Visto o expediente tramitado por instancia da Fundación Arbona Millares para a súa declaración de interese galego e a conseguinte inscrición no Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia.
Resultando que a Consellería da Presidencia e Administración Pública, pola súa Orde do 29 de febreiro de 1996 (DOG nº 62, do 27 de marzo), clasificou como benéfico-docente a citada fundación e adscribiuna á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983, así como, o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado por Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais disposicións de xeral e pertinente aplicación, e máis concretamente as normas básicas contidas na Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundación e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral.
Considerando que a correspondente escritura fundacional e de aprobación dos estatutos están conformes co establecido nos artigos 5, 6 e 7 da Lei
7/1983, de 22 de xuño, (DOG nº 89, do 20 de xullo), e nas demais disposicións aplicables.
Considerando que os fins e demais elementos organizativos da Fundación Arbona Millares cumpren os requisitos e condicións sinalados nos artigos 1 e 13 da mentada Lei 11/1991, (DOG nº 219, do 12 de novembro), para a súa declaración de interese galego, así como, as condicións básicas determinadas na devandita Lei 30/1994.
Considerando que o presente expediente foi promovido por persoas lexitimadas para iso, e que na súa tramitación se cumpriron os requisitos legais e regulamentarios esixidos tanto pola lexislación autonómica en materia de fundacións de interese galego, coma polas normas básicas establecidas na Lei 30/1994.
Esta consellería, consonte co disposto no artigo 32.3º do devandito regulamento, logo do informe da asesoría xurídica deste departamento,
RESOLVE:
Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Arbona Millares, coa conseguinte aprobación dos estatutos de seu e dos demais aspectos recollidos na orde de clasificación publicada no DOG do 27 de marzo de 1996.
Segundo.-Ordena-la súa inscrición no rexistro auxiliar de fundacións deste protectorado, logo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación e inscrición teñen o carácter constitutivo que determinan os artigos 33.3º do Decreto 248/1992 e o 8 da Lei 7/1983, así como o artigo 3 da referida Lei 30/1994.
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1996.
Juan Piñeiro Permuy
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
2800