Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 22 de abril de 1996 Páx. 3.705

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 29 de marzo de 1996 pola que se regula a concesión de axudas específicas para a adquisición e a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

Por Orde do 31 de marzo de 1995 regulouse a concesión de axudas para a adquisición de inmobles en conxuntos históricos dentro do programa de vivenda libre a prezo taxado definido na normativa que desenvolveu o Plan Cuadrienal 1992-1995. Igualmente, regulouse a concesión de axudas á rehabilitación dos devanditos conxuntos históricos compatibles coas establecidas no dito plan.

Dentro do novo marco normativo e financeiro en materia de vivenda e solo para o período 1996-1999, séguese a ve-la necesidade de acometer accións tendentes ó rescate, conservación e ordenación dos conxuntos históricos.

Coa perspectiva de revitalizar na Comunidade Autónoma galega a situación actual destes centros, e con independencia do financiamento de actuacións protexibles en materia de rehabilitación establecidas con carácter xeral no Real decreto 2190/1995, a presente orde recolle un programa orientado a concreta-la participación activa dos propietarios e usuarios na conservación de bens que son de interese colectivo. Neste sentido, e seguindo as fórmulas xa empregadas pola orde de 1995, para potencia-la rehabilitación das vivendas incídese no outorgamento de subvencións a fondo perdido, tanto para pro

pietarios como inquilinos, ó tempo que se fomenta, especialmente para estes últimos, o acceso á propiedade.

Así pois, a nova orde, mediante a que se implica os máis directos interesados nas tarefas de inverte-las tendencias de deterioro dos inmobles, presenta vías de axudas desde unha triple perspectiva de respecto ás necesidades actuais de habitabilidade, ás condicións de seguridade estructural, así como á conservación dos trazos arquitectónicos de valor artístico e cultural que presenten os edificios que se pretenden rescatar.

En virtude do anterior, e logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9-11-1993, e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Adquisición de vivendas

Artigo 1º

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo concederá unha subvención do 5% do seu prezo, dentro do programa de vivenda libre a prezo taxado definido no Real decreto 2190/1995, para a adquisición polos seus inquilinos das vivendas incluídas en zonas de rehabilitación de núcleos históricos por fomento da iniciativa privada.

2. As ditas zonas serán delimitadas por acordo municipal e terán que estar incluídas obrigatoriamente na delimitación de conxunto histórico-artístico oficialmente aprobada.

3. Para a solicitude da axuda seguirase o procedemento establecido na orde que regula a con

cesión de axudas do Plan 1996-1999, xuntando, ademais, a seguinte documentación específica:

a) Certificado municipal de inclusión da vivenda na zona de rehabilitación do núcleo histórico por fomento da iniciativa privada, aprobada por aquel.

b) Contrato de arrendamento cunha antigüidade mínima dun ano.

4. As obrigas derivadas da aplicación do presente artigo atenderanse, durante o presente exercicio, con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.783 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Rehabilitación de vivendas

Artigo 2º

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo concederalles, igualmente, axudas a promotores de actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios con destino a vivenda incluídos en zonas de rehabilitación do núcleo histórico, por fomento da iniciativa privada, definido da forma establecida no artigo anterior.

2. As axudas consistirán nunha subvención do 30% do importe das obras que se van executar, sobre un orzamento protexible máximo de dous millóns de pesetas por vivenda, sen prexuízo de que as ditas obras poidan acadar unha cifra superior.

Artigo 3º

1. As actuacións de rehabilitación que poderán acollerse á presente orde serán o conxunto de obras necesarias para acada-lo necesario nivel de adecuación nos seguintes aspectos:

a) Condicións estructurais-seguridade.

1. Elementos estructurais e constructivos.

2. Adecuación ou realización de instalacións en xeral.

3. Mellora das condicións de illamento en xeral.

4. Medidas de seguridade (incendios, sinistros, etc.).

5. Acabados de elementos comúns.

b) Habitabilidade.

1. Programa funcional das vivendas.

2. Dimensións da vivenda e as estancias.

3. Adecuación e funcionalidade das diferentes instalacións.

4. Condicións de ventilación, iluminación e aireación.

5. Mellora das condicións constructivas.

c) Condicións artísticas: protección patrimonial.

1. Melloras do volume externo.

2. Melloras de elementos singulares.

2. As condicións a que se refire o apartado anterior serán as mínimas esixibles, sendo complementarias das determinacións derivadas do planeamento urbanístico, que, se é o caso, afecten os núcleos históricos.

3. As obras relativas á adecuación estructural e de seguridade serán preferentes ás previstas en materia de habitabilidade e protección patrimonial, polo que non poderán solicitarse estas se o inmoble precisase a realización das primeiras.

O nivel mínimo de adecuación nos aspectos a que se refire o presente artigo é o establecido no anexo I desta disposición.

Artigo 4º

1. Estas axudas son compatibles coas establecidas no Real decreto 2190/1995.

2. No caso de solicitar ámbalas dúas, a solicitude das previstas nesta orde poderase presentar ó mesmo tempo cá de cualificación provisional de rehabilitación conforme a lexislación estatal.

3. O prazo de presentación de solicitudes durante o presente exercicio rematará o día 31 de agosto de 1996.

4. Para os sucesivos exercicios determinarase o prazo de presentación das solicitudes por resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Artigo 5º

As solicitudes presentaranse nas oficinas da delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda e formularanse en instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Xunto coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:

-DNI/NIF.

-Memoria que conterá polo menos:

a) Descrición do tipo de actuación que vai levar a cabo entre as recollidas no artigo 3 da Orde do 29 de marzo de 1996.

b) Documento acreditativo da titularidade, como propietario ou inquilino.

c) Superficie útil da vivenda ou inmoble.

d) Orzamento de execución, asinado polo contratista, promotor e polo técnico competente, se é o caso.

e) Se é o caso, proxecto de execución asinado por técnico competente.

f) Prazo máximo da execución das obras.

g) Fotografías do edificio no que se proxecta a rehabilitación.

-Licencia municipal das obras.

-Certificado municipal de inclusión da vivenda na zona de rehabilitación do núcleo histórico por fomento da iniciativa privada aprobada por aquel.

Artigo 6º

A aprobación das axudas establecidas na presente orde será efectuada polos delegados provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

No caso de que complemente as axudas estatais, a aprobación poderase facer mediante dilixencia para o efecto na cualificación provisional de rehabilitación e deberá expresar, en todo caso, que ten carácter provisional ata que se lle outorgue ó expediente a cualificación definitiva de rehabilitación.

Nos outros casos a cualificación substituirase por unha aprobación provisional ou definitiva para os efectos do cumprimento dos requisitos desta orde, debendo achegárselle ó expediente idéntica documentación.

Artigo 7º

As obrigas derivadas da aplicación do artigo 2º da presente disposición atenderanse durante o presente exercicio con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.784 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral do IGVS para dictar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1996.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

ANEXO I

A. Condicións estructurais-seguridade.

a) Elementos estructurais e constructivos.

Deberán presentar garantías suficientes da súa adecuación. Para isto necesitarase certificación dun técnico competente que avale a estabilidade do edificio. A sobrecarga mínima que se deberá soportar ó uso é de 200 Kg/m.

b) Instalacións en xeral.

-A instalación eléctrica para iluminación e usos domésticos cumprirá co Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

-Instalación de auga.

Distínguense dous supostos: que no núcleo histórico exista rede de abastecemento público, caso no que será obrigatoria a acometida de auga, que

asegurará o nivel de servicio suficiente, considerando como tal un caudal de 15 litros por minuto.

Se non existe rede de abastecemento, e o inmoble se servise por captación propia, deberá existir un depósito de reserva suficiente.

-Instalación de saneamento.

Distínguense, así mesmo, dous supostos.

A existencia de rede de saneamento xeral no núcleo histórico: neste caso as augas residuais deberán recollerse en encanamentos tecnicamente aceptables e conectarse á rede xeral de forma adecuada. Entenderase que existe rede xeral cando discorra, como máximo, a 200 m do inmoble.

Se non existise rede xeral, resolverase o saneamento mediante fosas sépticas tecnicamente aceptables, situadas no exterior do inmoble. O efluente deberá ser depurado antes de mesturalo con augas correntes, ou envialo ó terreo.

Todo tipo de aparello sanitario deberá contar cos sifóns correspondentes.

Outras instalacións.

Son susceptibles de axuda as obras encamiñadas a dota-la vivenda de instalacións tales como teléfono, calefacción, antenas colectivas de FM e TV, así como as de protección contra incendios.

c) Condicións de illamento en xeral.

Garantirase o illamento do inmoble en xeral e a través de medios técnicos normais.

O illamento refírese tanto á estanquidade de cubertas e fachadas á auga, como ó térmico e ó acústico.

d) Medidas de seguridade.

O inmoble contará coas mínimas condicións de seguridade fronte a incendios e sinistros.

Para isto deberán protexerse os elementos estructurais metálicos; as caldeiras e depósitos de combustible presentarán as medidas de aireación mínimas e a instalación eléctrica e antena colectiva presentarán as garantías técnicas necesarias.

Todo isto deberá ser certificado por técnico competente.

B. Condicións de habitabilidade.

Terase en conta neste aspecto a normativa vixente en materia de habitabilidade, especificamente as esixencias derivadas do Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

C. Condicións artísticas: protección patrimonial.

Poderán acollerse ó réxime de axudas para a mellora e conservación de elementos artísticos as actuacións en inmobles do núcleo histórico que, pola existencia dun plan especial, catálogo de inmobles ou disposicións emanadas da Comisión de Patrimonio, tivesen que mante-los referidos elementos. Estes fan referencia ó volume xeral do inmoble, fachadas e cuberta, así como a elementos singulares que poida presentar (chemineas, gárgolas, saíntes, pináculos, etc.).

2717