Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 08 de xullo de 1996 Páx. 6.650

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do sector do comercio de elementos do metal de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial do sector do comercio de elementos do metal (código nº 3200125) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola Confederación de Empresarios de Comercio de Elementos do Metal de Ourense e da parte social polas centrais sindicais; UXT, CC.OO e CIG, todas con lexitimidade suficiente para asinalo, en xuntanza celebrada o 27 de marzo de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 26 de abril de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de comercio de elementos do metal de Ourense 1996

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Quedan sometidas ás estipulacións do presente convenio tódalas empresas adicadas ó comercio do metal en xeral.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos neste convenio tódolos traballadores das empresas incluídas no ámbito funcional, coas excepcións do Estatuto dos traballadores e dos menores de 16 anos, os cales teñen prohibida a contratación.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As disposicións do presente convenio rexerán en Ourense e a súa provincia.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

A duración do presente convenio será dun ano, comezando a rexer o 1 de xaneiro de 1996 e finalizando o 31 de decembro de 1996.

Artigo 5º.-Prórroga.

O convenio prorrogarase por períodos anuais ó non denunciarse por calquera das partes, con antelación mínima de tres meses, respecto da data da súa terminación. A denuncia farase mediante comunicación escrita á outra parte na que se fará consta-la representación que se ostenta e as materias de negociación.

Ó finaliza-la vixencia a que se refire o artigo 4, manterán a súa vixencia todas e cada unha das cláusulas ata a entrada en vigor do próximo convenio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas contidas no presente convenio estableceranse con carácter de mínimos, polo que os pactos, acordos ou situacións actualmente implantadas nas distintas empresas, que impliquen condicións máis beneficiosas subsistirán para aqueles traballadores que veñan gozándoas.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

-Réxime de traballo.

Artigo 8º.-Xeira de traballo.

A xeira de traballo máxima para o persoal comprendido no presente convenio é de 40 horas semanais.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos traballadores gozarán anualmente de 30 días naturais de vacacións retribuídas a salario base, gratificación de transporte e antigüidade.

A empresa confeccionará conxuntamente o calendario de vacacións cos representantes legais dos traballadores ou cos mesmos traballadores se non os hai, será exposto no taboleiro de anuncios e coñecerase con 60 días de antelación á saída da primeira data.

As datas de vacacións deberán estar comprendidas entre os meses de maio e outubro.

A empresa, por solicitude do traballador, estará obrigada a entregar un xustificante con expresión das datas de inicio e terminación delas.

As vacacións non poderán comezar a computar nin en sábado nin en véspera de día santo.

Artigo 10º.-Inasistencias retribuídas.

O traballador, tras aviso e xustificación poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais no caso de matrimonio.

b) 2 días no caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) 2 días por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, rexerá o que este dispoña en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da presentación do traballo debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización descontarase o importe dela do salario ó que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Por nacemento de fillo/a: 6 días.

g) As traballadoras por lactancia dun fillo menor de 9 meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderá dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción de xeira en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado indistintamente polo pai ou nai no caso de que os dous traballen.

-Réxime económico.

Artigo 11º.-Salario base.

Comprende as retribucións que en xeira normal de traballo figuran na táboa salarial do anexo.

Artigo 12º.-Rendemento mínimo.

Dadas as dificultades técnicas que entraña o establecemento dunhas táboas de rendementos mínimos nas actividades encadradas no presente convenio, pola diversidade e diferentes estructuras das empresas afectadas, considerarase o rendemento mínimo adaptado ós usos profesionais da cada actividade comercial da localidade.

Non obstante as empresas dentro da súa peculiar organización poderán establece-los ditos rendementos.

Artigo 13º.-Incentivos.

Cando as empresas establezan unhas táboas de rendementos e o traballador exceda do mínimo fixado, percibirá unha prima ou incentivo que previamente se establezan de acordo co procedemento que para estes efectos sinala a orde ministerial do 22 de novembro de 1973 sobre ordenanza de salario.

As tarifas de remuneración por incentivo deberanse calcular de modo que o traballador de normal capacidade e rendemento obteña polo menos unha retribución superior nun 25 por cento do salario base establecido no presente convenio para a súa categoría profesional.

Artigo 14º.-Salario hora individual.

De acordo co establecido no Decreto do 17 de agosto de 1973 sobre ordenación de salario e orde

ministerial do 22 de novembro de 1973 que o desenvolve, a determinación do salario-hora individual farase mediante a aplicación da fórmula seguinte:

(365+G) x (S+A3)

S.H.I. Dt x horas xeiras máx. legal

S.H.I. é o salario individual

365 é o número de días do ano.

G: é o número de días retribuídos que corresponde por gratificacións extraordinarias de Nadal, xullo e beneficios.

S: é o salario base diario.

A: os aumentos periódicos por anos de servicios.

Dt: os días de traballo do ano deducidos domingos, días santos aboables e vacacións.

Artigo 15º.-Aumentos periódicos por anos de servicios.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicios consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 5 por cento sobre o salario base.

Cando o traballador ascenda de categoría profesional engadiráselle o soldo base da nova categoría ó número de cuadrienios que viñese desfrutando calculándose a contía destes de acordo coa nova categoría acadada.

A data inicial para o cómputo dos aumentos por anos de servicios será a de ingreso na empresa incluído o tempo de aprendizaxe e aspirante, se ben para estes o dito cómputo aplicarase a partir da vixencia do presente convenio.

Artigo 16º.-Gratificación especial por idiomas.

Os traballadores con coñecementos acreditados ante as súas empresas dunha ou máis linguas estranxeiras sempre que este coñecemento fose requirido e pactado coa empresa, percibirán un aumento do 10% do seu salario base por cada idioma.

Artigo 17º.-Posto de traballo.

Gratificación especial por ornamentación de escaparates: o persoal que non estando clasificado como escaparatista realice non obstante con carácter normal a función de ornamentación de escaparates, terá dereito, en concepto de gratificación especial, a un plus do 10 por cento do seu salario base e aumentos por anos de servicio.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

O salario-hora que resulte da aplicación da fórmula anterior servirá de base para determina-lo importe das horas extraordinarias.

O incremento que se aplicará sobre o salario-hora para o pagamento das horas extraordinarias é o seguinte:

O 75% nas extraordinarias de días laborables.

O 150% nas horas extraordinarias de domingos e días santos.

Artigo 19º.-Desprazamentos e axudas de custo.

Os traballadores que mediante orde expresa do empresario ou persoa que os represente se vexan

obrigados a realizar viaxes ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo e que imposibiliten ou seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu domicilio habitual, ou teñan necesidade de se desprazaren a localidades onde tamén esixa a misión encomendada, unha permanencia que obrigue a tomar aloxamento, terán dereito ó cobro de gastos orixinados de acordo coa empresa e unha vez xustificados.

Artigo 20º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade dos salarios base vixentes en cada momento, aumentos periódicos por ano de servicios e gratificación de transporte. A gratificación de transporte fíxase para estes efectos na cantidade de 8575 ptas.

Así mesmo, o persoal que leve dous anos prestando servicios na mesma empresa ó tempo de ser incorporado ó servicio militar, ten dereito a percibir, como se estivese traballando, o importe das gratificacións de xullo e Nadal.

Estas pagas serán aboadas: a paga de verán, antes do 20 de xullo; a paga de Nadal, antes do 20 de decembro; a paga de beneficios, antes do 21 de marzo.

O importe das referidas gratificacións será rateado en proporción ó tempo traballado durante o ano, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, accidente de traballo, vacacións e permisos retribuídos.

Artigo 21º.-Compensación por accidente de traballo.

En caso de enfermidade común, accidente de traballo ou enfermidade profesional, o persoal en situación de incapacidade temporal percibirá con cargo á empresa, por un período dun ano como máximo, o salario que lle corresponda polo presente convenio, incrementado cos aumentos periódicos por anos de servicios. A empresa poderá descontar dos mesmos durante o dito período de tempo as prestacións económicas que correspondan ó seguro obrigatorio de enfermidade.

Artigo 22º.-Axuda á xubilación.

As empresas concederán un complemento por xubilación a aqueles traballadores que con dez anos como mínimo de antigüidade nela se xubilen durante a vixencia do convenio.

A súa contía irá en función da seguinte escala:

Por xubilación voluntaria ós 60 anos, 6 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 61 anos, 5 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 62 anos, 4 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 63 anos, 3 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 64 anos, 2 mensualidades.

Por xubilación voluntaria ós 65 anos, 2 mensualidades.

As ditas mensualidades serán calculadas sobre o salario real. Para a súa percepción deberán solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente.

Se cumpridos os 65 anos de idade e seis meses o traballador non solicitase a xubilación, perderá o dereito a este complemento.

Artigo 23º.-Gratificación de transporte.

Establécese un plus de transporte urbano para tódolos traballadores afectados polo presente convenio de 343 ptas. por día traballado.

Artigo 24º.-Delimitacións das funcións do conductor.

As funcións dos conductores de vehículos nas actividades comprendidas no presente convenio serán as propias que establece o artigo 16 da ordenanza laboral de transporte por estrada, no apartado de transportes de mercadorías.

Artigo 25º.-Salarios.

O presente convenio increméntase nun 3,90% con respecto ás táboas de 1995, para 1996.

Artigo 26º.-Comisión paritaria.

Para tódalas cuestións que se deriven da aplicación, interpretación e vixilancia deste convenio constitúese unha comisión paritaria formada pola Asociación Provincial de Empresarios e as centrais sindicais que asinan o presente convenio.

Artigo 27º.-Absentismo.

As partes asinantes recoñecen o grave problema que supón o absentismo laboral e entenden que a súa reducción implica tanto un aumento da presencia do traballador no posto de traballo como a correcta organización da medicina da empresa e da Seguridade Social xunto cunhas adecuadas condicións de seguridade, hixiene e ambiente de traballo, para unha efectiva protección da saúde física e mental do traballador.

Artigo 28º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirá discriminación por razón de idade, sexo, ideoloxía, raza ou minusvalidez, etc.

Artigo 29º.-Pezas de roupa de traballo.

Ós traballadores que proceda, a empresa proporcionarálle-lo vestiario adecuado para o traballo, na cantidade de dúas pezas de roupa por ano, que reporá unha vez cada semestre. Así mesmo, facilitaralles guantes e calzado cando así o esixa o traballo que hai que realizar.

Ós traballadores que realicen funcións de reparto en moto, a empresa está obrigada a proporcionárlle-lo casco obrigatorio e traxe de augas.

Artigo 30º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto

de traballo e ó cómputo de antigüidade da súa vixencia, concederáselle pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá solicitarse dentro do mes seguinte ó cesamento do cargo público.

O traballador cunha antigüedade mínima na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en situación de excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período non superior a tres anos de excedencia para atenderen o coidado de cada fillo, xa sexa por natureza ou adopción, contado desde a data de nacemento deste. Os fillos sucesivos darán dereito a un novo período de excedencia, que se se dá o caso, porá fin ó que se viñese gozando. Cando o pai ou nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Durante o primeiro ano, a partir do inicio de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do posto de traballo e a que o citado período sexa computado para efectos de antigüidade. Finalizado este e ata a terminación do período de excedencia, serán de aplicación, agás pacto colectivo ou individual ou contrario ás normas que regulan a excedencia voluntaria.

Así mesmo poderán solicita-lo seu paso a situación de excedencia na empresa os traballadores que exercen funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só un dereito preferente ó ingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

A situación de excedencia poderase estender a outros supostos colectivamente acordados con réxime e cos efectos que alí se prevexan.

Artigo 31º.-Recoñecementos médicos.

As empresas velarán pola práctica de recoñecementos médicos, incluídas análises de sangue e de ouriños, tanto iniciais coma periódicas, conforme o establecido nas disposicións vixentes e como mínimo unha ó ano.

Pola súa banda os traballadores estarán obrigados a someterse a cantos recoñecementos médicos dispoñan as empresas a cargo delas, tanto en situación activa como en situación de ILT ou similar.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector e farase entrega a ese do resultado do recoñecemento.

Serán entregados nun máximo de cinco días desde a data en que se reciban.

A comisión mixta velará polo seu cumprimento.

Artigo 32º.-Protección á maternidade.

No caso de maternidade, a empresa deberá concede-los permisos de 16 semanas ininterrompidas

ampliables por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que 6 semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo no caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai ou o pai traballen, aquela ó iniciarse o período de descanso por maternidade poderá optar a que o pai goce de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do citado período, excepto que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de oito semanas, contadas a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. Se o fillo adoptado é menor de 5 anos e maior de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de 6 semanas.

No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer ese dereito.

Artigo 33º.-Réxime disciplinario por acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto e a intimidade ou contra a liberdade dos traballadores, conductas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves, en función da repercusión do feito. Nos supostos nos que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica con persoa ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu máximo grao.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical ou representante dos traballadores e traballadoras e da dirección de persoal da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador afectado procurando silencia-la súa identidade cando así fose requirido.

Dada a falta de normativa existente poderase segui-la descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións da orde social do 7 de abril de 1988.

Artigo 34º.-Período de proba.

Poderase concertar por escrito un período de proba que en ningún caso poderá exceder de 6 meses para os técnicos titulados, nin de 3 meses para os demais traballadores, agás para os non cualificados; en tal caso a duración máxima será de 15 días laborais.

O empresario e o traballador están, respectivamente obrigados a realiza-las experiencias que constitúan o obxecto da proba.

Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeñe, como se fose do cadro de persoal, salvo os derivados da resolución laboral que poderá producirse por petición de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba sen que se produza o desistimento, o contrato producirá plenos

efectos, e computarase o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

A situación de incapacidade transitoria que afecte ó traballador durante o período de proba interrompe o cómputo del sempre que se produza acordo entre ámbalas partes.

Disposición transitoria

Para o non previsto no presente convenio, haberá que aterse ó sinalado no acordo marco para a substitución da ordenanza do comercio asinado o 6 de marzo de 1996 pola Confederación Española de Comercio, por unha banda e polas centrais sindicais CC.OO. e UGT, por outra, e a Lei orgánica de liberdade sindical e Estatuto do traballadores.

Disposición derradeira

Cláusula de sumisión ó A.G.A.

Dada a importancia que pode ter para a resolución pacífica de conflictos laborais e elaboración do acordo galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo A.G.A. asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia acordan someterse ás disposicións contidas no A.G.A. nos propios termos nos que están formulados.

Táboa salarial 1996

-Grupo primeiro: 76.414.

Profesional de oficio de terceira.

Vixilante sereno.

Ordenanza porteiro.

Cobrador.

Conserxe.

Empaquetador.

Mozo.

Telefonista.

Limpadora.

-Grupo segundo: 77.646.

Mozo especializado.

Auxiliar administrativo.

Profesional de oficio de segunda.

-Grupo terceiro: 79.573.

Intérprete.

Delineante.

Escaparatista.

Profesional de oficio de primeira.

Oficial administrativo.

Caixeiro.

Viaxante.

Dependente.

Axudante.

-Grupo cuarto: 87.390.

Xefe administrativo.

Contable.

Xefe de división.

Xefe de taller.

Xefe de persoal.

Xefe de compras.

Xefe de vendas.

Xefe de sucursal.

Xefe de almacén.

Xefe de servicio mercantil.

Encargado de establecementos.

Titulado de grao medio.

-Grupo quinto: 95.210.

Director.

Titulado de grao superior

5090