Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 12 de xullo de 1996 Páx. 6.838

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector do comercio de exportación de peixe fresco do porto da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector do comercio de exportación de peixe fresco do porto da Coruña, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-5-1996, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Maioristas Exportadores de Peixes e Mariscos da Coruña e, da parte social, pola CIG, CC.OO e UXT o 4-5-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a súa notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 27 de maio de 1996.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo de exportacion de peixe fresco do porto da Coruña

Artigo 1º.Ámbito de aplicación.

Nos seus aspectos territorial, funcional e persoal o presente convenio afecta ás empresas que realicen actividades que estean comprendidas no comercio de exportación de peixe fresco e situadas no porto da Coruña. Afectará a todo o persoal que preste os seus servicios nas citadas empresas e nos seus distintos postos de traballo, así como ó de novo ingreso durante a vixencia deste convenio.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O texto articulado deste convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996, independentemente de cando se publique no Diario Oficial de Galicia,

e estará vixente, a tódolos efectos, ata o 31 de decembro de 1996.

Artigo 3º.-Denuncia.

O presente convenio extinguirase o 31 de decembro de 1996, sen necesidade de denuncia previa.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións contidas neste convenio establécense co carácter de mínimas. Os pactos actualmente existentes en calquera empresa ou costumes máis beneficiosos sobre condicións de traballo serán respectados.

Artigo 5º.-Comisión paritaria do convenio.

Constitúese unha comisión paritaria, que cumprirá as seguintes funcións:

-Interpretación das cláusulas deste convenio.

-Aplicación do pactado e vixilancia do seu cumprimento.

-Mediación, arbitraxe e conciliación no caso de conflicto colectivo, cando se solicite a instancias dun dos seus órganos.

-A comisión paritaria estará integrada por dous órganos, un en representación do sector social e outro en representación do sector empresa, cada un estará integrado por tres representantes pertencentes á comisión negociadora. Ambalas dúas partes poderán ser asistidas por un asesor con voz pero sen voto. Os acordos da comisión paritaria requirirán, validamente constituída, a asistencia á reunión de dous membros de cada unha das representacións.

Artigo 6º.-Horario de traballo e xornada.

A xornada de traballo fíxase en 40 horas semanais efectivas, aboándose como extraordinarias o exceso de horas traballadas cos recargos que se establezan neste convenio.

A devandita xornada rerpartirase de luns a venres, a razón de 7 horas e 12 minutos diarias en xornada continua intensiva, a xornada do sábado será de 8 da mañá a 12 da mañá.

O persoal desfrutará dun descanso de trinta minutos a contabilizar dentro da xornada laboral e no momento de menos afluencia de traballo.

O total anual de horas efectivas de traballo é de 1.826 horas, agás que por lei de rango superior se modificara o devandito cómputo.

Por acordo de cada empresa e os seus traballadores ou os seus representantes legais poderase modifica-la xornada convida, así como no caso de que se establecese algunha modificación no horario de poxas: en tódolos casos, as modificacións acordadas consignaranse nun cadro-horario confeccionado conforme o previsto na legalidade vixente.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias prestadas polo persoal masculino e feminino serán satisfeitas cun recargo

do 80% sobre o salario tipo hora ordinaria que resulte da aplicación das retribucións fixadas no convenio.

Artigo 8º.-Premio por matrimonio.

Todo traballador que contraia matrimonio estando de alta na empresa, fose cal fose o tempo traballado nela, percibirá un premio a cargo desta, consistente en vinte mil pesetas.

Artigo 9º.-Vacacións.

O descanso anual retribuído de persoal comprendido no presente convenio será de trinta días naturais a partir do primeiro ano de traballo, establecéndose a data para o seu desfrute, de común acordo entre as partes (empresarios e traballadores), confeccionándose a tal fin unha lista de vacacións que deberá estar exposta nas empresas antes do 31 de marzo, fixándose no primeiro trimestre do ano, por orde de antigüidade e orden rotativa nos sucesivos anos, no caso de non haber acordo, quince días sinalaranse polo empresario e outros quince polo traballador.

En empresas de menos de dez traballadores, a falta de acordo non poderá haber ó mesmo tempo máis de dous traballadores de vacacións.

En empresas de 10 a 20 traballadores pode haber dous traballadores simultaneamente e así sucesivamente.

O persoal que ingrese ou cese na empresa no transcurso do ano terá dereito á parte proporcional do tempo traballado; en todo caso respectarase o establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 10º.-Día da patroa.

Establécese como día festivo non recuperable o día 16 de xullo, día da patroa, a Virxe do Carme.

Artigo 11º.-Retribucións.

Serán de aplicación as establecidas na táboa anexa. Faise constar que o plus de transporte sinalado na táboa anexa se percibirá aínda nos supostos de enfermidade ou accidente de traballo.

Artigo 12º.-Xornada nocturna.

Tódalas horas de traballo que se realicen en períodos nocturnos pola afluencia de pesca , aboaranse co recargo do 100% sobre o salario tipo fixado no presente convenio, tanto ó persoal masculino como ó feminino, coas limitacións que para este convenio prevén a propia lei. Enténdese por xornada nocturna a partir das 21 horas.

Artigo 13º.-Antigüidade.

O dereito por antigüidade consistirá en trienios e serán fixados na cuantía do 4% do salario deste convenio, sen limitacións no número deles, satisfacéndose durante o tempo de vinculación á empresa.

O cómputo da antigüidade ó persoal dará comezo desde a data de ingreso na empresa, sexa cal sexa a categoría profesional que ostente.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Cada unha das gratificacións do 25 de xullo e Nadal, consistirá nunha mensualidade dos salarios que se establecen neste convenio, a razón de salario base, plus de transporte e antigüidade, estas gratificacións terán que ser aboadas o día 25 de xullo e a de decembro non máis tarde do día 22 do devandito mes.

Artigo 15º.-Gratificación extraordinaria de beneficios.

No mes de marzo aboarase unha paga denominada de beneficios, cunha cuantía de trinta días de salarios percibidos no ano natural anterior, a razón de salario base, plus de transporte e antigüidade, computándose como tal o correspondiente a enfermidade xustificada, permisos retribuídos e baixas por accidente de traballo. No caso de non ter permanecido na empresa durante todo o ano natural anterior, o seu importe reducirase, sendo proporcional ó tempo traballado nela.

Artigo 16º.-Licencias con soldo.

Todo traballador ten dereito ás seguintes licencias retribuídas:

a) Por matrimonio: 16 días hábiles.

b) Por falecemento ou enfermidade grave do cónxugue, ascendentes ou descendentes: 7 días hábiles.

Enténdese como tales os consanguíneos ou, por afinidade, políticos, en caso de irmáns: 5 días hábiles.

c) Establécese unha licencia retribuída de 2 días en caso de enfermidade ou morte dos avós, fillos políticos, irmáns políticos ou tíos.

d) Por parto da esposa: 7 días naturais.

e) Establécese un día de licencia retribuída no caso de acompañamento a probas ou recoñecementos médicos de fillos/as menores de trece anos, sempre que o traballador sexa titor ou responsable deles.

Artigo 17º.-Incorporación ó servicio militar.

Durante o tempo que o traballador permaneza incorporado ó servicio militar reservaráselle a praza que viña ocupando ata dous meses despois do seu licenciamento, computándose o tempo da devandita situación para efectos de antigüidade, co aboamento durante a súa permanencia en filas das pagas extraordinarias que se estipulen neste convenio.

Artigo 18º.-Persoal afectado.

Todo o persoal afectado por este convenio non poderá prestar máis servicios dentro do porto pesquero que os debidos á empresa para a que traballa, e a negativa do traballador a prestar servicios en empresa distinta á súa non será considerada como

desobediencia para os efectos das causas de despedimento sinaladas na lei. Así mesmo, ningún traballador poderá prestar servicios a outras empresas do sector distintas ás súas o incumprimento destas normas dará lugar a causa de despedimento disciplinario, de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 19º.-Seguridade no traballo.

Toda empresa está obrigada a dota-lo seu persoal de roupa de traballo adecuada ó medio ambiente e dadas as especiais circunstancias dos cometidos e funcións que realizan. Para estes efectos, facilitarase por parte da empresa a roupa necesaria de acordo coas peculiaridades de cada posto de traballo.

Artigo 20º.-Anticipos reintegrables.

As empresas virán obrigadas a anticiparlles a todos aqueles traballadores que conten cunha antigüidade mínima de seis meses dentro dela, e así o soliciten, o importe dunha mensualidade de retribución, adianto este que será reintegrado polo traballador de forma fraccionada ou de entregas parciais, por períodos mensuais, quincenais ou semanais, segundo conveña o traballador, non devengando xuro de tipo ningún este aplazamento no pagamento.

A empresa non estará obrigada a aboa-lo devandito adianto cando as peticións superen o 50% do cadro de persoal da empresa.

De tódolos xeitos, e no caso de cesar na empresa o traballador, a suma que puidese ter pendente de saldar seralle descontada da liquidación finiquita que puidese corresponderlle, e de non asistilo tal dereito virá obrigado a reintegrala de xeito inmediato.

Artigo 21º.-Realización de tóda-las manipulacións.

Os aprendices, empacadores, oficiais empacadores, encargados ou compradores realizarán tódalas operacións de manipulación, entendéndose por tales as de rastrexo de caixas, carga e descarga, preparación e demais relacionadas co tratamento do peixe, coas limitacións que establece o Decreto do 26 de xullo de 1957.

Artigo 22º.-Traballo por axuste.

O traballo por axuste será aboado na cuantía que mutuamente acorden as empresas e os traballadores, pero en todo caso as tarefas deberán representa-lo mínimo das retribucións fixadas na táboa salarial, incrementada no 45% dela.

Artigo 23º.-Traballo de categoría superior.

O traballador que realice labores de categoría superior á que teña asignada percibirá o salario correspondente a aquela durante o tempo que dure a devandita situación, pero se se prolongase máis de catro meses, automaticamente adquirirá a categoría que realmente lle corresponde.

A categoría profesional de oficial empacador adquirirase de modo automático ós sete anos de servicio na empresa.

Artigo 24º.-Asemblea sindical da empresa.

Recoñécese o dereito de reunión dentro da empresa ós traballadores desta afectadas polo presente convenio, fóra da xornada laboral ou inmediatamente ó rematar esta.

Os traballadores non poderán ser despedidos ou sancionados por estaren afiliados a un sindicato.

Nos casos en que o traballador sexa representante sindical ou do comité de empresa, recibirá as licencias necesarias para o normal desenvolvemento da súa actividade sindical de acordo coa lexislación vixente; en todo caso, a empresa terá dereito a pedir xustificante das licencias concedidas.

Artigo 25º.-Enfermidade ou accidente.

Tódolos traballadores suxeitos ó presente convenio que se atopen en situación de baixa por enfermidade ou accidente percibirán, con cargo á empresa, a compensación económica necesaria co fin de percibiren o 100% do seu salario real durante un máximo de doce meses.

Así mesmo, os períodos de enfermidade ou accidente non se terán en conta para deducir dos períodos de vacacións.

Artigo 26º.-Táboa de salarios.

A partir do 1 de xaneiro de 1996 respectaranse, como mínimo, os salarios que figuran no anexo deste convenio, que supoñen un incremento do 3,75% sobre as táboas salariais do convenio do ano anterior, e o plus de transporte quedará fixado en 8.200 ptas. por mes, para tóda-las categorías, que se farán efectivas desde o 1 de xaneiro de 1996.

Artigo 27º.-Premio de xubilación anticipada e voluntaria.

As empresas aboaranlles un complemento de xubilación a aqueles traballadores con 10 anos de antigüidade, como mínimo, na empresa que se xubilen de mutuo acordo con ela, coa contía a seguinte:

Xubilación voluntaria ós 60 anos: 450.000 ptas.

Xubilación voluntaria ós 61 anos: 350.000 ptas.

Xubilación voluntaria ós 62 anos: 300.000 ptas.

Xubilación voluntaria ós 63 anos: 250.000 ptas.

Xubilación voluntaria ós 64 anos: 200.000 ptas.

Unha vez fixada a cuantía do premio, a empresa poderá fracciona-lo pagamento ó longo dun máximo de 12 meses.

Para a súa percepción deberá solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente. Se cumplindo os 64 anos de idade e seis meses máis, o traballador non solicitase a xubilación, perderá o dereito a este complemento. Este artigo quedará en suspenso no caso de que, por disposición de rango superior, se reducise a idade de xubilación.

Artigo 28º.-Revisión salarial.

Acórdase unha revisión salarial sobre as táboas deste convenio se o índice de precios ó consumo (I.P.C.) para o ano 1996, establecido polo I.N.E., excedese do 3,5% e na cuantía do exceso.

Artigo 29º.-Seguro de invalidez e morte.

As empresas contratarán un seguro de invalidez colectivo permanente total ou de morte por accidente durante as 24 horas do día, domingos e festivos, para todo o persoal afectado por este convenio, coas seguintes indemnizacións:

-Por morte: 2.750.000 ptas.

-Por invalidez permanente total ou absoluta: 3.250.000 ptas.

Esta póliza entrará en vigor o mesmo día da firma do convenio.

Artigo 30º.-Cláusula de desenganche salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio non serán de aplicación para aquelas empresas que acrediten descensos, en termos reais, da facturación ou dos resultados nos dous últimos exercicios.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula regulamentada no presente artigo establécense os seguintes mecanismos:

1. Comisión paritaria.

2 Representación dos traballadores.

3 AGA.

A tódolos mecanismos nomeados anteriormente achegarase a seguinte documentación:

-Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos dous últimos exercicios nos que se demostre que durante eles se producen perdas reais.

-Plan de viabilidade para o período que se pretende a aplicación da devandita cláusula de exención e a xustificación económica e a súa repercusión real no melloramento global dos resultados da empresa.

Na súa aplicación poderanse pactar reduccións sobre as porcentaxes de incrementos negociados ou a súa total inaplicación polo período que se determine, neste último caso aplicaranse os aspectos económicos nos mesmos termos que figuran no convenio anteriormente vixente.

Os representantes legais dos traballadores, membros da comisión paritaria, así como os seus asesores, están obrigados a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos ós que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, respecto de todo iso, sixilo profesional.

Disposición derradeira

As diferencias salariais que se produzcan desde o 1 de xaneiro de 1996 deberán facerse efectivas nun prazo non superior a trinta días desde a publicación e conseguinte posta en vigor do convenio.

Táboas salariais 1996

Categoría profesionalRevisión IPC

1995 0,3%

Salario

base

Plus

transporte

Total

mensual

Total

anual

Grupo primeiro
-Persoal técnico titulado
Titulado grao superior99.893103.6398.200111.8391.677.585
Titulado grao medio87.72491.0148.20099.2141.488.210

Grupo segundo
-Persoal mercantil non titulado
Encargado establecemento87.72491.0148.20099.2141.488.210
Oficial empacador80.34083.3538.20091.5531.373.295
Empacador/a77.30980.2088.20088.4081.326.120
Aprendiz de empacador66.43168.9228.20077.1221.156.830
Comprador87.72491.0148.20099.2141.488.210
Conductor77.30980.2088.20088.4081.326.120

Grupo terceiro
-Persoal administrativo
Oficial administrativo77.30980.2088.20088.4081.326.120
Contable77.30980.2088.20088.4081.326.120
Auxiliar administrativo73.28076.0288.20084.2241.263.420
Aspirante66.43168.9228.20077.1221.156.830

5280