Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 27 de agosto de 1996 Páx. 7.985

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 1996 pola que se convocan varios cursos de formación continua para o persoal da Xunta de Galicia.

Dentro do programa de actividades de formación continua da Escola Galega de Administración Pública para 1996, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, anúncianse os cursos que figuran no anexo I, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste cursos deberá presentar, cuberta en tódolos epígrafes que lles corresponda, a instancia e currículo segundo o modelo anexo II.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso e á imposibilidade de participar en ningún outro curso neste ano.

3. O prazo de presentación de instancias será o que se sinala para cada curso no anexo I.

Segunda.-Acceso ás actividades.

1. Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos para cada curso.

2. A lista dos seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios da Escola Galega de Administración Pública.

Terceira.-Certificacións de participación.

1. É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións dos cursos. Toda inasistencia a clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, sen supera-lo 15% das horas lectivas programadas para o curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do certificado.

2. Para coñecemento e constancia no seu expediente, o interesado deberá facilitarlles unha copia ós servicios de persoal do seu centro directivo.

Cuarta.-Modificacións.

A Escola Galega de Administración Pública poderá modifica-lo desenvolvemento e mailos contidos dos cursos anunciados para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Quinta.-Financiamento.

En razón dos fondos con que se financiarán estes cursos, a súa realización efectiva destes está condicionada á transferencia daqueles por parte do Instituto Nacional de Administración Pública.

Sexta.-Probas e certificados.

Valorarase a participación dos alumnos ó longo do curso. A Escola Galega de Administración Pública poderá fixa-las probas que considere pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos e, se é o caso e de conformidade co director do curso, requirir un traballo práctico, que habería de ser presentado ó final do curso.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 1996.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Curso: Perfeccionamento do persoal usuario do sistema de xestión de procedementos administrativos (SXPA) (19 cursos).

1. Obxectivos.

Mellorar e actualiza-lo coñecemento técnico-funcional do SXPA por parte dos seus usuarios finais.

2. Destinatarios.

Usuarios finais do Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos (SXPA) da Xunta de Galicia.

Absteranse de solicitalo os participantes en edicións anteriores.

3. Criterios de selección.

Que sexan usuarios finais do SXPA, ou persoal destinado nas Oficinas de Información e Atención ó Cidadán, circunstancias que serán verificadas pola Consellería da Presidencia e Administración Pública de acordo coa lista de usuarios activos no sistema pechada o 13 de setembro de 1996.

No caso de que nunha localidade de celebración dos cursos o número de solicitantes supere ó número de prazas ofertadas, observaranse os seguintes criterios selectivos, que se aplicarán coa seguinte orde de prioridade:

1º.-Usuarios finais do SXPA; dentro destes, terán prioridade os usuarios que non participasen na edición destes cursos de 1995.

2º.-Persoal destinado nas oficinas de información e atención ó cidadán.

No suposto de que nalgún dos apartados anteriores se presenten casos de igualdade, terán preferencia os máis antigos na Administración, circunstancia que deberá ser certificada polo responsable do servicio de persoal do que depende o solicitante.

A Escola Galega de Administración Pública publicará a lista dos participantes no taboleiro de anuncios da escola así como no da delegación provincial correspondente da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 10 horas.

4.2. Localidade e datas de celebración:

-Santiago de Compostela: do 14 ó 18 de outubro; do 21 ó 25 de outubro; do 4 ó 8 de novembro.

-A Coruña: do 7 ó 11 de outubro; 14, 15, 16, 21 e 22 de outubro; do 18 ó 22 de novembro; do 25 ó 29 de novembro; do 9 ó 13 de decembro.

-Lugo: do 14 ó 18 de outubro; do 21 ó 25 de outubro; do 9 ó 13 de decembro.

-Ourense: do 7 ó 11 de outubro; do 14 ó 18 de outubro; do 21 ó 25 de outubro.

-Pontevedra: do 14 ó 18 de outubro; do 21 ó 25 de outubro; 18, 19, 20, 25 e 26 de novembro; do 9 ço 13 de decembro; do 16 ó 20 de decembro.

4.3. Horario: de 16.30 h a 18.30 h.

4.4. Lugares de celebración: aulas informáticas da Escola Galega de Administración Pública e das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

4.5. Prazas en cada curso: 20.

5. Contido básico.

Introducción e definición do SXPA. Módulo de rexistro. Módulo de tramitación. Módulo de información e seguimento. Módulo de seguridade.

6. Presentación de solicitudes.

As solicitudes de admisión ó curso axustaranse ó modelo anexo II a esta resolución e dirixiranse á Inspección Xeral de Servicios, ou ás respectivas delegacións da Consellería da Presidencia e Administración Pública segundo a localidade de celebración do curso que se solicita, podéndose presentar en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 13 de setembro de 1996.

9606003