Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Martes, 06 de agosto de 1996 Páx. 7.511

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de xullo de 1996 pola que se convocan prazas de colaboradores-bolseiros para residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía atribúelle á Comunidade Autónoma galega no seu artigo 27.23º a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas económicas a persoas físicas, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade esixidos polos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Por outra banda, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as que figuran as residencias xuvenís, que, ademais do aloxamento e manutención, ofrecen ós mozos estudiantes residentes unha serie de servicios e actividades convivenciais e educativas complementarias.

Coa realización da presente convocatoria preténdese favorece-lo acceso ó ensino universitario dos estudiantes con escasos recursos, e ó mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asis

tencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-la presente oferta de prazas de colaboradores-bolseiros nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude para o curso académico 1996/1997.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

Residencia PrazasH/M

Eijo Garay (Lugo) 5H

Irmáns Pedrosa (Lugo)4 M

F.L. Cuevillas (Ourense)5 H/M

Altamar (Vigo) 5H/M

Artigo 2º.-Requisitos dos soliciantes.

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Ser español e residente en Galicia.

b) Ter unha idade mínima de 18 anos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo, nunha facultade ou escola universitaria.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador-bolseiro por causa imputable ó solicitante.

e) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

Artigo 3º.-Solicitude.

3.1.-A solicitude efectuarase utilizando o impreso que figura no anexo I. O interesado poderá efectuar unha única solicitude, na que poderá optar por un centro.

3.2.-Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

-Fotocopia compulsada das páxinas do Libro de Familia onde figuren os membros da unidade familiar.

-Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.

-Fotocopia compulsada da folla de liquidación do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar, correspondente ó ano 1995. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada achegarase fotocopia compulsada de ámbalas dúas follas de liquidación.

No suposto de que a unidade familiar non estivera suxeita á obriga de declarar, presentarase declaración xurada sobre ese extremo, indicando a renda anual da unidade familiar no ano 1995.

-Certificado médico no que se faga constar que o solicitante non padece enfermidade infecto contaxiosa, nin defecto físico ou psíquico, que impida o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.

-Acreditación de todos aqueles méritos alegados conforme os criterios de selección establecidos no artigo 4.1º para a súa consideración e valoración pola comisión cualificadora.

3.3.-A solicitude xunto coa restante documentación deberán presentala na delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude correspondente á provincia onde radica a residencia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4.-O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días contados a partir daquel en que entre en vigor a presente orde.

Artigo 4º.-Adxudicación de prazas.

4.1.-Concluído o prazo outorgado para a presentación de solicitudes, constituirase unha comisión cualificadora en cada unha das provincias onde radican as residencias xuvenís, presidida polo respectivo xefe do Servicio de Xuventude e actuando como vocais un funcionario designado polo delegado provincial e o/s director/es das resiencias xuvenís situadas nesa provincia. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes criterios preferentes:

-Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación de ingresos/nº de membros da unidade familiar.

-Ter sido colaborador-bolseiro nalgunha residencia xuvenil das relacionadas no artigo 1º. A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable do director da residencia xuvenil en relación ó comportamento ou actividade desenvolvida polo interesado como colaborador-bolseiro na residencia respectiva.

-Expediente académico.

-Coñecementos específicos e experiencia en animación socio-cultural e actividades deportivas.

-Motivo da solicitude.

-Entrevista persoal: a comisión cualificadora poderá cita-los solicitantes para a realización dunha entrevista persoal.

4.2.-A comisión competente confeccionará unha lista por orde de preferencia das solicitudes recibidas para cada residencia, elevando a correspondente proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude no prazo máximo de vinte días, contados a partir do remate do prazo de presentación de instancias.

4.3.-Dictada resolución polo delegado provincial, o servicio de xuventude respectivo procederá a comunicar ós solicitantes as adxudicacións e denegacións.

4.4.-No caso de non dictar resolución expresa nun prazo de 3 meses desde a data de remate do prazo de presentación de instancias, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

4.5.-Os seleccionados están obrigados:

-A presentar fotocopia compulsada do resgardo de matrícula correspondente ós estudios que van cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel, antes do 31 de outubro de 1996. No caso de que o interesado non poida presenta-la fotocopia compulsada do resgardo de matrícula no referido prazo por causa imputable ó centro no que vaia cursa-los seus estudios, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, debendo non obstante presenta-la fotocopia compulsada do resgardo de matrícula no momento en que a faga.

-A incorporarse ás residencias xuvenís durante os cinco primeiros días do mes de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada, procedéndose a cubri-la vacante conforme a lista confeccionado pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 5º

A concesión da praza como colaborador-bolseiro comporta a exención do pagamento dos servicios residencias durante o período de funcionamento destes, incluído curso académico e o período vacacional, o que abarca desde o 1 de outubro de 1996 ó 30 de setembro de 1997, así como o recoñecemento

da súa condición de colaborador-bolseiro ante o resto dos residentes.

Artigo 6º

A condición de colaborador-bolseiro obriga a este a colaborar en tódalas tarefas e cometidos de orde interna e actividades que lles poida encomenda-la dirección da residencia, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e convivencias. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.

Artigo 7º

A condición de colaborador-bolseiro extínguese ó remata-lo período fixado no artigo 5º desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

O incumprimento por parte do colaborador-bolseiro das súas obrigas, das normas de réxime interno da residencia ou a ausencia inxustificada, serán causas da perda da condición de colaborador-bolseiro para tódolos efectos, por resolución do delegado provincial, logo do informe do director da residencia.

Artigo 8º

A condición de colaborador-bolseiro non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Administración e o beneficiario.

Disposición adicional

As axudas reguladas nesta orde poderán ser compatibles coa percepción doutras axudas ou bolsas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 1996.

Manuela López Besteiro

Consellería de Familia, Muller e Xuventude

9605417