Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 28 de maio de 1996 Páx. 5.004

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 6 de maio de 1996 sobre o desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX).

A experiencia adquirida desde que se puxo en marcha o Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX) e o desenvolvemento das liñas básicas definidas nel, así como a importancia do sector de gando vacún dentro da renda agraria da nosa comunidade, aconsellan continua-las accións emprendidas como o mellor medio para a incorporación ó sector gandeiro de novos criterios de manexo e de mellora xenética.

Por outra banda, as novas orientacións a nivel nacional e internacional no desenvolvemento destes programas fan das asociacións e agrupacións de productores a canle axeitada para a progresiva participación do sector e a garantía da súa viabilidade futura.

Así pois, débense regula-las actuacións contidas no devandito plan e fixa-las axudas que, para o seu desenvolvemento, establece a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (en diante, consellería).

Por todo isto, faise necesario establecer un marco legal de ordenación e promoción destas actividades na nosa Comunidade Autónoma.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A comprobación dos rendementos - leiteiro e cárnico - do gando en Galicia ten por obxecto o estudio e determinación dos parámetros productivos necesarios para documenta-los programas de mellora

xenética e de manexo establecidos a nivel nacional, rexional ou en propia explotación.

Artigo 2º

O control da reproducción ten como obxectivo prioritario dispoñer de información de un dos principais parámetros que condicionan a rendibilidade das propias explotacións gandeiras. Supón, así mesmo, unha avaliación das actuacións dos programas de dotación de recursos xenéticos que conforman o PIMX.

Artigo 3º

A Mesa Técnica de Mellora Xenética, creada pola orde da consellería de 1 de marzo de 1991, de acordo co establecido no PIMX, é o órgano consultivo para impulsar, potenciar e coordinar tódalas accións expostas no plan.

Artigo 4º

1. As asociacións provinciais de gandeiros de vacas frisonas, para o control de rendementos leiteiro e reproductivo, así como a súa federación,son as unidades básicas para o desenvolvemento da actividade do control leiteiro e do libro xenealóxico do gando vacún de leite.

Artigo 5º

Os gandeiros que o desexen poderán solicita-lo seu ingreso na asociación provincial correspondente. Estas, unha vez comprobadas as esixencias regulamentarias para o seu ingreso, quedan obrigadas a admiti-las novas explotacións e tramita-la solicitude de alta na consellería a quen lle corresponde resolver definitivamente sobre ela.

As explotacións que, realizando o control leiteiro nos dous últimos anos, controlaran durante un período continuado de seis meses no último, seis vacas ou menos, sen causa grave que o xustifique, causarán baixa no control leiteiro.

Artigo 6º

A realización do control leiteiro debe facerse segundo a normativa estatal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e demais normas complementarias fixadas nesta orde.

Artigo 7º

1. Será de uso regulamentario para as explotacións en control leiteiro a inseminación ata xestación e parto, con seme de «touros en proba» de, polo menos, o 20% dos seus efectivos, empezando, con carácter preferente, coas vacas para un segundo parto.

Para cumprir con esta condición, empregaranse os «touros en proba» dos anos 1994, 1995 ou 1996.

O termo «touros en proba» ou en xeral «touros do centro» refírese xenericamente a aqueles sementais do Centro de Escolma de Fontao que se dispoñan en cada momento para realiza-las probas de avaliación xenética.

2. Os titulares das explotacións en control leiteiro deberán proporcionarlles ós controladores tódolos

datos das incidencias de carácter reproductivo que se produzan na súa explotación.

3. A consellería disporá a realización de probas de paternidade para calquera das actuacións referidas a fillas de «touros en proba» e como garantía do libro xenealóxico.

Artigo 8º

Co fin de promociona-los programas contidos na presente orde, establécense axudas, respectando as limitacións sectoriais previstas no Regulamento CEE 2328/1991, ás que poderán optar aquelas explotacións que inicien o control leiteiro e aqueloutras que durante o último ano cumprisen as liñas marcadas pola orde desta consellería, do 8 de marzo de 1995, sobre o desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética.

I. Para as asociacións provinciais ou a súa federación:

1. A consellería subvencionará ás asociacións provinciais de control co 100% dos custos para atende-la formación do persoal e divulgación do control leiteiro.

A avaliación destes gastos farase en función dos resultados obtidos pola divulgación e traduciranse nunha subvención de 10.000 ptas. polo incremento neto de explotacións que inicien o control no último ano sempre que non recibiran esta mesma subvención no pasado ano.

2. A consellería subvencionará, así mesmo, ás asociacións provinciais de control co 50% dos custos derivados polas operacións de control leiteiro.

O cálculo mensual das devanditas subvencións farase de acordo cos baremos contidos na táboa seguinte, non podendo alcanzar no cómputo anual de subvención, cos incrementos debidos ó control dobre nin pola «porcentaxe de partos» a que se fai referencia máis adiante, a porcentaxe máxima do 50% dos gastos totais do control leiteiro.

Explotacións controladasptas./Explot.mes

De 1 a 3003.600

De 301 en diante3.250

A cantidade resultante de aplica-los datos desta táboa refírese ó control único (control dun dos muxidos diarios). Para as explotacións que realicen dous controis no día, incrementarase a subvención da táboa anterior nun 35%. A subvención resultante ata aquí denominarémola «subvención base».

Esta «subvención base» incrementarase en función dos partos habidos que se deban a inseminacións con seme de «touros en proba» dos anos 1994, 1995 ou 1996 («porcentaxe de partos»). Se a «porcentaxe de partos» é igual ou superior ó 20%, a «subvención base» incrementarase no 50% da súa «porcentaxe de partos».

3. A consellería establece unha subvención do 60% para a xestión en Galicia do libro xenealóxico da raza frisona.

O cálculo para determina-las devanditas subvencións fixase en 5.000 ptas. anuais, por cada explotación colaboradora do control leiteiro, pagadeiras semestralmente, e baseándose no número de explotacións ó principio de cada semestre natural.

4. Para garantía do libro xenealóxico da raza frisona fíxase unha subvención do 70% dos gastos de realización das probas de paternidade, por mostraxe entre os animais rexistrados.

5. Para a promoción da raza frisona, fíxanse axudas para organizar un concurso rexional e unha escola de xuíces gandeiros. As axudas fixadas para o concurso estarán en función da concorrencia de animais e dos efectos de promoción da raza (premios ás descendencias de «touros do centro», confirmada a súa veracidade coas correspondentes probas de paternidade), de acordo co seguinte:

Unha cantidade fixa de 1.200.000 pesetas e por cada animal fillo de «touros do centro», coas seguintes cantidades: 15.000 ptas. por cada animal menor de 25 meses e 25.000 ptas. se son maiores ou iguais á devandita idade.

A subvención máxima que se concederá para a celebración do concurso rexional será de 2.700.000 pesetas, sempre que concorran ó mesmo gandeiros de polo menos tres provincias galegas, ou de 1.400.000 pesetas en caso de que a concorrencia sexa menor. En calquera caso, a subvención concedida, sumada ás demais axudas oficiais non poderá supera-los custos de organización.

5.1. Como subvención para os gandeiros, establécense premios para as descendencias dos «touros do centro», repartidos a partes iguais entre as seccións de animais menores de 25 meses e as seccións de animais maiores ou iguais a 25 meses. Os importes dos devanditos premios son de 300.000 ptas. para o concurso rexional referido no punto anterior e 150.000 ptas. para os demais concursos, ata un máximo de catro concursos deste tipo.

5.2. Para a celebración da escola de xuíces gandeiros establécese unha subvención de 10.000 ptas, por cada asistente que sexa profesional gandeiro inscrito en control leiteiro, sendo a subvención máxima de 1.000.000 de pesetas. A subvención concedida, sumada ás demáis axudas oficiais, non poderá supera-los custos da organización.

II. Axudas ós gandeiros en control leiteiro.

1. Cada gandeiro integrado na correspondente asociación provincial de control de rendementos recibirá unha subvención máxima do 20% dos gastos que orixine nas explotacións a realización do control leiteiro.

O cálculo das devanditas subvencións farase en función das lactacións finalizadas xa que o censo do gando determina o maior ou menor custo de realización do control leiteiro.

As devanditas subvencións faránse en 1.200 pesetas por lactación válida finalizada segundo a infor

mación xerada polo Instituto Técnico de Producción Animal e referidas ó período dun ano.

Se a lactación válida e finalizada corresponde a unha primeira lactación dunha filla de «touro en proba» do ano 1992 ou posteriores, a subvención será de 15.000 ptas.

O dereito a calquera das subvencións deste punto 1 será excluínte das demais deste mesmo punto.

2. Gastos de tramitación inicial e incorporación no control leiteiro.

Para as explotacións de recente incorporación ó control leiteiro, subvención de 10.000 pesetas para atende-los gastos de tramitación inicial e incorporación, para as explotacións que o inicien, e o realicen de forma continuada, no último ano e non recibiran unha subvención por estes conceptos no pasado ano. A cantidade subvencionada non poderá alcanza-la porcentaxe do 20% dos gastos totais do control leiteiro.

III. Doses seminais.

1. Explotacións en control leiteiro o pasado ano:

Considéranse unhas necesidades, incluídas as da recría propia, de 2,5 doses por cada vaca controlada efectivamente durante o último ano. Enténdese por número de vacas controladas efectivamente na explotación o que resulta de face-la media do número de vacas controladas nos meses en que se fixera o control na explotación ó longo do período anteriormente sinalado.

Subvención máxima do 75% do custo das doses seminais subministradas pola consellería, de acordo coas necesidades de cada explotación.

2. Ganderías de recente incorporación ó control leiteiro ou cun reducido número de vacas en control e agrupacións de gandeiros legalmente constituídas.

2.1. Ganderías de recente incorporación ó control: as necesidades de doses de «touros en proba» fíxanse nunha cantidade de ata 1,6 doses por vaca e ano, cun mínimo de 15 doses de seme por cada explotación. Unha subvención de ata o 100% do custo das doses adquiridas.

2.2. Agrupacións de gandeiros legalmente constituídas. Subvención de ata o 60% nas doses subministradas, nunha cantidade máxima de 1,6 doses por cada vaca e ano.

2.3. Subministración de doses seminais producidas no Centro de Escolma de Fontao, co 60% de subvención, para expansión da mellora xenética a tódalas explotacións leiteiras.

IV. Axudas á transferencia embrionaria.

Poderán solicita-las axudas de transferencia embrionaria as agrupacións de gandeiros que exerzan as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e que, entre os seus fins, teñan o fomento de actuacións de mellora xenética.

As calidades mínimas, para o caso de programas que inclúan a importación de embrións, das vacas doadoras e dos touros cos que as inseminen estarán de acordo co públicado para estes casos na Orde do 16 de abril de 1990 (BOE do 21 de abril)

Ademais, as vacas doadoras deben ter uns índices compostos de producción e tipo que as sitúen dentro do 1% das mellores vacas no país de orixe, segundo os últimos catálogos oficiais publicados.

O seme que xere os embrións procederá de touros cuns índices compostos de producción e tipo que os sitúe dentro do 1% mellor do país de orixe, segundo os últimos catálogos oficiais publicados. A repetibilidade mínima para leite e tipo será do 75%.

A) Formación do persoal integrado nun programa de transferencia. Ata o 100% dos gastos persoais de formación, excluíndo materiais e desprazamentos.

B) Adquisición e implantación de embrións.

A subvención para este réxime de axudas non superará os custos do programa.

Subvención máxima de 25.000 ptas. por preñez obtida.

C) Difusión da xenética galega de alta calidade, vía materna, para un programa que inclúa algunha das 50 mellores vacas por ICO e cualificación morfolóxica de, polo menos, 84 puntos, propiedade dos gandeiros galegos, subvención de 15.000 ptas. por preñez obtida, non superando as subvencións, en ningún caso, os custos orixinados na transferencia.

A implantación deberá ser supervisada por técnicos da consellería.

Estas subvencións faranse efectivas cando a agrupación xustifique as preñeces obtidas , coa sinatura do gandeiro e do técnico que realizou a implantación, que deberá cumprir coa normativa oficial que rexe as actuacións profesionais dos técnicos implantadores.

V. Axudas ós gandeiros con gando da raza rubia galega.

Como axudas á mellora da calidade xenética, por cada femia avaliada xeneticamente ó longo deste ano e incluída no rexistro definitivo da raza, establécese unha axuda do 70% dos custos ocasionados, cun importe máximo de 40.000 ptas. Esta axuda non poderá asignarse ás femias que recibiran subvención segundo as correspondentes ordes de recría establecidas pola consellería en anos anteriores.

Artigo 9º

1. As solicitudes de axudas ás que se refire a presente orde irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e presentaranse no rexistro da consellería, no das súas delegacións provinciais ou na forma prevista no Art. 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

Establécense os seguintes prazos de presentación de solicitudes:

a) Agrupacións de gandeiros: o prazo remata ós 15 días naturais a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

b) Gandeiros individuais: o prazo remata ós 45 días naturais a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

c) Os gandeiros de raza rubia galega, así como os de raza frisona que se incorporan ó control leiteiro ó longo deste ano, presentarán a súa solicitude de subvención no mes de outubro deste ano.

O expediente será resolto polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e a consellería comunicará, no prazo de 90 días, a aprobación ou a denegación razoada da solicitude. A falta de comunicación no devandito prazo, entenderáse desestimadoria das peticións de axuda.

Artigo 11º

A consellería solicitará dos peticionarios a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, con obxecto de comproba-la realización das actuacións subvencionables.

Artigo 12º

Poderán ser beneficiarios destas axudas agrupacións de gandeiros ou ganderías individuais. En cada tipo de axuda especifícase cales poden ser solicitadas por agrupacións de gandeiros e cales ó serán polas ganderías individuais.

A documentación que se presentará en cada caso é a seguinte:

a) Agrupacións de gandeiros:

1. Solicitude segundo anexo I

2. Acta de constitución da entidade

3. Fotocopia do código de Identificación Fiscal e certificado de conta bancaria

4. Memoria do programa que se pretende e medios humanos e materiais para desenvolvelo.

5. Avaliación económica do investimento que se vai realizar.

6. Avaliación económica da subvención solicitada

b) Ganderías individuais :

1. Solicitude segundo anexo II.

c) Gandeiros de raza rubia galega:

1. Solicitude segundo anexo III.

Artigo 13º

As solicitues formuladas ó abeiro da ordes do 7-12-1994 (DOG 26-12) e do 8-3-1995 (DOG 23-3), ás que non lles fora concedida a subvención solicitada, serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes. A tramitación dos expedientes continuará desde a fase na que se encontraba ó remate do exercicio anterior.

Artigo 14º

As subvencións ás que se refire a presente orde serán consideradas como subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, en función da realización dos programas propostos ou cando exista concorrencia doutras axudas oficiais.

Artigo 15º

O incumprimento do disposto na presente orde dará lugar á perda das subvencións e devolución, se é o caso, do percibido; sen prexuízo das responsabilidades civís ou penais que puidesen derivarse deste feito.

Artigo 16º

Correspóndelle á consellería ó seguimento e inspección das actividades desenvolvidas polas organizacións colaboradoras segundo se determina na presente orde.

Artigo 17º

As subvencións recollidas na presente orde financiaránse con cargo ós conceptos orzamentarios 09.03.614-A.771.03 (34.000.000 de ptas.); 09.03.614-A.771.09 (13.000.000 de ptas.); 09.03.614-A.781.03 (90.500.000 ptas.); 09.03.614-A.781.09 (34.500.000 ptas.); 09.03.613-A.780.03 (21.500.000 ptas.); 09.03.613-A.780.09 (7.500.000 ptas.) e 09.03.731-A.770.00 (215.000.000 de ptas.) dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maiode 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

3899