Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 19 de abril de 1996 Páx. 3.688

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 1996, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se fai pública a data do sorteo para determina-la composición dos tribunais que deberán xulga-lo procedemento de selección para a adquisición da condición de catedrático nos corpos de profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño.

A base común 5, punto 6, da Orde do 14 de febreiro de 1996 pola que se convocaba procedemento de selección para a adquisición da condición de catedrático nos corpos de profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño, establece que os tribunais que xulguen o procedemento de selección estarán integrados por catro vocais designados por sorteo entre funcionarios do corpo e especialidade correspondente que posúan a condición de catedrático. Así mesmo, determínase que, no suposto de que non sexa posible designar tódolos vocais nas condicións anteriormente sinaladas, poderán designarse profesores doutros corpos ou doutras especialidades a que se refire a convocatoria que posúan a condición de catedrático ou profesores dos corpos docentes universitarios.

Resultando necesario facer pública a data e a hora en que terá lugar o sorteo público, esta dirección xeral,

RESOLVE:

O sorteo para determina-los catro vocais e, se é o caso, os suplentes correspondentes que xulgarán o procedemento de selección para a adquisición da condición de catedrático nos corpos de profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas

e de artes plásticas e deseño terá lugar entre funcionarios de carreira do corpo e especialidade correspondente que posúan a condición de catedrático, en servicio activo en centros dependentes desta consellería o próximo día 2 de maio de 1996, ás 9 horas na sala de xuntas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sita en San Caetano, s/n , Santiago de Compostela.

Naquelas especialidades en que non haxa, polo menos, seis funcionarios que posúan a condición de catedrático, os tribunais serán designados directamente pola Dirección Xeral de Persoal.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1996.

Jaime García García

Director xeral de Persoal

2715