Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 1996 Páx. 2.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de febreiro de 1996 pola que se convocan axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1996 e organizadas polas asociacións e fundacións legalmente constituídas que teñan nos seus estatutos como fin preferente a formación do profesorado e non teñan a consideración de movementos de renovación pedagóxica.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades necesarias de formación permanente do profesorado e garantirán unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades (artigo 56.3º).

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consciente da importancia que ten a formación permanente do profesorado de cara á mellora da calidade da ensinanza e á potenciación no uso do galego e a renovación da metodoloxía e das técnicas didácticas que se aplican nos centros docentes, e, consciente da repercusión e incidencia real que teñen os movementos de renovación pedagóxica en canto a que contribúen ó desenvolvemento deste proceso e potencian a realización de actividades de perfeccionamento e a formación de grupos de traballo xurdidos da propia iniciativa do profesorado, pretende facilita-lo logro destes objetivos ó través da concesión de axudas económicas.

Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

1. Convócanse axudas económicas para a organización durante o ano 1996 de actividades de formación do profesorado dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis non universitarios e que dinamicen o ensino en galego.

2. O importe máximo total das axudas que se concedan é de 10.000.000 de ptas., con cargo ó concepto orzamentario 07.03.322I.480.0.

3. Poderán ser beneficiarios destas axudas os movementos de renovación pedagóxica legalmente constituídos e recoñecidos cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.

4. Os movementos de renovación interesados deberán dirixi-las súas solicitudes, conforme o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, edificio San Lázaro, 15771 Santiago de Compostela, acompañadas da seguinte documentación:

A. Programa das actividades desenvolvidas ou que van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B. Orzamento, conforme o anexo III, tendo en conta os módulos económicos que figuran no anexo IV.

C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal e fotocopia compulsada dos estatutos do movemento de renovación pedagóxica.

D. Fotocopia do CIF.

E. Documentación acreditativa da representación que exerce o solicitante.

F. Certificación bancaria da conta corrente.

5. O prazo para a presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. As actividades (deseño, convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego e de acordo co Decreto 173/1982, sobre normativización da lingua galega, e na disposición

adicional da lei 3/1983, de normalización lingüística, e irán dirixidas fundamentalmente a profesores en activo na Comunidade Autónoma, e non deberán supera-la participación doutros colectivos o 30 por cento do total de asistentes; este extremo deberá ser reflectido na memoria presentada.

7. Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que fomenten o ensino en galego e que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos no Plan Galego de Formación Continuada do Profesorado de Niveis non Universitarios e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:

7.1. Actualización pedagóxico-didáctica:

-Orientacións teórico-prácticas para a elaboración de proxectos de centro.

-Deseño e desenvolvemento curricular. Proxectos curriculares.

-Introducción de novos elementos culturais-saúde, medio ambiente, educación para a paz, coeducaciónnas distintas áreas do currículo.

-Desenvolvemento de adaptacións curriculares para alumnos con necesidades educativas especiais.

-Educación de adultos e alfabetización.

7.2. Actualización científico-técnica:

-En tódolas áreas do currículo.

-Do profesorado de formación tecnolóxica, de cara á implantación das ensinanzas técnico-profesionais, nos contidos da educación tecnolóxica e das distintas familias profesionais.

7.3. Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.

7.4. Xestión e organización de centros educativos.

7.5. A orientación e a titoría.

8. A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes e a adecuación dos proxectos ó establecido no artigo 7 da presente convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas.

9. Comisión de selección. Constituirase unha comisión de selección integrada por:

-O director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

-A subdirectora xeral de Ordenación Educativa.

-A xefa do Servicio de Formación do Profesorado.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-2 representantes de movementos de renovación pedagóxica

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

10. Resolución da convocatoria. Unha vez rematado o proceso de selección, formularáselle a proposta de concesión de axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a contía das axudas. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de tres meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

11. O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación, que se deberá realizar antes do 10 de outubro de 1996 para as actividades celebradas ata o 30 de setembro e antes do 10 de decembro de 1996 para as actividades de outubro a decembro do mesmo ano. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados coa mesma data na que se lle comunique a concesión das mesmas.

12. O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presenta-la xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos realizados. Esta reducción será proporcional á diminución dos gastos orzados.

13. Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das axudas, conforme a Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, do 7 de outubro, as seguintes:

a) Comunicar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade, procedente de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

b) Reintegra-la axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 78.6º da citada Lei 11/1992.

14. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as inspeccións oportunas orientadas a comproba-la veracidade dos datos facilitados, así como a utilización dos fondos concedidos.

15. Esta orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

PROXECTO

Esquema do seu contido:

1. Título:

2. Entidade organizadora:

3. Lugar de celebración:

4. Data de realización:

5. Obxectivos:

6. Programa do contido das actividades:

7. Número de participantes:

8. Nivel/is ou modalidade/s de ensino que impar-

ten os profesores asistentes:

9. Ámbito de actuación (local, comarcal, pro-

vincial, autonómica, nacional, internacional):

..., ...de ...de 1996

O representante legal

(Selo)

ANEXO IV

MODELO DE ORZAMENTO

I. Ingresos

1.1. Cotas de inscriciónpesetas

1.2. Subvencións (inclúase declaración xurada):

Comunidade autónomapesetas

Deputación depesetas

Concello depesetas

Caixa de Aforros depesetas

Outrospesetas

pesetas

pesetas

Total ingresos

II. Gastos

2.1. Gastos de ensino

2.1.1. Dirección e coordinaciónpesetas

2.1.2. Horas de clasepesetas

2.1.3. Comunicaciónpesetas

2.1.4. Relatorios ou conferenciaspesetas

2.1.5. Horas de traballopesetas

2.1.6. Horas de xestión, secretaría e

planificaciónpesetas

Total 2.1.

2.2. Gastos de material

2.2.1. Material funxiblepesetas

2.2.2. Publicacións e impresospesetas

2.2.3. Material de paso audiovisualpesetas

2.2.4. Libros e material didácticopesetas

Total 2.1.

2.3. Outros gastos

Total 2.3.

Total gastos (2.1.+2.2.+2.3).

9602075