Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 1996 Páx. 2.611

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 1/1996, do 5 de marzo, de regulación das actividades feirais de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 27.16º do Estatuto de autonomía para Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de feiras e mercados interiores.

Na súa virtude, e dada a importancia das actividades feirais como elemento dinamizador da economía galega e medio de promoción dos seus productos, a súa evolución ó longo do tempo e a necesaria aplicación no marco da Unión Europea dos principios de libre concorrencia, libre prestación de servicios e liberdade de establecemento, faise necesario que a Comunidade Autónoma dicte unha nova normativa na materia co fin esencial de acadar uns servicios feirais que se correspondan coa demanda existente e ó mesmo tempo garanti-la eficacia práctica, na nosa comunidade, daqueles principios.

A presente lei, estructurada en seis capítulos, unha disposición transitoria, unha adicional, unha derrogatoria e unha derradeira, establece o marco normativo para que o conxunto de actividades que constitúe o seu ámbito de aplicación sexa conforme á realidade actual e contribúa deste xeito á ampliación dos intercambios comerciais mediante o achegamento entre a oferta e a demanda.

A lei define as actividades feirais que se inclúen no seu ámbito de aplicación diferenciando entre actividades de carácter oficial, para a condición das cales a súa adquisición está suxeita ó cumprimento de requisitos específicos fixados na propia lei, e actividades de carácter privado, respecto das cales a súa realización pode levarse a cabo por calquera persoa física ou xurídica, coa única limitación da necesaria autorización administrativa previa.

Así mesmo fíxanse as actividades excluídas do seu ámbito ben en razón do seu carácter tradicional (mercados destinados ás transaccións de gando, productos agrícolas e pesqueiros e outros de uso e consumo corrente), da natureza dos productos obxecto dela (exposicións dirixidas a productos culturais, científicos, educacionais e artísticos), do obxecto principal da súa finalidade (realización de vendas directas con retirada de mercadorías durante o seu desenvolvemento) ou da súa suxeición á normativa específica (actividades promocionais desenvolvidas por establecementos comerciais).

Doutra banda, a lei sinala como requisito necesario para a realización de calquera actividade incluída no seu ámbito de aplicación a autorización previa da Administración, podendo establecer esta, como condición para a súa concesión, a prestación dunha fianza.

Finalmente recóllese o Rexistro Oficial de Actividades Feirais e regúlase o réxime sancionador dirixido a garanti-lo cumprimento das prescricións legais.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgou en nome de El-Rei a Lei de regulación de actividades feirais de Galicia.

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente lei ten por obxecto a regulación das actividades feirais que se realicen en Galicia, con excepción das que sinala o artigo seguinte.

2. Terán a condición de actividade feiral as manifestacións de carácter comercial de duración limitada que, reunindo unha pluralidade de expositores, teñan por obxecto a exhibición de bens ou a oferta de servicios.

Artigo 2º.-Ámbito.

Quedan excluídas do ámbito desta lei:

a) As feiras ou os mercados dedicados fundamentalmente ás transaccións de gando, productos agrarios e pesqueiros e outros de uso ou consumo corrente, con independencia da súa periodicidade.

En calquera caso, os certames gandeiros están sometidos á vixente lexislación específica sobre gandería e sanidade animal.

b) As feiras que, con independencia da súa periodicidade, se dirixan ó público en xeral e teñan por obxecto a venda directa con retirada de mercadorías durante o seu desenvolvemento.

c) As actividades de carácter promocional organizadas polos establecementos comerciais, con independencia da súa duración.

d) As exposicións que teñan por obxecto a exhibición, con ou sen venda, de productos da cultura, a ciencia, a educación e a arte.

Capítulo II

Clasificación

Artigo 3º.-Clasificación.

1. As actividades feirais que constitúen o ámbito de aplicación desta lei clasifícanse:

-Por razón da súa periodicidade, en feiras e exposicións.

-Por razón da oferta exhibida, en multisectoriais e monográficas.

2. Son feiras as actividades feirais de carácter periódico, dirixidas fundamentalmente ó público profesional, nas que non se realicen vendas coa retirada de mercadorías durante o seu desenvolvemento.

3. Son exposicións as actividades feirais de carácter non periódico, dirixidas fundamentalmente ó público profesional, nas que non se realicen vendas coa retirada de mercadorías durante o seu desenvolvemento.

4. Tanto nas feiras coma nas exposicións poden admitirse pedidos e perfeccionarse contratos de compravenda.

5. Teñen a consideración de multisectoriais ou xerais aquelas feiras ou exposicións nas que se exhiba unha oferta representativa de distintos sectores da actividade económica e de monográficas ou salóns aquelas respecto das cales a oferta se refira a un único sector.

Capítulo III

Actividades feirais oficiais de Galicia

Artigo 4º.-Cualificación.

1. A Xunta de Galicia poderá outorgarlles ás feiras a cualificación de oficial.

2. O outorgamento da cualificación de oficial esixirá a concorrencia, como mínimo, das características seguintes:

a) Que estean organizadas por persoa xurídica.

b) Que teñan lugar en instalacións permanentes dotadas dos servicios convenientes para este tipo de actividades.

c) Que conten cun número mínimo de expositores e metros cadrados de superficie de exposición que regulamentariamente se determine.

d) Que o seu ámbito de influencia sexa igual ou superior ó da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que dispoñan dun regulamento de participación dos expositores.

Artigo 5º.-Regulamento de participación.

O regulamento de participación dos expositores citado no artigo 4º e) desta lei terá, como mínimo, o seguinte contido:

a) Dereitos e obrigacións dos expositores.

b) Criterios que establezan unha orde de prioridade no tocante ás solicitudes de participación.

c) Procedemento relacionado coas distintas cuestións que se formulen entre os participantes e regulación dun órgano de carácter arbitral, que será o encargado de dirimi-las ditas cuestións.

Artigo 6º.-Comité organizador.

A organización de feiras oficiais esixirá a constitución dun comité organizador, no que estará representada a entidade organizadora, a Administración autonómica, o concello onde deba realizarse e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación da correspondente demarcación.

Artigo 7º.-Orzamentos.

As entidades organizadoras das feiras oficiais presentaranlle anualmente á consellería competente en

materia de comercio os respectivos orzamentos e as correspondentes liquidacións. Tamén presentarán a memoria anual das actividades realizadas.

Artigo 8º.-Calendario de feiras oficiais.

A consellería competente en materia de comercio publicará anualmente o calendario de feiras oficiais de Galicia.

Capítulo IV

Autorización de actividades feirais

Artigo 9º.-Autorización.

1. A realización de feiras ou exposicións requirirá a autorización previa da consellería competente en materia de comercio. Para tales efectos a devandita consellería deberá solicitarlles informe ós concellos afectados, cámaras oficiais de comercio, industria e navegación ou outras entidades.

A Administración autonómica exercerá facultades de coordinación para evitar duplicidades de feiras e exposicións oficiais.

2. Para os efectos sinalados no apartado anterior, a solicitude de autorización realizarase de conformidade co que regulamentariamente se estableza.

3. A consellería competente en materia de comercio poderá esixirlle ó organizador da actividade feiral a prestación dunha fianza na forma e contía que regulamentariamente se determine.

4. Calquera modificación nas condicións da autorización deberá ser obxecto de solicitude ante a Consellería competente por razón da materia.

5. O prazo para resolver sobre a autorización á que se refiren os apartados anteriores será de tres meses. A falta de resolución expresa da Administración producirá efectos estimatorios co alcance previsto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Vixencia da autorización.

1. A autorización da realización de feiras terá unha vixencia de dous anos, de acordo cos criterios e coas condicións que regulamentariamente se establezan, con posibilidade de prórroga por petición do organizador, de conformidade co procedemento sinalado no artigo anterior.

2. A autorización dunha exposición terá vixencia para unha única edición.

Artigo 11º.-Requisitos.

O organizador da actividade feiral fará constar na solicitude de autorización:

-A denominación, o ámbito territorial, a duración, a data e o lugar de realización.

-Os productos ós que se dirixe e a previsión de participantes.

-Os recursos económicos dos que dispón.

-As características do espacio físico no que se vai desenvolve-la actividade, así como os servicios dos que dispón.

-Aqueloutras circunstancias que, se é o caso, se determinen regulamentariamente.

Artigo 12º.-Suspensión.

A consellería competente por razón da materia poderá suspende-la realización dunha actividade feiral autorizada cando ó longo do seu desenvolvemento se constate o incumprimento das prescricións desta lei e das disposicións que a desenvolvan.

Artigo 13º.-Denegación.

Son causas de denegación de autorización:

a) A non prestación da garantía se é o caso esixida e á que fai referencia o apartado 3 do artigo 9 desta lei.

b) A falta de solvencia técnica ou económica do organizador.

c) A existencia de circunstancias das cales poida derivarse unha falta da seguridade das persoas, dos productos, das instalacións industriais e do medio ambiente.

Artigo 14º.-Obrigacións.

Son obrigacións do organizador da actividade feiral:

a) Solicita-la autorización á que se refire o artigo 9 da presente lei.

b) Presta-la garantía que, se é o caso, estableza a Administración.

c) Realiza-la actividade feiral de conformidade coas condicións establecidas na autorización.

d) Responsabilizarse do cumprimento das prescricións establecidas nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan e, en xeral, da normativa vixente, así como da seguridade das persoas, dos productos, das instalacións industriais e do medio ambiente.

Capítulo V

Rexistro Oficial de Actividades Feirais

Artigo 15º.-Rexistro.

1. A consellería competente en materia de comercio levará un Rexistro de Actividades Feirais de Galicia no que se inscribirán de oficio as actividades autorizadas.

2. Os datos que figuren no rexistro terán carácter público, e deberá comunicárselle á consellería competente en materia de comercio calquera modificación dos datos relativos ás actividades feirais inscritas.

3. As normas de organización e funcionamento do rexistro estableceranse regulamentariamente.

Capítulo VI

Réxime sancionador

Artigo 16º.-Infraccións.

1. As infraccións ó disposto nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan serán cualificadas en leves, graves e moi graves.

2. Son infraccións leves:

a) A non comunicación ó rexistro dos datos relativos ás actividades feirais inscritas nel.

b) As infraccións ó establecido nesta lei que non poidan ser cualificadas como graves ou moi graves.

3. Son infraccións graves:

a) A realización de actividades feirais sen a autorización prevista nesta lei.

b) A venda con retirada de mercadorías dentro do recinto feiral e durante o seu desenvolvemento.

c) A non realización de feiras e exposicións autorizadas salvo que concorran circunstancias singulares debidamente xustificadas.

d) O non cumprimento das condicións establecidas na autorización.

e) A reincidencia na comisión de infraccións leves no período de un ano.

4. Son infraccións moi graves:

a) O uso indebido da denominación «Feira oficial» en feiras non recoñecidas como tales.

b) Calquera infracción ó establecido nesta lei cando dela deriven alteracións da orde pública ou un notable prexuízo para o interese xeral.

c) A reincidencia na comisión de infraccións graves no período de dous anos.

5. Para os efectos do disposto nos apartados 3 e) e 4 c) deste artigo, entenderase que existe reincidencia cando, no período indicado, se cometa máis de unha infracción da mesma natureza e así fose declarado por resolución firme.

Artigo 17º.-Sancións.

1. As sancións que se impoñan polas infraccións tipificadas nesta lei serán:

a) No caso de infraccións leves, multa de ata 500.000 ptas.

b) No caso de infraccións graves, multa de 500.001 ata 5.000.000 de ptas.

c) No caso de infraccións moi graves, multa de 5.000.001 ata 15.000.000 de ptas.

2. En todo caso, para a graduación das sancións terase en conta a transcendencia social da infracción, a intencionalidade, os efectos económicos producidos e a reincidencia.

Artigo 18º.-Prescrición.

1. As infraccións previstas nesta lei prescribirán ós seis meses se son leves, ós dous anos se son graves e ós cinco anos se son moi graves.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar ó día seguinte da súa comisión ou a partir da súa finalización se se trata dunha infracción continuada. O prazo de prescrición interromperase no momento no que se inicie, con coñecemento do infractor, o procedemento sancionador, e volverase inicia-lo cómputo cando o procedemento remate sen sanción ou se paralice por causa non imputable ó infractor.

3. As sancións previstas nesta lei prescribirán ó ano se son leves, ós dous anos se son graves e ós tres anos se son moi graves.

4. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impoña a sanción. O prazo interromperase coa iniciación, con coñecemento do infractor, do procedemento de execución, e volverá transcorre-lo prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ó infractor.

Artigo 19º.-Procedemento sancionador.

O procedemento para a imposición das sancións axustarase ó establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nas normas que a desenvolvan.

Artigo 20º.-Incoación.

O órgano con competencias para incoa-los procedementos sancionadores por infracción do disposto nesta lei determinarase regulamentariamente.

Artigo 21º.-Órganos competentes.

Os órganos competentes para impoñe-las sancións establecidas nesta lei serán:

a) O director xeral competente para as derivadas de faltas leves.

b) O conselleiro competente na materia para as derivadas de faltas graves.

c) O Consello da Xunta de Galicia para as derivadas de faltas moi graves.

Artigo 22º.-Medidas complementarias.

O Consello da Xunta de Galicia poderá acorda-lo pechamento dos establecementos, das instalacións ou dos servicios onde se realicen actividades feirais que non conten coas autorizacións preceptivas.

Artigo 23º.-Recursos.

Contra as resolucións dictadas en cumprimento do establecido nesta lei poderán interpoñerse os recursos correspondentes, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para actualiza-lo importe das sancións establecidas nesta lei.

Disposición transitoria

No prazo dos seis meses seguintes á entrada en vigor desta lei, as institucións feirais existentes adaptaranse ás disposicións dela.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o título IV (Dos certames feirais) da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, o Decreto 296/1985, do 14 de novembro, regulador dos certames feirais

de Galicia, e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a esta lei.

Disposición derradeira

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Santiago de Compostela, cinco de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

96-1964