Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 01 de outubro de 1996 Páx. 8.797

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se determinan os horarios máximos de espectáculos e establecementos públicos.

Por orde desta consellería de 26 de setembro de 1996 atribuíuselle a esta delegación, no ámbito provincial, o exercicio das funcións en materia de espectáculos públicos que viña desempeñando a Administración periférica do Estado.

Como queira que os actuais horarios, chamados «de verán», teñen vixencia ata o día de hoxe, faise preciso regular, ó abeiro da orde do Ministerio de Interior do 23 de novembro de 1977, os horarios «de inverno» que rexerán a partir do día de hoxe,

optando por manter en liñas xerais os que rexeron nas mesmas datas no período 1995-1996, sen prexuízo de que as conversas que se manterán con tódolos colectivos e sectores implicados, poidan levar no seu momento a efectuar variacións na mellor procura do interese xeral. Por todo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro.-Do 1 de outubro de 1996 ó 30 de xuño de 1997, os espectáculos e festas rematarán e os establecementos públicos pecharán, como máximo, ás horas sinaladas no cadro seguinte:

-Cinematógrafos: 24 h.

-Teatros: 0.30 h.

-Circos: 24 h.

-Frontóns:0,30 h.

-Boleiras: 24 h.

-Canódromos: 0.30 h.

-Espectáculos ó aire libre: 1 h.

-Verbenas e festas populares: 2.15 h.

-Restaurantes: 1 h.

-Cafés e bares: 1 h.

-Cafeterías: 1.30.

-Tabernas: 24 h.

-Salas de festa e discotecas de xuventude: 22 h.

-Bares especiais e «pubs»: 2.30 h.

-Discotecas, salas de festa e salóns de baile: 4 h.

-Cafés-teatro, cafés-cantante, cafés-concerto: 4 h.

-Discotecas e salas de festas con espectáculos ou pases de atraccións: 4 h.

-Tablaos flamencos: 4 h.

As horas sinaladas serán de desaloxo e peche efectivo.

Segundo.-Os venres, sábados, domingos e vésperas de festivos, os horarios fixos no epígrafe 1), ampliaranse media hora máis.

Ó existir, no municipio de Lugo Campus Universitario, a ampliación horaria, anteriormente indicada, realizarase o xoves, venres, sábados e vésperas de festivo, no devandito municipio.

Terceiro.-Os bares especiais, «pubs», discotecas, salas de festas con ou sen espectáculos ou pases de atraccións, salóns de baile, cafés-teatro, cafés-cantante, cafés-concerto e tablaos flamencos, non poderán ser abertos antes das 10 horas da mañá.

Cuarto.-As infraccións ó disposto na presente resolución serán corrixidas coas sancións previstas na lexislación vixente.

Quinto.-Faise expresa remisión, en todo o restante, ó contido da O.M. do 23 de novembro de 1977 citada.

Sexto.-A presente resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 30 de setembro de 1996.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

7131