Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Luns, 29 de xullo de 1996 Páx. 7.234

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de xullo de 1996 pola que se modifica parcialmente a do 22 de decembro de 1995, pola que se dispón a concesión de axudas a persoas físicas e xurídicas por razón de interese social ou humanitario.

A disposición primeira da Orde do 22 de decembro de 1995 (DOG nº 1 do martes 2 de xaneiro de 1996), establece que a Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá conceder axudas económicas por razón de interese social ou humanitario,

por un importe de 15.300.000 ptas., con cargo á aplicación orzamentaria 04.09.121A.480.0.

Desde o 3 de xaneiro, data da súa entrada en vigor, ata o momento presente, a cantidade de solicitudes recibidas é significativamente superior ás de anos anteriores, incremento que afecta especialmente á modalidade de interese humanitario nas que o fundamento destas axudas é o de paliar feitos imprevisibles de urxente atención, nos que os seus destinatarios requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos. Todo iso aconsella unha ampliación da cantidade que para o ano 1996 ten establecida a Consellería da Presidencia e Administración Pública, polo que, en uso das atribucións que teño conferidas, e tendo en conta a existencia de crédito axeitado e suficiente,

DISPOÑO:

Primeiro.-A cantidade establecida na disposición primeira da Orde do 22 de decembro de 1995 amplíase nunha contía de 1.950.000 ptas., co que a Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá conceder axudas económicas por razón de interese social e humanitario por un importe de 17.250.000 ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.09.121A.480.0, existindo crédito suficiente na partida indicada nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 1996.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9605681