Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Mércores, 04 de setembro de 1996 Páx. 8.175

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector do comercio téxtil da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial para o sector do comercio téxtil (código nº 3200145) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios do Comercio Téxtil de Ourense e da parte social polas centrais sindicais: CC.OO., U.G.T. e C.I.G., todas elas con capacidade e lexitimidade suficiente para asinalo, en reunión celebrada o 14 de maio de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por R.d. 1/1995, do 24 de marzo, R.d. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.d. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 30 de maio de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio téxtil

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a tódalas empresas dedicadas ó comercio téxtil con centro de traballo na provincia de Ourense, aínda cando a súa sede social tivese o seu domicilio noutra distinta, servindo a súa aplicación igualmente ás empresas que, durante a vixencia do presente convenio, se instalen na provincia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Afecta este convenio a tódalas empresas dedicadas ó comercio téxtil e a tódolos traballadores incluídos no ámbito de aplicación territorial deste, agás os que exerzan funcións de alto consello ou alta dirección.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As disposicións do presente convenio comprenderán todo o territorio da cidade de Ourense e a súa provincia.

Artigo 4º.-Vixencia, duración e denuncia.

O presente convenio terá unha duración dun ano, desde o 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1996, sendo de aplicación na súa totalidade, ata que se asine outro que o substitúa.

O convenio prorrogarase de ano en ano, mentres que por calquera das partes non se denuncie con antelación de, polo menos, tres meses ó termo no que expire a prórroga en curso.

A forma de denuncia será mediante comunicación escrita da parte que inste a negociación á outra parte na que se fará consta-la representación que ostenta, así como o ámbito de aplicación do convenio e modificacións que se propoña negociar.

Artigo 5º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar deste no centro de traballo para coñecemento do persoal. Así mesmo, as empresas colocarán no taboleiro de anuncios copias dos boletíns de cotización á Seguridade Social, co fin de que os traballadores constaten a súa situación laboral mensualmente.

Artigo 6º.-Soldo do convenio.

Os salarios das distintas categorías profesionais do persoal do presente convenio son as que se detallan na táboa salarial que figura como anexo, que se respectará para todo o persoal con contrato de traballo ou sen el, unha vez cumpridos os 18 anos.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

As empresas deberán aboar tres pagas extraordinarias: unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios, pagadoira entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo. Cada unha estará integrada por unha mensualidade do salario total do convenio e o premio de antigüidade, que será considerado, se é o caso, sobre o salario actualizado na data na que sexa pagado, e mesmo cos beneficios para aqueles que, regulamentariamente ou por pacto, os teñan recoñecidos, de tal maneira que o importe destas ten que ser igual ó das mensualidades ordinarias, constituíndo 15 pagas anuais.

Artigo 8º.-Permiso de antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio serán cuadrienios na contía do 6% do salario base, correspondente á categoría na que estea clasificado o traballador e que figure neste convenio.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá, en ningún caso, supor máis do dez por cento ós cinco anos, vintecinco por cento ós quince anos, do corenta por cento ós vinte anos, e do sesenta por cento como máximo ós vintecinco anos ou máis.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral para 1996 será de 1.804 horas en cómputo anual, ou 40 horas semanais, que normalmente se distribuirán de luns a sábado, rematando a xornada ás 13,30 horas do sábado, para este ano exclusivamente.

Non obstante, os empresarios e traballadores afectados por este convenio poderán modifica-la distribución do horario laboral seguindo o establecido no artigo 41 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, R. Dto. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito este ano, por ser bisesto, a dous días aboables e non recuperables, como consecuencia da aplicación do calendario laboral, días que se fixarán de común acordo entre empresa e traballadores. Na falta de acordo, os traballadores terán dereito a desfruta-los días 14 de outubro e 18 de novembro.

Fíxanse como días para traballar, como consecuencia das festas de Nadal e de acordo coa tradición que se vén facendo, os sábados pola tarde do mes de decembro e o 4 de xaneiro de 1997.

Aqueles traballadores que realicen o seu traballo o sábado pola tarde terán dereito ó descanso equivalente e na mesma proporción ás horas traballadas, ou á súa compensación económica, se así o acordan a empresa e os traballadores.

Como consecuencia da instalación en Ourense dunha gran superficie como é Continente, ámbalas partes manifestan que, no caso de que esta inflúa no comercio téxtil de Ourense, reunirase a comisión paritaria do convenio para analiza-la situación e toma-las medidas que se consideren máis idóneas para palia-la situación.

Artigo 10º.-Dereitos adquiridos.

Respectaranse os dereitos adquiridos, así como as cantidades superiores pactadas a título persoal que teñan establecidas as empresas á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 11º.-Compensación e absorción.

As melloras do presente convenio serán compensadas e absorbidas, ata onde alcance no cómputo

anual, con aquelas outras que puidesen establecerse por disposición legal que estivesen establecidas pola empresa, salvo que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 12º.-Premio de xubilación.

O persoal que se xubile dentro da idade de 64 anos ou antes do cumprimento desta, ademais do que lle corresponde segundo a lexislación vixente, percibirá como premio de xubilación unha mensualidade completa.

As empresas e traballadores afectados polo presente convenio poderán pacta-la xubilación especial ós 64 anos, de conformidade co R. Dto 2705/1981, do 17 de outubro, que o desenvolve, así como as demais disposicións legais que regulan o dito tipo de xubilación no futuro.

Artigo 13º.-Dereitos e garantías sindicais.

A. As empresas deben cumpri-la Lei 8/1980 e, se é o caso, a que a substitúa por derrogación ou modificación desta, e os acordos nacionais asinados entre ámbalas partes sobre esta materia, de forma clara e progresiva. Os delegados de persoal exercerán mancomunadamente ante o empresario a representación para a que foron elixidos, intervindo en cantas cuestións se susciten en relación coas condicións de traballo e do persoal que representan, formulando reclamacións ante a autoridade laboral, entidades xestoras da Seguridade Social, segundo proceda, sobre o cumprimento das relativas á seguridade e hixiene no traballo e Seguridade Social. Os comités de empresa recibirán información que lles será facilitada trimestralmente, polo menos, sobre a situación de producción e vendas da empresa, sobre a súa programación de producción e evolución probable de emprego na empresa, coñece-lo balance de resultados, a memoria e, no caso de revesti-la forma xurídica de sociedade, dos demais documentos que

se lles dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións que a estes. Emitir informe con carácter previo sobre reestructuración de cadros de persoal e cadros bancarios.

B. En tódolos contratos, modificicacións e prórrogas destes, poderase incluír, xunto coa sinatura do empresario e traballador, a dun representante sindical dos traballadores, entendéndose por estes os membros das seccións sindicais comité de empresa e delegados de persoal.

C. A dirección da empresa, no prazo dunha semana, entregaralles copia do contrato ou documento que o modifique ós representantes sindicais dos traballadores.

D. Cláusula sobre liquidacións. Tódolos recibos de liquidacións deberán especificar con claridade, xunto cos demais conceptos debidos ó traballador, os correspondentes atrasos de convenio e os derivados da aplicación das cláusulas de revisión.

E. As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido. Non obstante, cando as circunstancias o esixan, poderán celebrarse contratos por tempo determinado, respectando o principio xeral de estabilidade e garantindo, en todo caso, a estricta causalidade da contratación. Para iso, a empresa notificaralles ós representantes dos traballadores, para determinar se as circunstancias específicas xustifican o uso de calquera das modalidades de contratación temporal.

Artigo 14º.-Calendario laboral.

Tódalas empresas afectadas polo presente convenio están obrigadas a confeccionar un calendario laboral nos tres primeiros meses do ano.

Artigo 15º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais para todo o persoal afectado polo presente convenio. Fixaranse de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, que poderán convir na división do período en dous, para facilita-la realización de quendas rotativas, conforme as necesidades dos traballadores e empresa.

Artigo 16º.-Fomento da contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º.b do Estatuto dos traballadores, en orde a unha menor precarización do emprego e buscando aproveitar ó máximo as posibilidades de emprego que se derivan do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias de mercado ó que se refire o dito artigo poderá celebrarse cunha duración mínima de seis meses e un máximo de tres anos. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó desfrute de beneficios salariais, complementos, etc.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso escrito con, polo menos, 15 días de antelación e cunha indemnización de 12 días por ano traballado, entendéndose que a dita indemnización corresponde por finalización das prórrogas xa que, en caso de producirse a extinción por causa non imputable ó traballador, este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente lle corresponda por despedimento.

No suposto de non producirse a extinción ó remate do tempo máximo de duración dos tres anos, se o traballador seguise prestándolle servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

O presente contrato só poderá celebrarse a xornada completa.

As partes que asinan este convenio comprométense a recomendarlles ós seus afiliados a utilización deste tipo de contrato, sempre que resulte aplicable, en lugar doutras modalidades de contratación temporal actualmente en vigor.

Artigo 17º.-Modifícase o parágrafo quinto do número un do artigo 40 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, o cal terá a seguinte redacción: «o traballador que non optase pola extinción do contrato e se mostre desconforme coa decisión empresarial, poderá impugnala perante a xurisdicción competente. No dito caso, o traslado non se levará a cabo ata a resolución xudicial firme sobre este. A sentencia declarará o traslado xustificado ou inxustificado. No caso de ser inxustificado o dito traslado, o traballador incorporarase ó seu novo centro de traballo no prazo máximo de dez días naturais contados desde a notificación da sentencia».

En todo o demais mantense integramente o texto do artigo 40 do mencionado texto refundido.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

Queda prohibida a realización de horas extrordinarias que non teñan carácter estructural.

Terán carácter estructural as que viñesen esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos que poñan en perigo as instalacións e/ou materias primas almacenadas, as derivadas de avarías que requiran a reparación inmediata, así como as debidas a cambios de temporada, exposicións e reordenación de almacén.

O resto das horas extraordinarias só terán a consideración de estructurais cando exista acordo expreso cos representantes sindicais. Cando se constate que o número de horas extraordinarias supera a cantidade de 40 horas semanais nunha mesma sección ou servicio da empresa, procederá á contratación do número de traballadores necesario para substituí-la realización das ditas horas extraordinarias.

En todo caso, as horas extraordinarias serán compensadas con tempo de descanso, a razón de 1,75 horas por hora extraordinaria realizada. O dito tempo de descanso desfrutarase de común acordo entre a empresa e os traballadores afectados e unicamente serán remuneradas cando o traballador así o solicite.

A realización de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizarase semanalmente, entregándolle copia de resumo mensual ó traballador e outra ós representantes sindicais dos traballadores.

Artigo 19º.-Baixa por ILT.

En caso de baixa por accidente de traballo, percibirase o 100% do salario correspondente ó traballador en baixa a partir do primeiro día de baixa. No que respecta á enfermidade común ou profesional, o persoal en situación de ILT percibirá, por conta da empresa, polo período dun ano como máximo, o salario que lle corresponda polo presente convenio, incrementado cos aumentos por anos de servicio.

Artigo 20º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirá discriminación por razóns de idade, sexo, ideoloxía, raza ou minusvalidez, etc. Así mesmo, as empresas garantirán a percepción de igual salario en igual función.

Artigo 21º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto ou a intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves, en función da repercusión do feito (*). Nos supostos nos que se leven a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical ou representante dos traballadores/as e a dirección de persoal da empresa, velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a ou procurando silencia-la súa identidade cando así fose requirido.

(*) Dada a falta de normativa existente, poderá seguirse a descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións na orde social, do 7 de abril de 1988.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto por este convenio, haberá que aterse ó disposto na ordenanza laboral para o comercio en xeral, en canto ámbalas partes non acorden a súa substitución por convenio, no caso de que aquela fose derrogada, así como polas demais disposicións legais vixentes.

Segunda.-As partes que asinan o presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios de Comercio Téxtil de Ourense e as centrais sindicais Comisiones Obreras, Unión General de Trabajadores e Converxencia Intersindical Galega. Todo iso de conformidade co previsto na Lei 1/1995, que aprobou o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Terceira.-Establécese unha comisión paritaria para a interpretación e vixilancia do presente convenio e con base na representación que ostentan as ditas partes. A dita comisión paritaria estará composta por membros da patronal e sindicatos sinalados na disposición adicional segunda.

Cuarta.-Ámbalas partes fan constar que a táboa salarial que figura como anexo ó presente convenio supón un incremento, con respecto á táboa do convenio anterior, dun 4%.

Sexta.-Cláusula de submisión ó AGA.

Ante a importancia que poida ter para a resolución de conflictos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos (AGA), asinado pola Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes que asinan este convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formuladas.

Disposición derradeira

As dúas partes que asinan o presente convenio acordan mante-las reunións e contactos que fosen necesarios para a elaboración e estudio da situación real do sector do comercio téxtil que poida permiti-la redacción e sinatura dun convenio de carácter xeral do comercio da provincia de Ourense, e se as condicións obxectivas así o aconsellasen.

ANEXO I

Táboa salarial

Xefe de compras e encargado xeral107.781 ptas.

Xefe de sucursal e xefe administrativo96.350 ptas.

Xefe de sección mercantil96.350 ptas.

Encargado de establecemento92.606 ptas.

Viaxante96.350 ptas.

Corredor de praza92.606 ptas.

Dependente91.974 ptas.

Dependente maior101.166 ptas.

Axudante80.475 ptas.

Aprendiz50.627 ptas.

Xefe administrativo107.825 ptas.

Xefe de sección administrativo98.312 ptas.

Contable caixeiro97.040 ptas.

Oficial administrativo91.974 ptas.

Auxiliar administrativo82.774 ptas.

Auxiliar de caixa91.974 ptas.

Escaparatista101.159 ptas.

Axudante de montaxe82.774 ptas.

Persoal de oficio82.774 ptas.

Mozo especializado82.774 ptas.

Mozo82.774 ptas.

Telefonista82.774 ptas.

Empaquetadora82.774 ptas.

Costureira82.774 ptas.

Operador técnico91.974 ptas.

Persoal de limpeza577 ptas.

9606373