Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Venres, 10 de maio de 1996 Páx. 4.387

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de abril de 1996 pola que se convocan e aproban as bases polas que se rexerán as convocatorias de bolsas e axudas de apoio á formación e actualización do profesorado universitario.

A coordinación do sistema universitario e a coordinación dos recursos de investigación son dous grandes obxectivos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se están a concretar en diversas accións.

Estas metas da política universitaria e científica teñen realización concreta porque están sustentadas por un plan de financiamento do sistema que encerra unha filosofía específica para os investimentos, a creación de servicios, a investigación e a docencia.

O recoñecemento da autonomía nos termos que establecen as leis e a coordinación, póñense de manifesto na elaboración, proposta e execución de plans específicos da consellería de cara ó apoio, á formación e actualización do profesorado universitario que nesta disposición se recollen.

A experiencia das convocatorias do ano 1995, as suxerencias feitas polas universidades e outros organismos de investigación e, moi especialmente, a valoración que fixo das convocatorias a Comisión de Selección de Política Científica e o carácter de indicador destas convocatorias non só da necesidade de actualización do profesorado en exercicio da universidade, senón tamén da necesidade de proporcionar formación a futuros profesores de novas titulacións que estivera previsto implantar na universidade, contribuíron a manter estas convocatorias.

Froito desa experiencia e dos acordos que orientaron as convocatorias de anos anteriores, procédese a convocar este ano dúas accións distintas que están orientadas á formación do profesorado en novas titulacións e á actualización do profesorado na disciplina que imparten. Neste tipo de accións son as universidades as que garanten a promoción do seu profesorado así como da liña na que queren favorece-la súa formación.

O artigo 3.2º e) da Lei 11/1983, de reforma universitaria, establece que a selección, formación e promoción do persoal docente de cada universidade é competencia da autonomía universitaria. Nada disto impide que a Comunidade Autónoma manteña a súa competencia respecto da creación de centros e implantación de titulacións. Precisamente por iso, pon en marcha accións que favorezan a calidade da docencia no momento de autoriza-las ensinanzas; e, precisamente por iso, as accións deseñadas son de apoio á formación, pois carecería de fundamento legal financiar bolsas para a formación nunha futura titulación se as universidades non pensan imparti-los estudios conducentes a ela ou se os departamentos entenderan que non precisaban formar máis persoal nesa materia determinada.

Con estas accións trátase de poñer en marcha un plan que cumpra os marcos legais establecidos polo noso ordenamento e contribúa a mellora-la calidade do sistema universitario de Galicia, apoiando

deseñadas contribúe a ese obxectivo. En definitiva: comeza-la docencia, garantindo un mínimo razoable de calidade, incrementa-las posibilidades de formación dos futuros profesores, favorece-la innovación dos programas de ensino, son os obxectivos básicos das accións que agora se publican conxuntamente.

Polo que antecede esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse as bolsas e axudas que a continuación se indican para apoio á formación e perfeccionamento do profesorado e apróbanse as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos á presente orde:

1. Bolsas para actualización do profesorado respecto da asignatura que imparten.

2. Axudas para a formación de profesores en novas titulacións.

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de 2.500.000 ptas. con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.484.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996. Sen embargo, a cantidade antes citada poderase incrementar ata un máximo dun 20% en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá facer pública unha nova convocatoria, no suposto de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito orzado.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 12 meses, de conformidade co establecido no Decreto 267/1994, do 29 de xullo, polo que se aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de l996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Universidades e Investigación

ANEXO I

Bolsas para actualización do profesorado respecto da materia que imparten

O obxecto destas axudas é contribuír á actualización e reciclaxe do profesorado das universidades de Galicia, respecto da materia que imparten, mediante o financiamento de estadías en centros e universidades establecidos fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito tal que se favoreza a modificación parcial do programa da asignatura que imparten, como consecuencia da viaxe.

Bases da convocatoria

1. Solicitantes.

As bolsas poderán ser solicitadas por tódolos profesores numerarios, interinos ou contratados que pertenzan a algunha das tres universidades da Comunidade Autónoma, sempre que estean impartindo clases teóricas, teñan adicación a tempo completo e posúan unha antigüidade mínima de 3 anos na docencia.

2. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

2.1. Unha asignación mensual comprendida entre 90.000 e 200.000 ptas. brutas segundo as circunstancias do lugar no que se vai realiza-la estadía.

2.2. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes, durante o período de desfrute.

2.3. Os gastos de matrícula, se é o caso, cubriranse só se a Comisión de Selección de Política Científica á que se alude no punto 6, os considera oportunos e estiveran, en todo caso, convenientemente xustificados na solicitude.

3. Libramento da axuda.

O pagamento das bolsas concedidas ós beneficiarios efectuarase nun só prazo despois de que o beneficiario formalice o documento ó que se fai referencia no punto 9 das presentes bases.

4. Duración e período de desfrute.

Estas bolsas cobren estadías de 1 a 2 meses de duración e o seu inicio non poderá ser anterior á data de publicación da presente orde no DOG e a súa finalización non será posterior ó 30 de setembro de 1997.

5. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 13 (que se publica como anexo III á presente orde e á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

5.1. Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados e especial referencia ós servicios docentes prestados.

5.2. Resumo das unidades temáticas da disciplina que imparte o solicitante e programa da disciplina.

5.3. Memoria na que se xustifique o interese da estadía para a actividade docente do solicitante facendo consta-lo programa de actividades que vai realizar e as unidades temáticas que pretende incorporar ou modificar.

5.4. Aceptación do centro onde se vai realiza-la estadía.

5.5. Certificación do departamento correspondente, co visto e prace do director, no que conste que o solicitante reúne os requisitos ós que fai referencia o punto 1 desta convocatoria. Deberase facer referencia tamén á antigüidade na materia na que pretende formarse segundo o plan de organización docente (POD) do departamento.

As solicitudes irán acompañadas da correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta para efectos de xustificante de recepción.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de xuño de 1996.

6. Resolución do concurso.

A selección dos bolseiros será realizada pola Comisión de Selección de Política Científica que elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

7. Criterios de selección.

A avaliación das solicitudes farase conforme os seguintes criterios:

7.1. Interese das actividades que se vaian realizar en relación coa actividade docente do solicitante.

7.2. Currículum do solicitante.

7.3. Antigüidade como docente e antigüidade na disciplina que imparte e na materia que pretende actualizarse.

7.4. A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas que se propoñan ó abeiro dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia e un centro de investigación no exterior.

8. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades e Investigación a data de incorporación ó centro estranxeiro e, unha vez incorporados, deberán encontrarse en todo momento en condicións de xustifica-lo seu labor asiduo no centro de destino. Calquera interrupción ou aprazamento do período de desfrute, dentro do prazo sinalado no punto 4 das bases da convocatoria, deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral de Universidades e Investigación.

Non se admitirán cambios nos centros de destino salvo circunstancias excepcionais que así o aconsellen, logo de informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados.

Nos dous meses seguintes ó remate do período de desfrute, deberán presentar un informe final das actividades realizadas, que deberá incluír un informe do director do centro de destino sobre o labor realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia neste. Na memoria faranse constar xustificadamente as actividades que se realizarán como consecuencia da estadía, así como as leccións que vaia incorporar no programa da súa disciplina.

Xuntarase, así mesmo, o plan de estudios correspondente e a organización do centro no que se realizou a estadía.

O incumprimento de calquera dos compromisos contraídos polo beneficiario dará lugar, se é o caso, á supresión da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas. En calquera momento, a Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá reclamar do centro receptor un informe sobre o labor realizado polo bolseiro.

9. Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases.

10. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados que eventualmente poidan obterse con ocasión do desfrute da bolsa serán propiedade dos seus autores, que, no caso de facelos públicos, deberán facer consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia e terán que remitirlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un exemplar da publicación na que se recolla.

11. Incidencias.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades e Investigación de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

A Dirección Xeral de Universidades e Investigación resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

ANEXO II

Axudas para a formación de profesores en novas titulacións.

A finalidade desta convocatoria é apoia-la formación, noutros centros universitarios, de persoal docente especializado para as materias novas de carácter troncal ou obrigatorio sempre que a universidade non teña xa profesorado preparado na área de coñecemento correspondente e as materias sexan de nova implantación ou correspondan a unha titulación aprobada ou de futura implantación nas universidades da Comunidade Autónoma, de xeito tal que se poida comeza-la impartición da materia garantindo un mínimo razoable de calidade docente.

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Te-la titulación que sexa precisa para imparti-la materia que se vai implantar (diplomado, licenciado ou doutor).

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos na data de remate da convocatoria.

2. Duración.

Estas bolsas cobren estadías de ata 10 meses de duración en centros radicados fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan o contido da materia que se quere impartir no noso sistema universitario aínda que non teña a mesma denominación.

3. Contía

O importe da bolsa comprenderá:

3.1. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes, durante o período de desfrute.

3.2. Unha asignación mensual que estará comprendida entre 90.000 e 200.000 ptas. brutas segundo as circunstancias do lugar, a experiencia profesional do solicitante e as particularidades do plan de traballo que vaia desenvolver.

3.3. Os gastos de matrícula, de se-lo caso, cubriranse só se a Comisión de Selección de Política Científica, á que se alude no punto 8, os considera oportunos e estiveran, en todo caso, convenientemente xustificados na solicitude.

4. Libramento da axuda.

Os pagamentos das bolsas faranse por trimestres adiantados e de acordo coa normativa vixente.

5. Período de desfrute.

A totalidade da bolsa deberá desfrutarse antes do 30 de setembro de 1997 e a súa iniciación non poderá ser anterior á data de publicación da presente orde no DOG.

6. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 14 (que se publica como anexo IV á presente orde e á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

O prazo de presentación de solicitudes, coa documentación á que se fai referencia na base 7, remata o día 5 de xuño de 1996.

7. Formalización de solicitudes.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

7.1. Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

7.2. Informe acerca da identificación da materia na que pretende formarse na viaxe e actividades que vaia realizar durante a estadía que contribuirán a súa formación nesta. No informe incluirase xustificación acerca da adecuación do centro de destino ós obxectivos da viaxe e as actividades que vaia realizar. Así mesmo deberá explicarse a identidade ou a semellanza entre a materia obxecto de especialización e a materia que se imparte na universidade receptora.

7.3. Informe realizado polo solicitante no que se faga consta-la motivación da solicitude de axuda ben como reciclaxe profesional, formación inicial docente (inicio de docencia universitaria), ou cambio voluntario de traxectoria como docente por interese na nova materia.

7.4. Informe do departamento ó que pertence o solicitante no que se faga consta-la necesidade de profesorado especializado para a nova disciplina de acordo coa dotación da área de coñecemento, no suposto de que quedara adscrita a materia ó departamento.

7.5. Informe da comisión delegada da xunta de goberno da correspondente universidade que é competente na materia, respecto da efectiva impartición da disciplina e da titulación nun futuro próximo, así como as áreas de coñecemento as que se adscribirá esa disciplina co fin de comproba-la coherencia da solicitude.

7.6. Aceptación do centro onde se vai desenvolve-lo traballo.

As solicitudes acompañaranse da correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta para efectos de xustificante de recepción.

8. Resolución do concurso.

A selección dos bolseiros será realizada pola Comisión de Selección de Política Científica que elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Criterios de selección.

A avaliación das solicitudes farase conforme os seguintes criterios:

9.1. Plan de traballo e o seu interese segundo o establecido no apartado 7.2.

9.2. Currículum do solicitante.

9.3. Informe do departamento ó que se refire o punto 7.4.

9.4. A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas que se propoñan ó abeiro dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia e un centro de investigación no exterior.

10. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades e Inves

tigación a data de incorporación ó centro estranxeiro e, unha vez incorporados, deberán encontrarse en todo momento en condicións de xustifica-lo seu labor asiduo no centro de destino. Calquera interrupción ou aprazamento do período de desfrute, dentro do prazo sinalado no punto 5 das bases da convocatoria, deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral de Universidades e Investigación.

Non se admitirán cambios nos centros de destino salvo circunstancias excepcionais que así o aconsellen, logo de informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados.

Os beneficiarios de bolsas con estadías de máis de 6 meses, antes de remata-lo segundo trimestre do período de desfrute da bolsa, deberán remitir a esta dirección xeral un informe do labor realizado ata o momento. Tódolos bolseiros, nos dous meses seguintes ó remate do período de desfrute, deberán presentar un informe final do traballo realizado, que deberá incluí-la copia dos traballos eventualmente publicados, o informe do director do centro de destino sobre o labor realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia no centro e un proxecto docente relativo á materia na que se estivo a preparar. Para os efectos da memoria, enténdese o proxecto docente como organización curricular da materia para un tempo fixado e nun plan de estudios concreto, en orde ó ensino e á aprendizaxe dos coñecementos consolidados nesa materia.

O incumprimento de calquera dos compromisos contraídos polo beneficiario dará lugar, se é o caso, á supresión da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas. En calquera momento, a Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá reclamar do centro receptor un informe sobre o labor realizado polo bolseiro.

11. Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se comprometa a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases.

12. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados obtidos con ocasión do desfrute da bolsa serán propiedade dos seus autores que, no caso de facelos públicos, deberán facer consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia e terán que remitir á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un exemplar da publicación na que se recolla.

13. Incidencias.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades e Investigación de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

A Dirección Xeral de Universidades e Investigación resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

9603327