Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Mércores, 18 de setembro de 1996 Páx. 8.471

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector das industrias de siderometal e talleres de reparación de vehículos da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial para o sector das industrias de siderometal e talleres de reparación de vehículos (código nº 3200305) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representanción da parte económica pola Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos (Atave) e a Asociación de Instaladores Eléctricos de Ourense e da parte social polas centrais sindicais; UGT, CC.OO., e CIG, todas elas con capacidade e lexitimidade suficiente para asinalo, en xuntanza celebrada o 10 de maio de 1996, e de coformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do mesmo no libro de rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 30 de maio de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para as industrias de siderometal e talleres de reparación de vehículos da provincia de Ourense

Capítulo I

Extensión e ámbito do convenio colectivo

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio afecta a tódalas empresas situadas na provincia de Ourense, rexidas pola ordenanza laboral para as industrias siderometalúrxicas, sen outra excepción que as empresas que concertasen ou concerten no futuro convenio colectivo de

ámbito de empresa cos seus traballadores, sempre e cando as súas condicións sexan superiores ás do presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará a todo o persoal que preste os seus servicios nas empresas encadradas no ámbito de aplicación, agás o que realiza traballos de alta dirección ou alta xestión da empresa.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o 1 de xaneiro de 1996, independentemente da súa publicación no BOP. Será de aplicación ata que se asine outro ou outros que o substitúan.

Establécese unha duración dun ano, é dicir, ata o 31 de decembro de 1996 prorrogable pola tácita de ano en ano a partir de 1996 en períodos anuais sempre que non sexa denunciado por algunha das partes que o subscribe antes do remate da súa vixencia inicial ou de calquera das súas prórrogas. Os requisitos formais e efectos da denuncia quedan establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 4º.-Productividade.

Fin primordial do presente convenio colectivo é mellora-la productividade das empresas logrando ó mesmo tempo unha elevación das retribucións dos traballadores, como consecuencia da implantación do sistema de organización científica do traballo, debe producirse cos mesmos custos totais e obte-la mesma cantidade de producción cun custo total inferior, resultando de ámbalas maneiras uns beneficios para a comunidade no seu conxunto. Para isto, como consecuencia deste convenio xorde a recomendación ás empresas, nas que isto sexa posible, para que sigan unha técnica organizativa que as leve a unha total racionalización. O sistema de traballo que deba empregarse será de libre iniciativa da empresa. Non obstante, calquera que sexa o sistema, deberá axustarse ás regras que se sinalan no presente convenio, sen prexuízo da súa aprobación pola autoridade laboral competente e representantes dos traballadores.

A actividade normal do traballo é a desenvolvida polo operario medio que actúa baixo a dirección competente, pero sen estímulo dun sistema de remuneración por rendemento e sen coacción ningunha, isto é a cantidade de traballo desenvolvida efectivamente por un obreiro capacitado realizando unha actividade mínima normal equivalente a 4,800 km/h e que foi determinada por unha correcta cronometraxe.

A actividade normal vén determinada por cen unidades centesimais ou sesenta puntos de Bedaux ou o seu equivalente noutros sistemas de medición que sexan aceptados internacionalmente.

A actividade óptima é a que poida desenvolver un traballador activo adestrado no traballo e que logre neste con seguridade, o nivel de calidade e

precisión fixados pola tarefa. Esta actividade está valorada en 140 unidades centesimais ou 80 puntos de Bedaux ou o seu equivalente. Será sancionable todo traballador que non alcance a actividade normal durante tres días consecutivos ou cinco alternos no período de trinta días. En cada caso a empresa para efectos de sanción apreciará a gravidade da falta á vista dos feitos producidos. Así mesmo será obxecto de sanción o productor que de maneira reiterada manteña a actividade inferior á normal.

Establécese especificamente que a facultade de organización práctica do traballo corresponde á dirección da empresa logo de audiencia e informe dos representantes dos traballadores, e en consecuencia sinálanse entre outras as seguintes funcións:

a) Esixencia da actividade normal fixada polo convenio.

b) Adxudicación do número de máquinas ó traballador a rendemento normal.

c) Mobilidade e cambio de persoal nas empresas de acordo coas necesidades da organización e da producción na forma sinalada regulamentariamente. Nas empresas onde se establezan sistemas de incentivos á actividade normal corresponderá o plus de carencia de incentivos do presente convenio. Nestas empresas o dito sistema deberá ser aprobado de mutuo acordo entre a dirección e os representantes dos traballadores, non deben aplicarse penalizacións ata tres meses despois de se ter establecido, considerándose o dito período como de proba. En ningún caso poderá penalizarse a falta de productividade e a falta de puntualidade e asistencia á vez.

Artigo 5º.-Repercusión de prezos.

Faise expresa mención que as melloras do presente convenio terán repercusión no prezo dos productos ou servicios a que esta actividade se refire.

Artigo 6º.-Postos de traballo e categorías profesionais.

Serán as que se determinan e clasifican no anexo I.

Artigo 7º.-Traballos de superior categoría.

Tódolos traballadores en caso de necesidade poderán ser destinados a traballos de categoría superior co salario que corresponda á dita categoría. Este cambio non poderá ser de duración superior a dous meses. Se un traballador ocupa un posto de categoría superior durante doce meses alternos, consolidará o salario da dita categoría. No dito suposto o traballador pasará á categoría superior, en todo caso observarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Diminuídos físicos.

Todo traballador que padeza algunha incapacidade física, será destinado a ocupa-los postos de traballo acordes coas súas aptitudes.

Artigo 9º.-Reserva do posto de traballo en caso de invalidez provisional.

Os traballadores que cesasen na empresa por causa de invalidez provisional, teñen dereito a seren declarados aptos para o traballo e a seren reintegrados no posto de traballo que con carácter normal ocupaban na empresa na data na que causaron baixa e no posto adecuado ás súas condicións.

Será preciso que o traballador llo solicite á empresa dentro do mes seguinte á data de declaración de aptitude.

Artigo 10º.-Protección ó embarazo.

Entendémo-lo embarazo como unha función social e non como un tema de única afectación á muller.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar, durante o seu embarazo, un posto de traballo e/ou quenda distintos ó seu, se a prescrición do especialista que atende o seu embarazo así o aconsellase, pola que o comité de saúde laboral, ou representante do traballador, proporalle á empresa o cambio de posto de traballo e/ou quenda. Se a empresa se negase, denunciarase á Inspección de Traballo, quen deberá pronunciarse no prazo de tres días. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación na súa categoría, nin mingua nos seus dereitos económicos. Rematada a causa que motivou o cambio, procederase á súa reincorporación ó seu destino orixinal. Ante a imposibilidade de cambio de traballo, a traballadora embarazada pasará á situación de ILT e tal como se considera anteriormente logo do informe do médico especialista.

Artigo 11º.-Principio de igualdade de oportunidades e de trato.

Ningún traballador ou traballadora poderá ser discriminado ou discriminada en razón do seu sexo. Tódolos traballadores teñen dereito ó respecto á súa dignidade e á protección á súa intimidade. Polo tanto, en consonancia coa lexislación vixente os comités de empresa e/ou representantes dos traballadores vixiarán o cumprimento das seguintes normas:

a) Que non figure nas condicións de contratación ningún requisito que supoña discriminación por sexo.

b) Que non se produzan diferencias nas denominacións dos postos de traballo en función do sexo.

c) Que ningún traballador poderá ser obxecto de decisións e/ou condicións, ou calquera clase de medidas, que comporten un trato discriminatorio en materia de salarios, promoción, conservación do posto de traballo, etc., en razón do seu sexo.

d) Ningún traballador poderá ser discriminado, sancionado ou despedido por cuestións relativas á súa intimidade, sempre que non afecten á actividade laboral.

e) Evitarase na redacción do convenio a linguaxe sexista.

Capítulo III

Formación e ingreso do persoal

Artigo 12º.-Período de proba.

O período de proba será de quince días para os seguintes traballadores: peón, especialista, oficial de 3ª, Oficial de 2ª e oficial de 1ª. Para as demais categorías observarase o establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 13º.-Rexistro de persoal.

Mantense a obriga de levar un rexistro xeral do persoal dentro de cada empresa. Os modelos de cotización á Seguridade Social serán expostos no taboleiro de anuncios.

Artigo 14º.-Prohibición de discriminación.

Prohíbese toda discriminación por razón de sexo, idade ou nacionalidade dos traballadores en materia salarial de promoción e ascenso.

Artigo 15º.-Situación laboral dos traballadores.

As empresas entregaranlle ós traballadores que o soliciten dentro dos dez días seguintes á súa incorporación ó traballo copia da acta debidamente dilixenciada polo organismo competente.

Artigo 16º.-Cláusula xeral sobre formación.

As partes asinantes coinciden en que unha das causas da deficiente situación do mercado de traballo, deriva do afastamento da formación profesional respecto de necesidades auténticas de man de obra, e da carencia dunha formación ocupacional continua para a actualización e adaptación dos traballadores activos ás novas características das tarefas da empresa.

A formación profesional, en tódalas súas modalidades (inicial ou continua) e niveis, debe ser considerada como un instrumento máis de significativa validez, que coadxuve a logra-la necesaria conexión entre as cualificacións dos traballadores e os requirimentos do mercado de traballo (emprego). E nunha perspectiva máis ampla, ser un elemento dinamizador que acompañe ó desenvolvemento industrial a longo prazo, permita a elaboración de productos de maior calidade que favoreza a competitividade das nosas empresas españolas no ámbito internacional e faga posible a promoción social integral do traballador, promovendo a diversificación e profundización dos seus coñecementos e habilidades de xeito permanente.

Para estes efectos, as partes asinantes cren conveniente:

-Realizar, por elas mesmas ou por medio de entidades especializadas, estudios de carácter prospectivo respecto das cualificacións futuras e necesidades de man de obra no sector.

-Desenvolver e promove-la aplicación efectiva do Art. 22 do Estatuto dos traballadores, así como dos convenios internacionais subscritos por España, referentes ó dereito á formación continua, facilitando o tempo necesario para a formación.

-Propoñer e executar accións formativas nas súas diversas modalidades e niveis, xa sexa con programas que poidan impartirse nos centros de formación de empresa, ou os que no futuro puidesen constituírse, como a través dos programas nacionais ou internacionais desenvolvidos por organismos competentes.

-Colaborar, segundo as propias posibilidades, ou mediante entidades especializadas, no diagnóstico e deseño de programas puntuais de formación nas empresas, tendo en conta as especificacións e necesidades concretas, así como as características xenéricas ou individuais dos traballadores afectados.

-Coordinar e segui-lo desenvolvemento de formacións en prácticas, dos alumnos que sexan recibidos polas empresas, no marco dos acordos asinados a nivel sectorial ou por empresas.

-Avaliar de maneira continuada tódalas accións emprendidas, co fin de revisa-las orientacións, promover novas actividades e autoriza-la definición dos obxectivos da formación profesional.

-Nesta perspectiva, as partes asinantes do presente convenio consideran conveniente que as empresas desenvolvan, neste sentido, procesos formativos (diagnósticos, programación, cursos, avaliación), podéndose constituír en empresas de máis de 250 traballadores, comisións de estudio, cuns obxectivos que serían a avaliación e información sobre o proceso formativo da empresa.

Artigo 17º.-Traballadores en formación laboral.

As relacións laborais entre empresa e traballadores con contrato para a formación laboral rexeranse polas seguintes normas:

-Os menores de 16 anos non poderán ser contratados en ningunha empresa.

-Toda relación laboral con traballadores menores de 18 anos revestirá a forma legal de contrato para a formación profesional, agás que o traballador dispoña de titulación profesional.

Artigo 18º.-Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción será de dezaoito meses dentro dun período de trinta e seis.

Capítulo IV

Retribucións do persoal

Artigo 19º.-Salario base.

O salario base por categoría especifícase no anexo I do convenio (1ª columna).

Artigo 20º.-Complemento persoal por antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade continúa fixado en quinquenios do 6% sobre o salario base.

Artigo 21º.-Plus de carencia de incentivos.

Nas empresas que non teñan regulada a retribución do traballador en función do rendemento, establécese o devengo do plus de carencia de incentivos como prima de productividade e asistencia. O plus aboarase mensualmente.

O dereito á percepción deste plus perderase total ou parcialmente polas seguintes causas:

-O 25% do plus correspondente ó salario dun día por falta de puntualidade de ata 5 minutos. A reincidencia neste tipo de falta gravarase co 50%.

-O 75% do plus correspondente ó salario dun día por falta de puntualidade superior a 5 minutos e ata media hora.

-O 100% por máis de media hora, sen chegar ó día completo.

-O correspondente a dous días por cada falta de asistencia.

O abandono do traballo antes da hora sinalada, a non incorporación á hora xusta de comezalo e as interrupcións inxustificadas consideraranse como faltas de puntualidade para estes efectos.

O plus de carencia de incentivos aboarase pola segunda columna da táboa salarial e por día efectivo de traballo. Para efectos de percepción do plus, o sábado entenderase como día efectivamente traballado.

Artigo 22º.-Traballo da muller.

Se a realización de tarefas consideradas tóxico penosas, molestas ou insalubres afectasen á situación de embarazo ou maternidade, terán que ser excluídas para a muller.

Artigo 23º.-Plus de traballos especiais.

As porcentaxes que se deben aboar por tales traballos regulados na ordenanza labora, serán do 25, 30 e 35 por cento.

Artigo 24º.-Plus de xefe de equipo.

De acordo co establecido no artigo 79 da ordenanza laboral de siderometal, o xefe de equipo percibirá un plus consistente nun 20% sobre o salario base da súa categoría.

Artigo 25º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse de acordo co establecido na ordenanza laboral de siderometal. En canto á contía, serán aboadas segundo a nómina mensual normal e faranse efectivas o 15 de xullo e o 15 de decembro.

Artigo 26º.-Servicio militar.

Durante o tempo que se preste servicio militar voluntario ou obrigatorio, o traballador ten dereito á reserva do posto de traballo que se entenderá 30 días despois de licenciado, e á percepción das pagas extras na mesma contía que se estivese traballando.

Artigo 27º.-Plus de nocturnidade.

Aboarase o dito plus cun 25% sobre o salario base conforme o disposto na ordenanza laboral de siderometal.

Artigo 28º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes deste convenio estiman que a reducción de horas extraordinarias é unha vía adecuada para a creación de emprego e coincidiron na recomendación de reducilas.

Poderanse realizar horas extraordinarias motivadas por forza maior e as estructurais, entendendo estas últimas como as necesarias en períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou as de carácter estructural derivados da natureza do traballo de que se trate ou mantemento. Todo isto sempre que non poidan ser substituídos por contratación temporais ou a tempo parcial previstas na lei. A realización das ditas horas notificaráselle mensualmente á autoridade laboral conxuntamente por empresa e comité ou delegados de persoal, se é o caso.

Tamén en relación co obxectivo de estimula-la creación de emprego a través da reducción de horas extraodinarias, as partes coincidiron na importancia do estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores. O incumprimento deste artigo será considerado falta grave para efectos do estatuto.

Artigo 29º.-Incapacidade laboral transitoria.

Durante o período que o traballador efectado polo presente convenio estea de baixa como consecuencia de accidente laboral ocorrido na empresa, durante as horas de traballo ou nos desprazamentos que se efectúen fóra do lugar habitual deste, por necesidades da empresa e polo tempo indispensable de ida e volta, excluíndose o accidente in itinere, este percibirá o cen por cento do seu salario, e a empresa deberá aboar en consecuencia a diferencia, é dicir, o 25% restante.

Igualmente o traballador terá dereito ó cen por cento do seu salario en caso de hospitalización durante o tempo que dure calquera clase de ILT.

Neste suposto de hospitalización inclúese o accidente in itinere.

Así mesmo en caso de accidente fóra da xornada laboral, os traballadores terán dereito ó cen por cento do seu salario mentres dure a hospitalización ata un máximo de 30 días.

Artigo 30º.-Roupa de traballo.

As empresas entregarán desde o primeiro día de traballo a roupa de protección e hixiene necesarias segundo a lexislación vixente. O persoal obreiro percibirá dúas fundas semellantes ó entrar no traballo por primeira vez e unha máis cada seis meses.

Capítulo V

Xornada de traballo e vacacións

Artigo 31º.-Xornada de traballo e horarios.

A xornada de traballo durante a vixencia do presente convenio será de 40 horas semanais.

A dita xornada será en cómputo anual de 1.792 horas.

Para adapta-la xornada laboral efectiva ó dito cómputo anual corresponden cinco días libres. Para estes efectos serán inhábiles no sector os días 24 e 31 de decembro. Os tres días restantes serán fixados de común acordo entre empresa e traballador.

No suposto de que a finais de ano non se tivesen desfrutado estes días, o traballador disporá de descanso nos últimos días do presente ano.

Dentro do concepto de traballo efectivo entenderanse abranguidos os tempos horarios empregados nas xornadas continuadas como descanso ou outras interrupcións cando por normativa legal ou acordo entre partes ou pola propia organización se entendan integradas na xornada diaria de traballo. A este respecto establécese un período mínimo de 15 minutos.

O horario establécese de luns a venres agás en empresas con tres quendas e que teñan necesidade de compensación de horas, neste caso poderá traballarse o sábado ata compensa-la xornada.

Artigo 32º.-Vacacións.

As vacacións consistirán no desfrute de 30 días naturais. O salario que se percibirá durante elas será igual ó dunha nómina normal do mes. Desfrutaranse preferentemente nos meses de xuño, xullo e agosto, confeccionando o calendario nos tres primeiros meses do ano, antes do 31 de marzo. O traballador deberá coñecer en todo caso o dito calendario con dous meses de antelación á data do seu desfrute.

En caso de que o traballador estea de baixa antes do desfrute das vacacións, estas posporanse, fixándose un novo período. En caso contrario se a baixa se produce durante o desfrute delas, estas seguirán correndo ata cumprirse o período correspondente.

Capítulo VI

Gastos de locomoción, manutención e estadía

Artigo 33º.-Desprazamentos e axudas de custo.

Se por necesidade e conveniencia da empresa ten que desprazarse o traballador a prestar traballos a outros centros, o tempo que se invista no desprazamento desde o seu centro de traballo ata aquel no que deba presta-los seus servicios deberá coincidir coa xornada establecida.

Se como consecuencia dun desprazamento ten que se inicia-la viaxe antes de dar comezo a xornada ou se como consecuencia do seu regreso ó seu punto de partida este se producise unha vez excedida a hora oficial de remate da xornada, o traballador percibirá o tempo de exceso de xornada como horas extraordinarias.

O importe da axuda de custos completa será de 3.183 ptas. e o da media de 1.516 ptas. Tamén se poderán establecer no lugar das axudas de custo anteriores, o sistema de gastos para xustificar.

As empresas de nova instalación e as que nun futuro trasladen o seu centro de traballo fóra do núcleo urbano aboaranlle os traballadores o importe do desprazamento que se realice en autobús público, ou ben facilitará o medio de transporte para o traslado dos traballadores ó centro de traballo, tanto de ida como de volta.

Capítulo VII

Prestacións especiais

Artigo 34º.-Xubilación.

Os traballadores que reúnan as condicións precisas para acceder á xubilación anticipada ós 64 anos, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Premios de xubilación:

Xubilación ós 60 anos: seis mensualidades.

Xubilación ós 61 anos: cinco mensualidades.

Xubilación ós 62 anos: catro mensualidades.

Xubilación ós 63 anos: tres mensualidades.

Xubilación ós 64 anos: dúas mensualidades.

Xubilación ós 65 anos: unha mensualidade.

O traballador que se xubile ós 64 anos de idade, ó abeiro do disposto no primeiro parágrafo do presente artigo non terá dereito ó premio de xubilación.

Artigo 35º.-Seguro colectivo.

As empresas deberán concertar con primas íntegras ó seu cargo unha póliza de seguros que cubra as seguintes indemnizacións:

-Accidente laboral ou común con resultado de morte: 3.000.000 de ptas.

-Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez: 3.000.000 de ptas.

-Para o persoal de nova incorporación a póliza de seguro establecida no presente artigo deberá concertarse no prazo dun mes a partir da contratación do traballador.

Capítulo VIII

Permisos, licencias, faltas e sancións

Artigo 36º.-Permisos e licencias.

En caso de casamento do traballador, quince días.

Por parto de esposa, catro días.

Por casamento de fillos, dous días.

Por parto de muller traballadora, segundo a lexislación vixente.

Por morte ou enfermidade grave de cónxuxe, pais, irmáns, pais políticos, avós, netos e fillos, o tempo indispensable, como mínimo dous días.

Por morte de irmáns políticos, avós políticos e tíos, dous días.

Por morte de tíos políticos, un día.

Por exames, o tempo necesario con xustificación.

Por consulta médica, o tempo necesario con xustificación.

En caso de que o feito causante ocorra fóra da provincia, corresponderá un día máis.

O traballador que teña ó seu cargo algún diminuído físico ou psíquico, terá dereito a unha reducción da xornada de polo menos un tercio coa correspondente reducción salarial.

Artigo 37º.-Réxime disciplinario.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores, conductas de acoso sexual verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves tódalas recollidas la Lei de infraccións e sancións na orde social do 7 de abril de 1988. Nos supostos nos que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa afectada e/ou sobre persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical ou representante dos traballadores, e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador afectado procurando silencia-la súa identidade.

Os traballadores afectados por esta situación terán dereito a cambio de posto de traballo sempre que o soliciten.

Artigo 38º.-Competencias do comité de empresa e delegados do persoal.

O comité de empresa terá as seguintes competencias segundo o disposto no artigo 64 do Estatuto dos traballadores.

1. Recibir información que lle será facilitada trimestralmente polo menos sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, sobre a situación da producción e vendas da entidade, sobre o programa de producción e evolución probable do emprego na empresa.

2. Coñece-lo balance, as contas de resultados, a memoria e en caso de que a empresa revista a forma xurídica de sociedade por accións ou participacións, dos demais documentos que se dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións que a estes.

3. Emitir informe con carácter previo á execución por parte da empresa das decisións adoptadas por este sobre as seguintes cuestións:

a) Reestructuración do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais daquela.

b) Reducción da xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións.

c) Plans de formación profesional na empresa.

d) Implantación ou revisión de sistemas de organización e control de traballo.

e) Estudio de tempos, establecementos de primas ou incentivos ou valoración de postos de traballo.

4. Emitir informe cando a fusión, absorción ou modificación do estatus xurídico da empresa supoña calquera incidencia que afecte ó volume de emprego.

5. Coñece-los modelos de contratos de traballo escritos que se utilicen na empresa, así como os documentos relativos ó remate da relación laboral.

6. Ser informado de tódalas actuacións impostas por faltas graves.

7. Coñecer trimestralmente polo menos as estatísticas de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias e dos estudios periódicos ou especiais do medio ambiente laboral e os mecanismos de prevención que se utilicen.

8. Exercer un labor de vixilancia das normas laborais de seguridade social de tódolos pactos, condicións e usos das empresas exercendo as accións legais oportunas, así como as condicións de seguridade e hixiene.

9. Colaborar coa dirección para conseguir cantas medidas leven ó incremento da productividade.

10. Informar ós seus representados de todo o estipulado no presente convenio.

11. Por acordo entre empresa e os representantes legais dos traballadores poderase acumular trimestralmente as horas sindicais que marca a Lei 8/1980, do 10 de marzo.

Artigo 39º.-Candidatos ás eleccións sindicais.

As empresas facilitarán o proceso electoral tal e como se menciona na normativa ó respecto. Así mesmo non poderán represaliar a ningún traballador que se presente a candidato ás eleccións, por motivo da presentación da candidatura.

Capítulo IV

Saúde laboral e condicións de traballo

Artigo 40º.-Plan de prevención.

Todo centro de traballo dotarase dun plan de prevención con vixencia anual ou plurianual así como dos servicios técnicos necesarios en función das características dos riscos laborais presentes no centro, para a súa realización.

As representacións legais dos traballadores e das organizacións asinantes participarán na súa elaboración, seguimento e avaliación.

O dito plan implicará:

-A elaboración de mapas de risco.

-A determinación dos riscos existentes, a súa gravidade e extensión.

-A fixación de obxectivos preventivos.

-A determinación de recursos humanos e económicos para levalo a cabo.

-Os prazos ou fases do seu desenvolvemento.

-A forma de intervención sindical na súa elaboración, control e avaliación.

-Un plan complementario de formación dos traballadores e dos seus representantes.

No caso de centros de traballo moi pequenos, o dito plan poderá establecerse para varios centros pertencentes a empresas ou sectores de actividades similares, neste caso participarán as centrais sindicais asinantes.

Artigo 41º.-Comités de saúde, seguridade e condicións de traballo

En todo centro de traballo de máis de 50 traballadores de cadro, constituirase un comité de saúde, seguridade e condición de traballo que estará formado polos delegados de prevención e polo mesmo número de representantes do empresario, sendo a actuación deste órgano colexiada. Este será un órgano de participación e diálogo continuo para elaborar, controlar e avalia-los plans ou programas de prevención, así como o control dos servicios de prevención internos e externos na empresa.

Artigo 42º.-Avaliacións ambientais.

Todo posto de traballo con risco de exposición a axentes químicos ou físicos, deberá ser avaliada nun prazo non superior a sies meses. Os resultados desta avaliación deben ser comunicados ó traballador afectado e ós delegados de prevención, así como quedar convenientemente arquivados.

Mentres non existan valores europeos e/ou nacionais os valores límites a partir dos cales se deberán aplicar medidas correctoras, serán os utilizados polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo e os gabinetes provinciais de Seguridade e Hixiene.

Artigo 43º.-Comité de seguridade e hixiene no traballo.

As empresas obríganse ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo, en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias de urxencia, duchas, etc., de conformidade coa ordenanza de seguridade e hixiene no traballo vixente.

Para tal efecto designaranse vixilantes de seguridade e hixiene que estarán compostos polos seguintes membros:

-Empresas de 0 a 25 traballadores: 1 membro.

-Empresas de 25 a 50 traballadores: 2 membros.

-Empresas de 50 a 100 traballadores: 4 membros.

-A partir de 100 traballadores: constituirase un comité de seguridade e hixiene.

O comité será elixido por tódolos traballadores do cadro.

As funcións do comité de seguridade e hixiene serán asegura-los dereitos dos traballadores en canto ás cuestións relacionadas coa seguridade e hixiene no traballo fixadas pola lei ou convenio entre partes. Os membros do comité non terán dereito a horas sindicais retribuídas. Os membros do comité de seguridade e hixiene terán dereito á asitencia a cursos que sexan convocados para o efecto polo gabinete provincial na forma e efectos que polo mesmo se determine.

Capítulo X

Disposicións varias

Artigo 44º.-Excedencias.

Poderán solicitar excedencias tódolos traballadores que leven como mínimo un ano ó servicio da empresa. A duración da excedencia poderá ser dun ano a cinco anos. A petición de excedencia farase por escrito cun mes de antelación e resolta pola empresa afirmativamente cando non se cubrise con contrato de interinaxe. Nos demais casos observarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 45º.-Seccións sindicais.

Naquelas empresas de 50 ou máis traballadores, de acordo entre empresa e os seus traballadores, poderá acordarse a constitución de seccións sindicais na modalidade que estas acorden, de acordo coa Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 46º.-Revisión médica.

En tódalas empresas afectadas polo presente convenio, efectuarase unha revisión médica anual para tódolos traballadores. Estas revisións serán por conta da mutualidade correspondente ou da propia Seguridade Social.

Artigo 47º.-Liquidación.

Todo traballador ó cesar na empresa poderá somete-lo recibo de liquidación ou documento que poña fin á relación laboral, antes de asinalo, á supervisión do comité de empresa ou delegado de persoal e no seu defecto á do sindicato ó que estea afiliado.

Artigo 48º.-Comisión mixta paritaria.

A comisión mixta paritaria estará integrada por seis representantes dos traballadores e seis representantes dos empresarios, os que designarán entre si dous secretarios.

Cada parte poderá designar asesores permantentes ou ocasionais.

1. Funcións de intermediación.

A comisión poderá acorda-la designación dun ou máis árbitros externos para a solución dun conflicto determinado.

Tamén poderá delega-las súas funcións en comisións provinciais ou locais dentro do mesmo ámbito do convenio.

A comisión deberá mediar, conciliar ou arbitrar coñecendo e dando solución a cantas cuestións e conflictos colectivos lles sexan sometidos ás partes.

As cuestións e conflictos colectivos serán presentados á comisión paritaria a través das súas organizacións empresariais e sindicais asinantes do convenio. Os conflictos colectivos, o intento de solución das diverxencias laborais a través da comisión paritaria, terán carácter preferente sobre calquera outro procedemento, constituíndo trámite preceptivo, previo e inescusable, para o acceso á vía xurisdiccional nos conflictos que xurdan, directa ou indirectamente con ocasión da interpretación ou aplicación do convenio colectivo.

2. Funcións de vixilancia

As empresas están obrigadas a facilitar aquela información que por solicitude de polo menos vintecinco por cento dos membros da comisión paritaria, se lles requira sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento das disposicións deste convenio nas pequenas empresas.

-Subcontratación.

-Economía somerxida.

Artigo 49º.-Compensación e absorción.

As melloras do presente convenio poderán ser compensadas e absorbidas con calquera outra mellora voluntaria ou por disposición legal, en cómputo anual, agás que expresamente se pacte o contrario. Todo isto segundo o disposto na orde ministerial do 22 de novembro de 1993, no seu artigo 10, apartado 2, que desenvolve o Decreto 2380/1973, sobre ordenación do salario.

Garantía ad personam. As retribucións salariais totais que á sinatura do presente convenio teñan establecidas as empresas afectadas por este, serán respectadas na súa totalidade.

Disposicións transitorias

Primeira.-O aumento do presente convenio para 1996 será dun 4% en tódolos conceptos retributivos a 31 de decembro de 1995 (salario base e plus de carencia de incentivos), quedan exceptuadas as axudas de custo que xa quedaron fixadas anteriormente.

Segunda.-Os atrasos derivados do presente convenio serán aboados na nómina do mes seguinte á súa publicación.

Terceira.-O presente convenio é asinado pola Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (ATAVE) e a Asociación Provincial de Instaladores Eléctricos de Ourense. Por parte sindical as centrais UGT, CC.OO. e CIG, todas

elas con capacidade e lexitimidade suficiente de conformidade co artigo 87 do ET.

Cuarta.-Ascensos.

Co fin de promove-la formación dos traballadores e o ascenso de categorías, a comisión paritaria deste convenio elaborará no prazo máximo de dous meses un plan de ascensos para o sector, baseado en anos de traballo no oficio, e na superación dunhas probas-exames teórico-prácticas, que a comisión paritaria elaborará para cada subsector de siderometalúrxica.

Quinta.-Ámbalas partes asinantes do presente convenio comprométense a elaborar durante a vixencia deste un plan de actuación de cara á formación dos traballadores, consistente fundamentalmente en facer un estudio da realidade do sector en canto ás necesidades deste, mellora da productividade, cursos de formación, áreas que abranguerá, reciclaxe, tecnoloxía punta e todos aqueles aspectos que eleven a cualificación técnica tanto dos traballadores como das empresas.

Sexta.-No non previsto no presente convenio, observarase o disposto na ordenanza laboral de traballo para as industrias de siderometalurxia e talleres de reparación de vehículos, que ámbalas partes acordan manter como lexislación subsidiaria para o non previsto no Estatuto dos traballadores.

Táboa salarial

Salario

base

Plus carencia

incentivos

Persoal obreiro
Peón2.855748
Lavador-engraxador2.855748
Especialista2.859783
Oficial 3ª2.865811
Oficial 2ª2.866863
Oficial 1ª2.868991
Oficial 1ª montador2.8681.060
Traballador menor de 18 anos1.706430

Persoal subalterno
Almaceneiro2.855748
Probador2.870863
Listeiro2.865811
Recepcionista2.855748
Pesador de báscula2.855748
Vixilante2.855748
Ordenanza2.855748
Porteiro2.855748
Conserxe2.855748
Chofer turismo2.866863
Chofer camión2.868994
Dependte. Aux. maior 25 anos2.868811
Dependte. Princ.2.865811
Telefonista2.865811

Persoal técnico
Mestre de taller3.5811.071
Xefe de taller3.5821.255
Contramestre3.5821.071
Encargado3.5821.071
Titulado medio3.5821.255
Titulado superior3.7491.322
Delineante proxectista3.2551.255
Delineante 1ª3.248987

Salario

base

Plus carencia

incentivos

Delineante 2ª2.868991
Calcador reproductor2.865811
Técnico de laboratorio3.2551.071
Analista3.2551.071

Persoal administrativo
Auxiliar administrativo2.865811
Oficial administrativo 1ª2.868991
Oficial administrativo 2ª2.866863
Xefe administración 1ª2.8681.060
Xefe administración 2ª2.868995
Caixeiro2.866863
Xefe de almacén2.868994
Xefe de contabilidade2.8681.060
Viaxante e vendedor2.865811
Xefe de laboratorio3.5821.255
ATS3.5821.255

9606591