Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 1996 Páx. 2.693

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de marzo de 1996 pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo no concello da Coruña, entre funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Por resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello da Coruña do 1 de marzo de 1996, efectuouse a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de secretario xeral do devandito concello, de acordo coas bases aprobadas polo Pleno da Corporación.

De conformidade co disposto no artigo 27 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e no uso das competencias conferidas polo artigo 13.2.17 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería,

DISPÓN:

Publica-las bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, do posto de secretario/a xeral do concello da Coruña, que se xuntan coa presente orde.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Corporación: Concello da Coruña

Bases para a provisión, polo sistema de libre designación, dunha praza de funcionario con habilitación de carácter nacional, categoría superior. Praza de secretario xeral.

1. Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexe-la convocatoria para cubrir, polo sistema establecido no artigo 99.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, segundo a redacción dada pola Lei 10/1993 do 21 de abril (BOE do 22 de abril de 1993), o seguinte posto reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional:

DenominaciónClase

Secretario xeralPrimeira

2. Características do posto.

2.1. O posto que se vai cubrir está incluído no catálogo de postos de traballo aprobado polo Pleno da Corporación na sesión do 19 de outubro de 1989.

2.2. O complemento de destino asignado é o correspondente ó nivel 30 e o sistema de provisión o de libre designación.

2.3. O complemento específico anual fixado é de 4.722.872 ptas. sen prexuízo dos incrementos legais para o ano 1996.

3. Requisitos.

3.1. Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeña-lo posto, no caso de ser nomeado:

3.1.1. Estar integrado na subescala de secretaría, categoría superior.

3.2. Isto non obstante, atendendo ó establecido na disposición transitoria primeira, número 2 a) do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, sobre réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, tamén poderán concorrer ó posto, os secretarios de Administración local de primeira non integrados na subescala correspondente.

4. Convocatoria.

4.1. A convocatoria corresponde ó alcalde quen a remitirá ó órgano competente da Comunidade Autónoma para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

4.2. Así mesmo remitiráselle á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para as Administracións Públicas no prazo máximo de 10 días coa referencia precisa do número e data do diario no que se publicou, para a súa publicación no BOE do extracto da dita convocatoria.

5. Solicitudes.

5.1. As solicitudes dirixiranse á alcaldía, dentro dos 15 días naturais seguintes ó da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

5.2. Ademais do contido mínimo establecido no artigo 70.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na solicitude deberá indicarse o número de rexistro persoal, a situación administrativa na que se atope o solicitante e o seu destino.

5.3. Xunto coas solicitudes, os aspirantes acompañarán o seu currículum vitae, no que constarán os títulos académicos, os anos de servicio, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudios e cursos realizados, coñecemento da lingua galega e outros méritos que coide oportuno pór de manifesto e a acreditación documental.

6. Nomeamento.

6.1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a alcaldía, no prazo máximo dun mes, procederá, se é o caso, e trala constatación da concorrencia dos requisitos esixidos nesta base, a dicta-la resolución correspondente, que deberá ser motivada con referencia ó cumprimento por parte do candidato elixido dos requisitos e especificacións esixidos na convocatoria e da competencia para proceder ó nomeamento.

6.2. Da resolución daráselle conta ó Pleno da Corporación e trasladarase á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para as Administracións Públicas, órgano ó que corresponderá a anotación no rexistro correspondente e a súa publicación no Boletín Oficial del Estado; así como á Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia.

7. Toma de posesión.

Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos para os funcionarios con habilitación nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

8. Norma supletoria.

No non establecido nas presentes bases será de aplicación o capítulo V do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, (BOE do 9 de agosto de 1994), de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

9. Impugnación.

Contra as presentes bases e cantos actos administrativos deriven delas poderán recorre-los interesados na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

96-1935