Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 28 de xuño de 1996 Páx. 6.397

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 259/1996, do 27 de xuño, polo que se modifican os estatutos da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo-93.

A experiencia obtida en relación co funcionamento do consello de administración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo-93 aconsella a reducción do seu número de membros, de tal xeito que se facilite a axilidade das súas actuacións e permita, ó mesmo tempo, mante-la operatividade da sociedade para atender ó cumprimento dos compromisos adquiridos e á conservación do Camino de Santiago.

Por outra banda, trala modificación parcial da estructura orgánica da Xunta de Galicia producida polo Decreto 212/1996, do 6 de xuño, considérase oportuno cambia-la presidencia do consello de administración.

Por iso, de conformidade co disposto no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 17 dos estatutos da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo-93, aprobado polo Decreto 377/1991, do 19 de setembro, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 17º.-O consello de administración.

1. O consello de administración estará integrado por un mínimo de cinco e un máximo de sete conselleiros, que serán nomeados pola xunta xeral.

2. Será presidente do consello de administración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo-93 o conselleiro de Cultura e Comunicación Social.

3. O secretario do consello de administración será elixido polo consello de entre os seus membros, por proposta do presidente, e en defecto da súa asistencia asumirá as súas funcións o conselleiro de menor idade».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda