Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 09 de maio de 1996 Páx. 4.332

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 153/1996, do 17 de abril, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea ó C.T. de Leas, no concello de Cabana de Bergantiños. (Expediente número 52636).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 15/20 kV, de 314 m de lonxitude, con orixe na liña Cabana-Baio-Golada e final no C.T. de 50 kVA proxectado en Leas, sobre apoios de formigón e metálicos, con conductor LA-56, no concello de Cabana (A Coruña), (Expte. nº 52636).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública, e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 26-7-1993 que se publicou no DOG do 21-9-1993, no BOP da Coruña do 4-10-1993 e no BOE do 6-9-1993.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse, no DOG do 30-8-1995, no BOP da Coruña do 6-10-1995 e no xornal El Ideal Gallego da Coruña do

11-10-1995; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, durante o período no que se someteu a trámite de información pública non se formularon alegacións nin se produciu incidente de ningún tipo.

Unha vez efectuada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña preténdese amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis.

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea ó C.T. de Leas, asi como as ocupadas polo propio C.T.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Cabana de Bergantiños, e son tódolos que figuran nas relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que constan no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3285