Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 15 de novembro de 1996 Páx. 10.283

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 396/1996, do 31 de outubro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo de 3.000 m, sito en Matalobos-Toedo, termo municipal da Estrada (Pontevedra), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de desenvolvemento comarcal.

O Pleno da Corporación municipal da Estrada, reunido en sesión extraordinaria o 1 de decembro de 1995, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 3.000 m, para a construcción dun Centro de Desenvolvemento Comarcal.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu Regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá Decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do Regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello da Estrada acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 3.000 m pertencente ó Concello da Estrada, denominado: Terrío de Lamas e Lagoa, composto pola leira nº 426-1 da concentración parcelaria de Matalobos-Toedo, e a rústica Lagoa, destinada a monte. Os lindes son: norte, Manuel Rodríguez García; sur, camiño; leste, Francisco Cajaraville Touceda e Manuel Rodríguez García; e oeste, estrada.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade da Estrada, ó tomo 605, libro 490, folio 166, inscrición 1ª, número 67.742.

Artigo segundo.-O inmoble cedido destinarase á construcción dun Centro de Desenvolvemento Comarcal na Estrada (Pontevedra).

Artigo terceiro.-A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

96-8234