Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 03 de abril de 1996 Páx. 3.088

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE de 14 de febreiro de 1996 pola que se convoca o programa Ven ó Camiño: Encóntrate con Europa.

Os dous anos anteriores a Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago levou a cabo unha serie de accións tendentes ó achegamento da poboación ó Camiño de Santiago, merecendo especial atención a convocatoria do programa Ven ó Camiño que naceu cos seguintes obxectivos:

-Dar a coñece-la realidade do camiño e o seu contorno, así como os seus valores e sensibilidades.

-Promove-lo interese polo camiño entre os xoves e as institucións encamiñadas á formación e organización de actividades de lecer e tempo libre.

Estes obxectivos cumpríronse de sobra, e dado o elevado número de interesados en participar no programa, considérase necesario convocar unha nova edición ampliada deste.

Por todo isto, a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Promoción do Camiño, e no uso das competencias conferidas polo decreto 49/1994 do 4 de febreiro, de estructura orgánica da Consellería de Cultura, convoca o programa Ven ó Camiño: Encóntrate con Europa.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura convoca o programa Ven ó Camiño: Encóntrate con Europa dirixido ós xoves, que ofrece dous días de estancia e percorrido por puntos emblemáticos e significativos do Camiño Francés, con aloxamento nos albergues que se sinalen no esquema da viaxe, que figura no anexo da presente orde.

Artigo 2º

Este programa desenvolverase de acordo coas bases que figuran no anexo da presente orde.

Artigo 3º

O libramento dos gastos orixinados por este programa farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.121A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago para que dicte as disposicións oportunas cara ó adecuado desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Director Xeral de Promoción do Camiño de Santiago

ANEXO

Bases que rexen a convocatoria do programa Ven ó Camiño: Encóntrate con Europa

Primeira.-Poderán acollerse a este programa tódalas institucións e organismos tradicionalmente vencellados á actividade con xoves: centros de ensino, clubs xuvenís, catequeses parroquiais, escolas de tempo libre, corais e rondallas xuvenís, etc.

Segunda.-A consellería, a través da Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, e no desenvolvemento deste programa, porá a disposición dos participantes neste:

-Os albergues.

-Un servicio de guía formado por persoal especializado no Camiño.

-A cantidade de 50.000 pesetas en concepto de axuda, por cada institución ou organismo, sen que o número destas poida exceder de cen, e logo entrega de factura, pola cantidade antes citada, onde se acreciten os gastos ocasionados, única e exclusivamente, polo transporte (bus, tren, etc.), expedida por unha empresa do dito sector.

Terceira.-A atención e coidado do grupo, o seu traslado e manutención serán responsabilidade da institución ou organismo participante.

Cada agrupación levará carteis promocionais do programa, que lles facilitará a Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, no vehículo no que efectúen as viaxes.

Cuarta.-O programa de actividades facilitado ós interesados pola Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, poderá ser completado con propostas e suxestións breves achegadas polos solicitantes, segundo as características e os intereses dos grupos.

Quinta.-No caso de formulárense as ditas propostas ou suxestións, valoraranse primando aquelas que inclúan como actividade complementaria a difusión do camiño e as que integren a presente viaxe nalgún programa de intercambio de xoves de carácter transnacional ou transrexional.

Sexta.-O número de participantes de cada grupo non será inferior, na súa totalidade, a vintecinco, nin superior a corenta. Os adultos acompañantes non superarán o número de cinco.

Sétima.-Os interesados enviarán as súas solicitudes, no modelo oficial que figura ó final desta orde, á Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3. 15771 Santiago de Compostela, ou nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura. Todo iso de

acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. En consecuencia non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

Oitava.-Nas solicitudes incluiranse os datos identificadores do grupo: colexio ou institución, número de participantes inicialmente previsto, persoa ou persoas responsables, teléfono de contacto e datas preferentes para a viaxe (recoméndase poñer varias).

Se é o caso, e en escrito á parte adxuntaranse as propostas e suxestións citadas nas bases cuarta e quinta desta convocatoria.

Novena.-A presentación das solicitudes farase ata o día 31 de outubro de 1996, avaliaranse conforme se vaian recibindo e serán resoltas polo conselleiro e notificadas ós interesados.

Décima.-O esquema da viaxe axeitarase ó seguinte:

-Duración: dous días (unha noite), que poden ser ou non en fin de semana, durante os meses de marzo, abril, maio, xuño, outubro e novembro de 1996.

-Situación: nos seguintes albergues do Camiño Francés:

O Cebreiro, Triacastela, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Ribadiso e Arca.

-Itinerarios:

R-1. O Cebreiro e o seu contorno.

R-2. O Cebreiro-Triacastela, con visita a Samos.

R-3. Sarria-Barbadelo-Paradela-Portomarín.

R-4. Portomarín-Palas de Rei, con visita a Vilar de Donas e Monterroso.

R-5. Palas de Rei-Melide, con visita a Toques e Sobrado.

R-6. Melide-Ribadiso, con visita a Toques e Sobrado.

R-7. Ribadiso-O Pino, con visita ó embalse de Portodemouros, a Mezonzo e Sobrado.

Décimo primeira.-Para que se poida tramita-lo pagamento, unha vez realizada a viaxe, é necesario enviar á Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, de acordo co indicado na base sétima, factura orixinal por importe de 50.000 ptas., fotocopia da tarxeta de identificación fiscal e certificación bancaria orixinal acreditativa da titularidade da conta onde se desexa recibi-la transferencia.

Décimo segunda.-A Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago resolverá calquera dúbida que poida xurdir nos aspectos non recollidos especificamente polas bases, sen que, en nigún caso, poida haber contradicción co disposto nestas.

2482