Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 05 de novembro de 1996 Páx. 9.817

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 16 de outubro de 1996 sobre centros reguladores de crustáceos.

De acordo co disposto na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e vistas as necesidades de determinados establecementos de hostelería, alimentación e peixerías, de dispor dunha instalación dedicada á estabulación de crustáceos, o Decreto 286/1996, do 4 de xullo, crea a figura dun novo establecemento auxiliar de cultivos mariños denominado centro regulador de crustáceos, á vez que faculta o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para desenvolve-la normativa pola que haberá de regularse.

En virtude de todo o exposto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

O centro regulador de crustáceos contará cunha capacidade total das piscinas de estabulación comprendida entre 500 e 15.000 litros. A superficie máxima das ditas piscinas será de 15 m e a columna de auga non poderá superar 1 metro de altura.

A densidade de estabulación estará limitada a 1 Kg de crustáceos por cada 20 litros de auga.

Artigo 2º

1. Os titulares de establecementos de hostelería, alimentación e peixerías, que desexen instalar centros reguladores de crustáceos, deberán solicita-lo correspondente permiso de actividade para a posta en funcionamento e explotación, á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, de conformidade cos modelos que figuran nos anexos á presente orde.

2. A solicitude será dirixida ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e presentarase no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nos das súas delegacións territoriais e comarcais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante, se é persoa física, ou escritura acreditativa da personalidade e fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do seu representante, se é persoa xurídica.

b) Licencia municipal do establecemento responsable das transaccións, incluíndo a correspondente autorización sanitaria.

c) Planos do establecemento (2 copias).

d) Memorias técnico-biolóxicas específicas do establecemento e da actividade que se van desenvolver (2 copias).

e) Se se precisa ocupación do dominio público marítimo terrestre, tanto a documentación que hai que presentar como a tramitación da concesión de ocupación, haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente.

f) Xustificante do aboamento da taxa correspondente.

Artigo 4º

Se o establecemento non precisa ocupación do dominio público, o prazo para resolver será de catro meses e de oito no caso contrario. De non dictarse resolución no prazo anteriormente establecido entenderase desestimada a solicitude.

O outorgamento do permiso de actividade será preceptivamente publicado no Diario Oficial de Galicia mediante orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 5º

Tanto as prórrogas como as modificacións dos títulos habilitantes haberán de aterse ó disposto na Lei 6/1993, de pesca de Galicia e demais disposicións concordantes.

Artigo 6º

Para a obtención ou modificación dos títulos habilitantes será requisito imprescindible que os solicitantes non teñan sanción firme en vía administrativa en materia de protección de recursos mariños, pendente de pagamento.

Disposición derradeira

Primeira.-Facultase o director xeral de Marisqueo e Acuicultura a dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo y Acuicultura

9608022