O Decreto 237/1996, do 14 de xuño, polo que se fixa a estructura orgánica da Consellería de Cultura e Comunicación Social, e o Decreto 257/1996, do 20 de xuño, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura e Comunicación Social, obrigan a modificar parcialmente o Decreto 169/1994, do 2 de xuño, polo que se crea o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, co fin de adaptalo ós cambios introducidos polos anteriores decretos.
Na súa virtude, por proposta do Conselleiro de Cultura e Comunicación Social, e logo de deliberación do Consello de Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Modifícase o artigo 2º do Decreto 169/1994, de 2 de xuño, que queda redactado da seguinte forma:
«Artigo 2º.-Sede.
O comité terá a súa sede na Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago. Consellería de Cultura e Comunicación Social».
Artigo 2º
Modifícase o artigo 3º do Decreto 169/1994, do 2 de xuño, que queda redactado da seguinte forma:
«Artigo 3º.-Composición.
1. O comité estará formado por nove vocais, designados polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social, entre persoas de prestixio internacional e recoñecida competencia no campo da investigación, promoción e difusión do Camiño de Santiago. O presidente será elixido polos vocais do comité de entre os seus membros.
2. Un secretario que será o xerente de Promoción do Camiño de Santiago.
3. O cargo de membro do comité non será remunerado».
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.
Disposicións finais
Primeira.-Autorízase a Consellería de Cultura e Comunicación Social para dicta-las disposicións e
adopta-las decisións que sexan oportunas para o desenvolvemento do presente decreto.
Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús Pérez Varela
Conselleiro de Cultura e Comunicación Social
5925