Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 19 de abril de 1996 Páx. 3.660

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de abril de 1996 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás agrupacións e asociacións de voluntarios de protección civil.

A Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, co fin de que as asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil poidan levar adiante o seu labor, regula o réxime de concesión de subvencións ás agrupacións e asociacións de voluntarios de protección civil para o ano 1996, con cargo á aplicación 04.06.231A.480.0 dos

orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, ata un máximo, pola súa totalidade de setenta millóns (70.000.000) de pesetas, e con este fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Serán beneficiarias destas subvencións as asociacións e agrupacións de voluntarios de protección civil legalmente constituídas, sen fins de lucro, de Galicia, que no momento da publicación da presente orde estean inscritas no Rexistro de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 3º da Orde do 17 de decembro de 1991 (DOG do 3 de xaneiro de 1992) ou estivese presentada oficialmente a súa solicitude de inscrición para o seu rexistro, estando pendente e, polo tanto, condicionada a súa aprobación. Ademais, será requisito indispensable que a asociación ou agrupación teña dependencia co seu Concello respectivo.

Artigo 2º

Aquelas que recibisen subvencións en anos anteriores, para acceder a estas axudas deberán xustifica-lo seu investimento e liquidación, segundo o que dispón o artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 3º

As axudas que se van outorgar de acordo co indicado nesta orde poderán ser investidas na adquisición de uniformes; material funxible de intervención inmediata; equipos persoais de prevención de protección civil, comunicacións, mergullo e rescate de montaña; caixas de urxencias de primeiros auxilios; así como outros artigos similares que teñan relación coas misións que deben ser realizadas por protección civil.

Os uniformes deberán axustarse ó disposto na Resolución do 14 de febreiro de 1994 (DOG do 4 de marzo), da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

Así mesmo, poderán incluírse os gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en operativos relacionados directa ou indirectamente con protección civil; os da formación dos seus compoñentes para o desenvolvemento das ditas actividades; e os de pagamento de seguros.

Non poderán ser incluídos os gastos ocasionados pola compra de vehículos; material de transporte; material de incendios; material móbil de salvamento marítimo; material audiovisual; ou calquera outro tipo de material non funxible empregado en protección civil.

Artigo 4º

Os beneficiarios que se indican no artigo 1º que queiran acollerse á presente orde deberán presenta-la solicitude de subvención, segundo o modelo

que se indica no seu anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A correspondente solicitude, dirixida ó secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, presentarase dentro do prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo no ano 1995 en materia de incendios forestais (especialmente naquelas realizadas durante os meses de marzo e agosto) e/ou urbanos; inundacións; accidentes na estrada; salvamento e socorrismo acuático; así como naquelas emerxencias nas que poida atoparse en perigo a vida das persoas ou os seus bens. A memoria levará o visto e prace da Xefatura Provincial de Protección Civil que corresponda (sinatura e selo).

b) Relación dos medios que se van adquirir, coa súa orde de prioridades e os seus custos.

c) Declaración xurada responsable, do presidente da asociación ou agrupación, das axudas económicas recibidas en anos anteriores para os fins que se expresan no artigo terceiro, indicando a súa contía. De non recibir ningunha tamén se fará constar, xuntando, se é o caso, o xustificante ó que se refire o artigo segundo.

d) Fotocopia do NIF ou CIF e xustificante da entidade bancaria co número de conta que teña aberta nela.

e) Número de voluntarios dispoñibles para actuar e/ou colaborar, a calquera hora do día ou da noite, nunha emerxencia de protección civil.

Artigo 5º

Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame polas xefaturas provinciais de Protección Civil, e no caso de que non se axustase ó que se establece no artigo cuarto desta orde, comunicaráselle ó peticionario para que no prazo de dez días, segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, reparen os erros ou omisións. De non facelo así, procederase a arquivala sen máis trámites.

Artigo 6º

Cumprido este requisito, as respectivas xefaturas provinciais remitirán a documentación á que se refire o artigo anterior, xunto co correspondente informe técnico, á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente. Esta procederá a convocar unha comisión avaliadora, que estará presidida polo secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, e formada polos catro delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Públi

ca, o subdirector xeral de Protección Civil e o xefe da Sección Administrativa da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, que actuará como secretario.

Artigo 7º

Estudiada pola devandita comisión a documentación presentada, procederase a redacta-la proposta de concesión de axudas, para o que se valorará:

a) Non ter recibido subvención ou ser de nova creación.

b) Accións de colaboración prestada en emerxencias ou urxencias de protección civil, demandadas a través de SOS-GALICIA ou dos CECOPs-provinciais.

c) Actividades realizadas pola agrupación/asociación durante o ano 1995, en materia de incendios forestais e/ou urbanos, inundacións, accidentes na estrada, salvamento e socorrismo acuático, ou outras emerxencias nas que puidese estar en perigo a vida das persoas ou os seus bens.

d) Índices de risco nas zonas de actuación da agrupación/asociación.

e) Número de voluntarios dispoñibles para actuar en emerxencias de protección civil.

Artigo 8º

A resolución será adoptada polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, conforme a proposta que faga a comisión avaliadora.

Artigo 9º

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións e asociacións de voluntarios de protección civil, a través das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 10º

Recibida polos beneficiarios a comunicación de concesión de axudas, deberán comunicar por escrito a súa aceptación, se é o caso, no prazo de quince días. De non facelo así, arquivarase o seu expediente sen máis trámites.

Artigo 11º

Non poderán recibi-las cantidades das axudas aquelas agrupacións ou asociacións que non acrediten que están ó día das súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública desta Comunidade Autónoma. Deberán remitirse á Xefatura Provincial de Protección Civil, para unilos ó seu expediente, os orixinais dos ditos documentos, en todo caso expedidos polos organismos competentes.

Artigo 12º

Os pagamentos faranse polo total, unha vez verificado o gasto. As asociacións e agrupacións que perciban subvencións estarán obrigadas a xustifica-lo emprego delas mediante o envío á xefatura provincial correspondente, antes do un de setembro do presente ano, das facturas (orixinal e copia) das casas subministradoras do material, conformadas polo presidente da asociación ou agrupación.

Así mesmo, deberán envia-los xustificantes dos gastos incluídos no artigo terceiro, parágrafo terceiro desta orde, debidamente conformados polo presidente ou xefe da agrupación ou asociación.

Posteriormente, unha vez percibido o importe da subvención pola devandita asociación ou agrupación, esta deberá enviar á xefatura provincial que corresponda, no prazo de quince días, os xustificantes dos pagamentos ás mencionadas casas subministradoras de acordo coas anteriores facturas, segundo o modelo incluído no anexo II desta orde. Se os pagamentos non se aboan directamente, deberán enviar xustificante da entidade financeira a través da que se fixo a correspondente transferencia bancaria.

A continuación, as xefaturas provinciais de Protección Civil remitirán os anteriores documentos á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

Artigo 13º

Procederá o reintegro a esta Comunidade Autónoma das axudas percibidas e dos xuros de demora no caso de incumprimento da obriga de xustificación á que se refire o artigo anterior, ou da finalidade para a que foi concedida, así como no suposto de que resultase que a agrupación non reúne os requisitos esixidos na presente orde e demais disposicións aplicables.

Para tal efecto, a Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente fará un seguimento da correcta aplicación das axudas económicas concedidas cos fins previstos na presente orde.

Artigo 14º

No non previsto, será de aplicación o disposto na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1996, e nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. Transcorridos tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, ou dos que se dan nos casos ós que se refiren os artigos 71 e 76 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (Art. 43.2 c), a contrario sensu, da devandita lei).

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO II

XUSTIFICANTE DE PAGAMENTO

Don/Dona,

con DNI nº, como responsable da casa

subministradora de nome, recibín no día

da data, do presidente da Asociación/Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de, a

cantidade de ptas., en concepto de

pagamento do importe da factura nº, expedida

o día

En, ..... de................... de 1996.

Sinatura:Selo:

2794