Visto o texto do convenio colectivo da empresa Comercial de Servicios Técnicos y Decorativos, S.A. (Teydesa) (código número 3200412) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polos delegados de persoal, en xuntanza celebrada o 27 de novembro de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,
ACORDA:
Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no rexistro desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.
Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.
Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Ourense, 6 de marzo de 1996.
Manuel López Casas
Delegado provincial de Ourense
Convenio colectivo provincial para a empresa Teydesa (Comercial de Servicios Técnicos y Decorativos, S.A.)
Capítulo I
Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.
De acordo co establecido no título III do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, que aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, o presente convenio afectará a totalidade dos empregados e asalariados da empresa.
Sen prexuízo do anteriormente exposto e tendo en conta as especiais circunstancias e características do persoal, que a seguir se enumeran, quedarán fóra do ámbito de aplicación do presente convenio:
A) O persoal bolseiro da empresa, co obxecto de completa-la súa formación, con especial mención a aqueles ós que se lles aplique o denominado contrato de traballo en prácticas.
B) Os botóns, axudantes e aspirantes.
C) O persoal que realiza traballos de alta dirección ou alta xestión da empresa.
Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórroga.
O presente convenio aplicarase a partir de cando sexa homologado pola autoridade laboral; agora ben, os seus efectos económicos retrotraeranse ó día 1 de novembro de 1995, independentemente da data da súa publicación no BOP. A súa duración será desde o día 1 de novembro de 1995 ata o 31 de decembro de 1996.
Non obstante entenderase automaticamente prorrogado de ano en ano, ata que unha das partes o denuncie expresamente, de conformidade coa lexislación vixente, e cunha antelación mínima de dous meses ó termo da vixencia deste convenio ou da prórroga en curso.
Na denuncia deberase facer constar:
-Ámbito de aplicación do novo texto do convenio.
-Materias de negociación debidamente desagregadas.
-Representación que ostenta o denunciante.
Igualmente, sinálase que durante o tempo que medie entre a data de finalización dos efectos do convenio e a entrada en vigor dun novo convenio que os substitúa, entenderase prorrogado para tódolos efectos o presente.
Artigo 3º.-Compensación e absorción-
As melloras resultantes da aplicación do presente convenio poderán ser absorbidas ou compensadas ata onde alcance o cómputo anual con aqueloutras condicións de índole superior que estean establecidas pola empresa, agás pacto expreso en contrario; todo iso de conformidade co preceptuado no decreto de ordenación do salario e disposicións concorrentes.
Artigo 4º.-Xornada de traballo.
A xornada de traballo será de 40 horas semanais, de luns a venres, e en ningún caso a dita xornada poderá superar un cómputo anual de 1.792 horas.
Dentro do cómputo de traballo efectivo entenderanse por comprendidos os tempos horarios empregados nas xornadas continuadas como descanso e outras interrupcións, cando por normativa legal ou acordo entre as dúas partes ou pola propia organización do traballo se entendan integradas na xornada diaria de traballo. A este respecto establécese un período mínimo de descanso de 15 minutos.
O horario establécese de luns a venres, agás o persoal a quendas, que teña necesidade de compensación de horas, caso en que poderá traballarse o sábado ata compensa-la xornada.
Artigo 5º.-Vacacións.
O período anual de vacacións será de 30 días naturais; o salario que se percibirá durante elas será igual ó dunha nómina normal do mes.
O período de desfrute das vacacións será preferentemente nos meses de verán, debendo coñece-lo traballador, cunha antelación mínima de dous meses, a data de inicio do desfrute. Serán fixadas de común acordo entre a empresa e o traballador, e salvo acordo entre as dúas partes rotativas, e sempre que non afecten ós programas de producción da empresa.
Artigo 6º.-Salario e outros conceptos retributivos.
Os salarios base establecidos para cada categoría profesional son os que se fixan no anexo adxunto, primeira columna.
O plus de carencia de incentivos aboarase pola segunda columna do anexo salarial e por día efectivo de traballo, entendendo o sábado como día efectivamente traballado.
Artigo 7º.-Permisos retribuídos e non retribuídos.
Establécese un permiso retribuído nos casos que se indica ou polo período que a seguir se reflicte:
-Por matrimonio do traballador: 15 días naturais.
-Por matrimonio de fillos: 2 días naturais.
-Por parto de esposa do traballador: segundo lexislación vixente.
-Por morte ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, irmáns, pais políticos, avós, netos e fillos: o tempo necesario, como mínimo dous días hábiles.
-Por morte de irmáns políticos, avós políticos e tíos: dous días naturais.
-Por morte de tíos políticos: un día natural.
-Por consulta médica: o tempo necesario con xustificación.
A asistencia a exames, xuntando documentación, será sen dereito a retribución e será concedida polo tempo necesario para a súa realización.
Artigo 8º.-Desprazamentos e axudas de custo.
Se por razóns técnicas e organizativas a empresa ten que traslada-los seus productores a prestaren servicios a outros centros de traballo, aboaralles por axuda de custo completa a cantidade de 3.605 pesetas e por media axuda de custo 1.805 pesetas.
Artigo 9º.-Traballos especiais.
Aplicarase o preceptuado no artigo 77 da ordenanza laboral para a industria siderometalúrxica, sendo as porcentaxes do 25, 30 e 35%, en lugar dos sinalados na mencionada norma.
Artigo 10º.-Comité de Seguridade e Hixiene.
A empresa obrígase ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo, en materias de aseos, vestiario, dotacións sanitarias de urxencia, duchas, etc., de conformidade coa ordenanza de seguridade e hixiene vixente. Para tal efecto designaranse dous membros como vixilantes de seguridade e hixiene, que serán elixidos polos traballadores fixos do cadro de persoal. As funcións do Comité de Seguridade e Hixiene serán asegurarse os dereitos dos traballadores en canto ás cuestións relacionadas coa seguridade e hixiene no traballo fixadas pola lei ou convenio entrámbalas partes. Os membros do comité non terán dereito a horas sindicais retribuídas.
Artigo 11º.-Período de proba.
O período de proba será de quince días para os seguintes traballadores: peón, especialista, oficial de 3ª, oficial de 2ª e oficial de 1ª. Para as demais categorías aplicarase o establecido no Estatuto dos traballadores.
Artigo 12º.-Roupa de traballo.
Ó persoal afectado polo presente convenio seralle entregada pola empresa unha peza de roupa de traballo ou funda cada seis meses, sendo obrigatorio o seu uso, cando o traballador o requira. A dita roupa será en todo momento propiedade da empresa, e o traballador virá obrigado á boa conservación e uso e a empresa poderá facer constar nas ditas pezas de roupa o anagrama ou actividade dela.
Así mesmo, segundo o posto de traballo, a empresa daralle os elementos e medios necesarios esixidos legalmente para protección, debendo utilizalos o traballador na realización das súas tarefas.
Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.
O persoal afecto ó presente convenio percibirá dúas pagas extraordinarias que se farán efectivas o 15 de xullo e o 22 de decembro. A contía delas será dunha mensualidade de salario real.
Artigo 14º.-Antigüidade.
Este complemento salarial de carácter persoal consistirá en quinquenios, a contía dos cales será o 6% do salario base.
Artigo 15º.-Pluses de toxicidade, penosidade e nocturnidade.
Aboaranse conforme o disposto na ordenanza laboral siderometalúrxica e disposicións concordantes.
Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.
O persoal que se atope en situación de ILT derivada de enfermidade común, a partir do primeiro día do segundo mes percibirá o 100% do seu salario; no caso de hospitalización desde o primeiro día percibirá o 100%.
Cando esta situación se derive de accidente de traballo ou accidente in itinere, desde o primeiro día aboaráselle o 100% do salario.
Artigo 17º.-Horas extraordinarias.
Axustaranse ó disposto no artigo 35 do Estatuto dos traballadores.
Artigo 18º.-Póliza de seguros.
A empresa concertará unha póliza de seguros que cubra as seguintes indemnizacións.
-Accidente laboral ou común do que derive a morte do traballador: 2.500.000 ptas.
-Idem ó anterior do que se derive a situación de incapacidade permanente, total ou absoluta ou gran invalidez: 2.500.000 ptas.
-Ó persoal de nova incorporación non lle será de aplicación a póliza antes reflectida ata transcorridos trinta días desde a contratación.
Artigo 19º.-Premios de xubilación.
Xubilación ós 60 anos: 6 mensualidades.
Xubilación ós 61 anos: 5 mensualidades.
Xubilación ós 62 anos: 4 mensualidades.
Xubilación ós 63 anos: 3 mensualidades.
Ós ditos premios só terán dereito aqueles traballadores que teñan na data do feito causante máis de dez anos de antigüidade na empresa.
Artigo 20º.-Plus de carencia de incentivos.
Establécese o aboamento deste plus como prima de productividade e asistencia, ó non te-la empresa regulada a retribución en función do rendemento.
O dereito á percepción deste plus perderase total ou parcialmente polas seguintes causas:
a) O 25% do plus de carencia de incentivos correspondente ó salario do día, por falta de puntualidade de ata 5 minutos. A reincidencia deste tipo de falta gravarase cun 50%.
b) O 75% do plus de carencia de incentivos correspondente ó salario do día por falta de puntualidade superior a 5 minutos e ata media hora.
c) O 100% por máis de media hora sen chegar a día completo.
d) O correspondente a 2 días por cada falta de asistencia.
e) O abandono do traballo antes da hora sinalada, a non incorporación á hora xusta de comezalo e as interrupcións inxustificadas consideraranse como faltas de puntualidade para estes efectos.
Artigo 21º.-Productividade.
O sistema de traballo que se vaia empregar será de libre iniciativa da empresa e deberase axustar ó previsto no presente convenio e á lexislación concordante, sen prexuízo da posterior aprobación pola autoridade competente.
A actividade normal de traballo é desenvolvida polo operario medio que actúa baixo unha dirección competente, pero sen estímulo dun sistema de remuneración por rendemento e sen ningunha coacción, isto
é, a cantidade de traballo desenvolvida efectivamente por un obreiro capacitado realizando unha actividade mínima normal equivalente a 4,800 km/h e que foi determinada por unha correcta cronometraxe.
A actividade normal vén determinada por 100 unidades centesimais ou 60 puntos bedaux ou o seu equivalente noutros sistemas de medición que sexan aceptados internacionalmente.
A actividade óptima é a que pode desenvolver un traballador activo adestrado no traballo e que acade nel con seguridade un nivel de calidade e precisión fixados pola tarefa. Esta actividade está valorada en 140 unidades centesimais ou 80 bedaux, ou o seu equivalente. Será sancionable todo traballador que non acade a actividade normal durante tres días consecutivos ou cinco alternos no período de 30 días. En cada caso a empresa, para efectos de sanción, apreciará a gravidade da falta á vista dos feitos producidos. Así mesmo, será obxecto de sanción o productor que de maneira reiterada manteña unha actividade inferior á normal. Establécese especificamente que a facultade de organización práctica do traballo lle corresponde á dirección da empresa logo de audiencia e informe dos representantes dos traballadores, e, en consecuencia, sinálanse, entre outras, as seguintes funcións:
a) Esixencia da actividade normal fixada polo convenio.
b) Adxudicación do número de máquinas ó traballador a rendemento normal.
c) Mobilidade e cambio de persoal nas empresas de acordo coas necesidades de organización da producción na forma sinalada regulamentariamente.
De establece-la empresa un sistema de traballo incentivado á actividade normal comprenderá o plus de carencia de incentivos fixado no anexo. Unha vez aprobado o sistema de traballo incentivado, non poderán aplicarse penalizacións ata transcorridos tres meses desde a data de implantación do sistema, considerándose o dito espacio de tempo como período de proba.
En ningún caso poderá penalizarse a falta de productividade e a falta de puntualidade e asistencia ó mesmo tempo.
Artigo 22º.-Plus de xefe de equipo.
De acordo co establecido no artigo 79 da ordenanza laboral de siderometalúrxica, o xefe de equipo percibirá un plus consistente nun 20% sobre salario base da súa categoría.
Artigo 23º.-Excedencias.
Poderán solicitar tódolos traballadores que leven un mínimo dun ano ó servicio da empresa. A duración da excedencia poderá ser dun ano a cinco anos. A petición de excedencia farase por escrito cun mes de antelación e resolta pola empresa afirmativamente cando non se cubrise con contrato de interinidade, nos demais casos haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores.
Artigo 24º.-Traballo da muller.
Se a realización de tarefas consideradas tóxicas, penosas, molestas ou insalubres afectasen a situación
de embarazo ou maternidade, terán que ser excluídas para a muller.
Artigo 25º.-Servicio militar.
Durante o tempo en que se preste servicio militar ou social voluntario e obrigatorio, o traballador terá dereito á reserva do posto de traballo, que se entenderá 20 días despois de licenciado, e á percepción das pagas extras, na mesma contía que se estivese traballando.
Artigo 26º.-Reserva do posto de traballo en caso de invalidez provisional.
Os traballadores que cesasen na empresa por causa de invalidez provisional teñen dereito a ser declarados aptos para o traballo e a ser reintegrados no posto de traballo que con carácter normal ocupaban na empresa na data en que causaron baixa ou en posto adecuado ás súas condicións. Será preciso que o traballador o solicite da empresa dentro do mes seguinte á data da súa declaración de aptitude.
Artigo 27º.-Revisión médica do persoal.
A empresa efectuaralles unha revisión médica anual a tódolos traballadores do cadro de persoal. Estas revisións correrán por conta da mutualidade correspondente ou da propia Seguridade Social.
Disposicións transitorias
Primeira.-O aumento do presente convenio cífrase nun 10% sobre os conceptos retributivos da táboa salarial (salario base e plus de carencia de incentivos) tomada como base para este negociación. A dita táboa correspóndelle ó convenio asinado en 1993 e prorrogado nos anos sucesivos pola situación económica da empresa.
Segunda.-Os efectos económicos do presente convenio retrotraeranse ó 1 de novembro de 1995 e aboaranse na nómina do dito mes independentemente da data en que se publique no BOP.
Terceira.-En todo o non previsto no texto do presente convenio, será norma supletoria a ordenanza laboral das industrias siderometalúrxicas e a lei, pola que se aproba o Estatuto dos traballadores e disposicións concordantes.
Táboa salarial
Categoría S. base Plus
Persoal obreiro: Peón 2.855 748 Lavador engraxador 2.855 748 Especialista 2.859 782 Of. 3ª 2.865 811 Of. 2ª 2.866 863 Of. 1ª 2.868 991 Of. 1ª montador 2.868 1.060 T. menor 18 anos 1.706 430
Persoal subalterno: Almaceneiro 2.855 748 Probador 2.870 863
Categoría S. base Plus
Listeiro 2.865 811 Recepcionista 2.855 748 Pesador báscula 2.855 748 Vixilante 2.855 748 Ordenanza 2.855 748 Porteiro 2.855 748 Conserxe 2.855 748 Chofer turismo 2.866 863 Chofer camión 2.868 1.004 Dep. Aux. M. 25 2.865 811 Dep. Prin. M. 25 2.865 811 Telefonista 2.865 811
Persoal técnico: Mestre taller 3.581 1.071 Xefe taller 3.582 1.255 Contramestre 3.582 1.071 Encargado 3.582 1.071 Tit. medio 3.582 1.255 Tit. superior 3.749 1.322 Delineante Proxect. 3.255 1.255 Delineante 1ª 3.248 987 Delineante 2ª 2.868 991 Calc. Reproduc. 2.865 811 Tec. laboratorio 3.255 1.071 Analista 3.255 1.071
Persoal administrativo: Aux. Admvo. 2.865 811 Of. Admvo. 1ª 2.868 991 Of. Admvo. 2ª 2.866 863 Xefe Admón. 1ª 2.868 1.060 Xefe Admón. 2ª 2.868 995 Caixeiro 2.866 863 Xefe almacén 2.868 994 Xefe contabilidade 2.868 1.060 Viaxante vendedor 2.856 811 Xefe laboratorio 3.582 1.255 ATS 3.582 1.255
3733