente o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a efectividade deste decreto.

Segunda.

A presente disposición entrará en vigor o día un de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Santiago de Compostela, vinteún de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Estipulacións xurídicas e económicas

I. Forma de liquida-las débedas, créditos e calesquera outros dereitos e obligacións entre o concello orixinario e o novo e bases que se establezan para resolver calquera outras cuestións que non fose posible dilucidar.

O reparto da débeda a curto, medio e longo prazo, así como os dereitos recoñecidos e pendentes de pagamento e calquera outra carga ou dereito, distribuiranse entre ámbolos dous municipios resultantes do proceso de segregación en función do número de habitantes e da súa riqueza impoñible; do que se deduce que o reparto será feito, pola comisión paritaria formada por un número igual de representantes de ámbolos dous concellos, de xeito que corresponderá a Vilanova de Arousa o 68,8 por cento e á Illa de Arousa o 31,2 por cento.

En caso de conflicto, ou de que esta comisión non fose capaz de elaborar unha proposta definitiva, ámbalas dúas partes se someterán á arbitraxe dunha comisión formada por representantes da Deputación Provincial de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

II. Proxecto de revisión dos bens, aproveitamentos, usos públicos.

De acordo coa certificación, que consta no expediente tramitado, expedida polo secretario xeral do Concello de Vilanova de Arousa o 31 de decembro de 1993, relativa ós bens mobles e inmobles de propiedade municipal o reparto destes entre ámbolos dous concellos farase como a seguir se indica.

Bens inmobles.

Corresponderán ó Concello de Vilanova de Arousa os que estean situados no seu termo municipal, e

ó Concello da Illa de Arousa os que se atopen no termo correspondente á parroquia de San Xulián de Arousa.

Bens mobles.

Corresponderalle á comisión paritaria, formada por representantes de ámbolos dous concellos, o reparto dos bens mobles.

Bens comunais.

Ó non existir bens comunais non procede o seu reparto.

III. Reparto de funcionarios

O reparto de persoal entre ámbolos dous concellos resultantes do proceso de segregación farase de acordo coas fórmulas e bases que figuran no correspondente expediente baixo a denominación «Documento número seis».

7013