Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 16 de xullo de 1996 Páx. 6.892

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de xuño de 1996 pola que se clasifica como de interese laboral a Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo, con domicilio en Vigo, rúa Gregorio Espino, 47-entresollado, 36205.

Supostos de feito.

1. Manuel Ubeira Prado, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 27 de decembro de 1995, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada no Porriño, o día 15 de decembro de 1995, perante a notaria Mónica Alba Castro, co número mil catrocentos trinta e oito do seu protocolo, por Manuel Ubeira Prado, Secundino Rodríguez Sierra, José-Luis Casal Piñeiro, Carlos Expósito Chantada, José-Ramón López Lage, José-Luis Otero Rubianes, José-Rafael Rodríguez Lorenzo, Miguel Vila Rubianes e Marcial Macia Vázquez, actuando no nome e representación da Corriente Sindical Gallega de Energía (CSGE), sendo rectificada por outra do 15 de maio de 1996 perante a mesma notaria e co número catrocentos corenta e catro de protocolo.

3. Segundo consta no artigo terceiro dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto e finalidade entre outros o desenvolvemento, afondamento e divulgación do sindicalismo e moi en especial do movemento sindical galego, promovendo para o efecto a realización de conferencias, cursos, coloquios, publicacións e calquera outra acción que contribúa directa ou indirectamente ó fortalecemento da cultura sindical en Galicia e á elevación do nivel das persoas integrantes do movemento sindical.

4. O padroado da fundación regúlase no artigo doce dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese laboral e a súa adscrición á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do

6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de xuño de 1996.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese laboral a Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo, e adscribila á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3056