Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Luns, 22 de xullo de 1996 Páx. 7.078

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 1996 pola que se aproba o proxecto de execución e se autoriza a Enagás, S.A. a instalación da rede de distribución de gas natural para usos industriais na rede Pontecesures-Catoira, nos termos municipais de Valga, Pontecesures e Catoira.

Vistos o escrito e documentación presentados ante a Delegación Provincial de Industria e Comercio en Pontevedra por Enagás, S.A., con domicilio para efectos de notificacións en Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, o 9 de febreiro de 1995, pola que se solicita autorización de instalacións para a construcción do proxecto de redes de distribución de gas natural para usos industriais na provincia de Pontevedra, e dentro del a correspondente á rede Pontecesures-Catoira, de conformidade co disposto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles e para ós efectos previstos na Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos.

Resultando que, por orde da Consellería de Industria e Comercio do 12 de marzo de 1993, outorgóuselle a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais en diversos termos municipais da provincia de Pontevedra, entre eles, Valga, Pontecesures e Catoira.

Resultando que, por resolución de esta Dirección Xeral de Industria, do 10 de marzo de 1995, se someten a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 e 19 de xuño de 1995, no BOP de Pontevedra do 5 de maio de 1995, no diario La Voz de Galicia do 21 de abril de 1995, e, en resumo, no Boletín Oficial del Estado do 7 de xuño de 1995 e exposto, igualmente, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Valga, Pontecesures e Catoira.

Resultando que, o 15 de marzo de 1995 a Dirección Xeral de Industria remitiulles ós distintos organismos afectados pola construcción do referido proxecto as separatas técnicas correspondentes, co fin de que emitisen o preceptivo informe, significándolles que, de non recibir resposta no plazo de trinta días contados desde a recepción, se entenderá emitido en sentido favorable.

Resultando que se presentaron catro alegacións ó proxecto da rede Pontecesures-Catoira, referidas todas elas a modificacións puntuais do trazado.

Resultando que, o 13 de setembro de 1995, Enagás, S.A. informa as alegacións sinalando que no momento de proceder ó replanteo do encanamento

sobre os terrenos se verificará a viabilidade das modificacións puntuais solicitadas sobre os predios afectados, que procederán sempre que non existan impedimentos técnicos, no se incremente innecesariamente o trazado y non se afecte a terceiros non implicados no expediente, informando, igualmente, que procederá a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados o, se é o caso, pendentes de realizar.

Resultando que as características das instalacións que se van realizar son, en síntese, as seguintes:

-Lonxitude da rede: 9.174 m.l.

-A conducción será de aceiro ó carbono, cumprindo a especificación API-5L-GrB, de 4'' de diámetro, dotada de revestimentos externos e dispositivos de protección catódica.

-Na orixe da rede considérase unha presión de 17 bar absolutos, calculándose una presión mínima de chegada a cada punto de consumo superior a 7 bar absolutos.

-O caudal que se vai transportar para os consumos previstos ascende a 4.100 m (n)/h.

-Orzamento das obras 129.414.472 ptas.

Visto o informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Pontevedra, a Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, o Real decreto 2135/1980, do 26 de setembro, sobre liberalización industrial, a orde da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 1993, a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedimento administrativo común.

Considerando que o proxecto cumpre as medidas de seguridade establecidas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas o regulamentos que as desenvolven, o Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos aprobados pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 y 9 de marzo de 1994.

Considerando que o trazado proposto é o máis idóneo, toda vez que dadas as características, dimensións e particularidades constructivas da conducción, o seu trazado non pode adaptarse ás pistas e camiños propostas por Ramón Fontenla Isorna e distintos veciños domiciliados no lugar de Devesa (Valga), xa que no teñen unhas dimensións mínimas para instala-lo encanamento e a súa configuración xeométrica adáptase ó terreo desenvolvéndose por

medias ladeiras, en trincheiras ou en terrapléns que non garanten a estabilidade daquela.

Considerando que a autorización administrativa e aprobación do presente proxecto é competencia da Xunta de Galicia, conforme dispón o Real decreto 2563/1982, do 14 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, e en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano competente por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento, esta Dirección Xeral de Industria,

RESOLVE:

Outorgar a Enagás, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións que se contemplan no proxecto de redes de distribución de gas natural para usos industriais na provincia de Pontevedra: rede Pontecesures-Catoira, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto asinado polo enxeñeiro industrial Luis Silvestre Guardia, visado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 18 de marzo de 1993.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten ós datos básicos do proxecto será necesaria a autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio en Pontevedra poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasesos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como as instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. Canalizacións de transporte e distribución de gas en alta presión A e ITC-MIG 6.1. Conexións de gas en alta presión, aprobadas pola Orden do 26 de outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: clasificación de localizacións con risco de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A localización de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na

norma UNE 60-302. As zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de vintecatro meses contados da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, se é o caso, logo da oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra deberá realizar durante as obras e, unha vez terminadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación có cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización de probas e controis regulamentarios, todo iso con antelación suficiente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios e probas previstas se realizaron por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras remitirase á dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, se é o caso, ás modificacións autorizadas, xuntando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado pola dita delegación emitirá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización, establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un.-Expropiación en pleno dominio dos terreos sobre os que se van construí-las instalacións fixas en superficie.

Dous.-Para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 2 m de largo, por onde discorrerá enterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas. Esta franxa estará suxeita, por razóns de seguridade, ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a 50 cm, así como de plantar árbores ou arbustos, a unha distancia inferior a 2 m a contar desde o eixe do encanamento.

2. Posibilidade de instala-los cravados de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como as obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar acto ningún que puidese danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a 5 m do eixe do trazado, a ámbolos lados del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración.

C) Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

D) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres.-Para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 1 m de largo, por onde discorrerán enterrados os cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica, que estará suxeita á prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta centímetros. A dita franxa ampliarase a 1,5 metros a cada lado do eixe das instalacións en canto á prohibición de plantar árbores ou arbustos e para realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación, así como o dereito a pinchar ou arranca-las árbores ou arbustos que houbese a unha distancia inferior á indicada.

B) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións ou operacións precisas para os ditos fins.

Cuatro.-Para as liñas eléctricas:

A) Servidume de paso de liña eléctrica aérea que comprenderá: o voo sobre o predio servente; o establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a sustentación dos cables conductores de enerxía; o dereito de paso ou acceso para atende-la instalación; vixilancia, conservación e reparación da liña, así como as limitacións en canto a distancias mínimas a edificacións, bosques, árbores e masas de arboredo que establece o artigo 35 do Regulamento de liñas aéreas de alta tensión.

B) Ocupación temporal da superficie que se determina para cada predio nos planos parcelarios para realiza-las obras necesarias.

Undécima.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se encontran as canalizacións, e deberá manter una central de avisos atendida permanentemente e dispoñer dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo deberá facilitarlles ós servicios de bombeiros, concellos afectados e organismos con competencias en materia de protección civil, copias dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Duodécima.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día da súa notificación.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 1996.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

4621