Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 31 de xullo de 1996 Páx. 7.321

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 1996 pola que se convocan tres cursos sobre a reforma do Código Penal, dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, e membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996 de forma descentralizada, e conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de tres cursos sobre a reforma do Código Penal, que deberán desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos.

Os cursos teñen por obxectivo actualiza-los policías no coñecemento do novo Código Penal.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos da policía local de Galicia, e membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan para cada curso será de 50.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará ás 14 horas, nas seguintes datas:

-Vigo: 22 de outubro.

-Ourense: 29 de outubro.

-Pontevedra: 5 de novembro.

3. As instancias deberán vir firmadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas, será esto requisito indispensable para ser admitido no curso, o incumprimento deste requisito conlevará á no admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Rúa de Madrid, 2-4 Polígono de Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

Os cursos celebraranse en sesións de tarde, de luns a venres, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas:

Parte xeral:

Principios básicos inspiradores da reforma.

Delictos e penas. As medidas de seguridade.

Período transitorio.

Parte especial:

1. A protección da vida e a integridade física.

2. Os delictos contra a liberdade (referencia especial ós delictos relacionados coa liberdade sexual).

3. Os delictos contra o dereito ó honor, a intimidade, a propia imaxe ou a dignidade humana relacionados coa difusión de ideas, opinións ou información.

4. Os delictos relacionados coa actividade dos funcionarios públicos.

5. Os delictos contra o medio ambiente e a seguridade colectiva.

6. Os delictos contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

7. Os delictos relacionados coa seguridade do tráfico (conducción temeraria, negativa do conductor a realiza-la proba de alcoholemia e conducción baixo os efectos de drogas e alcohol).

Datas.

Os cursos celebraranse nas seguintes datas:

-Vigo: do 4 ó 8 de novembro de 1996.

-Ourense: do 11 ó 15 de novembro de 1996.

-Pontevedra: do 18 ó 22 de novembro de 1996.

O horario será de 16 a 20 horas do serán.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase nas seguintes datas:

-Vigo: o día 25 de outubro.

-Ourense: o día 31 de outubro.

-Pontevedra: o día 7 de novembro.

Esta relación publicarase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

Os cursos terán lugar nas cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra, quedando por determina-los seus lugares de celebración, que se comunicarán previamente xunto coas respectivas listas de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate de cada curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada ó mesmo, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, conlevará a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificá-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

9605501